fbpx
Veciños caracterizados como viquingos na Romaxe Viquinga do Vicedo / Cadena Ser

A Romaxe Viquinga do Vicedo abre unha nova polémica sobre a presenza dos normandos en Galicia

Tempo de lectura: 2 min.

A presenza viquinga na Mariña lucense segue sendo moi cuestionada, sobre todo, en determinados foros arqueolóxicos. A celebración da segunda romaría viquinga do Vicedo, na praia de San Román, onde tamén se atopa o xacemento arqueolóxico de Os Moutillós, provocou algunhas críticas a través das redes sociais.

Así, algúns profesionais da arqueoloxía suliñan que non hai “evidencias claras” nin de grandes razias viquingas en Galicia, e moito menos, de asentamentos na costa. Unhas opinións que chocan coas afirmacións de algúns investigadores, e do arqueólogo navarro Iñaki Sagredo, que escavou, precisamente, en Os Moutillós, e que cren que podería tratarse do primeiro da península con vestixios desas invasións.

A romaría viquinga do Vicedo congregou a milleiros de persoas na praia de San Román no que houbo recreacións de desembarcos viquingos. A xornada empezou ás nove e media da mañá do pasado sábado coa apertura do campamento e o inicio dos talleres de tablet-weaving -un tipo de tear-, de traballos en coiro, de nalbilding -unha técnica para tecer-, e de talla e tirada de runas.

Entre as doce e as dúas da tarde recreouse a batalla no entre os viquingos e os cabaleiros cristiáns da Orde de Santiago. Á unha da tarde chegou o barco viquingo e unha hora máis tarde o arqueólogo Iñaki Sagredo e o actor Bruxo Queiman impartiron unha charla sobre Os Moutillós.

 

Garda Civil

Desde o concello suliñaron que a festa foi un “éxito” a pesar de que a Garda Civil do Mar interceptou á lancha que remolcaba ata as inmediacións de San Román ao barco viquingo cunha decena de veciños caracterizados a bordo para pedirlles a documentación. Precisamente, a embarcación interceptada era a do alcalde –que tamén ía de viquingo–.

A directora de Turismo, Nava Castro, e outros dirixentes do PP, caracterizados de época, na presentación da Romaxe Viquinga do Vicedo / xunta.gal

“Foi unha anécdota e agradecemos que nos deixaran desembarcar”, dicía logo o rexedor, o popular Jesús Novo. “Son dous anos, pero a Romaxe Viquinga apunta a consolidarse como un referente entre as festas de recreación histórica”, indicaba. Outros, en foros de FB, criticaron que o que se fixo no Vicedo foi unha “chapuza” e unha “copia” do desembarco de Catoira sen nengún “rigor histórico”.

A Xunta avala a orixe normanda

Con todo, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, patrocinou esta festa e mesmo estivo na súa presentación. Así, amosou o seu desexo de que esta festa sirva para enxalzar a zona de os Moutillós, “na que se pode apreciar un asentamento normando”. “Supón un reclamo turístico diferencial de Galicia que se debe promover e conservar, e con festas como estas contribuímos a acadalo”, explicou.

A segunda edición da Romaxe Viquinga de O Vicedo alíñase, dixo, coa Estratexia do Turismo de Galicia 2020, a folla de ruta transversal, dinámica e participativa do turismo galego para os vindeiros catro anos composta por 11 liñas de traballo e que conta cun investimento total de máis de 240 millóns de euros. Entre as liñas de traballo inclúese a de potenciar os valores diferenciadores de Galicia, como as festas galegas.

Pode que che interese...