fbpx
Oficio relixioso en San Martiño de Mondoñedo / mondonedo ferrol.org

Unha casa reitoral acollerá o centro de interpretación da primeira catedral de España, de orixe celta

Tempo de lectura: 3 min.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acaba de formalizar o contrato de obras de adecuación da casa reitoral de San Martiño de Mondoñedo, na localidade lucense de Foz, para acoller o novo centro de interpretación da Igrexa de San Martiño, considerada como a catedral católica máis antiga de Galicia e de España que aínda se mantén en pe. De feito,

Esta igrexa data do século IX cando se converteu en sé de dous bispados do Reino de Galicia, un trasladado desde Dumio, no distrito de Braga (Portugal), e outro trasladado desde Bretoña, na provincia de Lugo.

Con todo, a historia desta sé comezou no século VI cando un grupo de cristiáns celtas britóns chegaron fuxindo dos anglosaxóns desde a provincia romana de Britania e establecéronse en Galicia. Fixaron a súa capital en Bretoña e fundaron un bispado que chegou a ter gran influencia, participando regularmente nos Concilios de Toledo.

Máis tarde, no ano 866, o bispado de Dumio tivo que abandonar a súa sé por causa da conquista musulmá refuxiándose nun lugar chamado Mendunieto, o lugar actual da Basílica, e que co tempo derivaría ó nome de San Martiño de Mondoñedo.

Pero entre o ano 966 e o 971, segundo algunhas crónicas, os viquingos destruíron Bretoña e o bispado tivo que trasladarse ó que despois sería San Martiño de Mondoñedo, lugar ofrecido polo rei Afonso III para fundar un mosteiro e como sé episcopal dobre (dumiense de Dumio e britoniense de Bretoña) e cuxo primeiro bispo foi Sabarico.San Martiño foi capital até 1112 da terra dos bretoñeses.

San Martiño de Mondoñedo foi a primeira catedral de España / romanicoaragones.com

Edificio románico

O edificio actual é románico de finais do século XI e os recios contrafortes son obra do século XVIII. Desde o ano 1931 está catalogada como BIC e no 2007 obtivo a categoría de basílica.

O novo Centro de Interpretación fará fincapé no interese deste conxunto monumental. Tras a colaboración da Consellería, será o Concello quen asuma a xestión deste novo espazo e os custos derivados da súa apertura pública, incorporándoo á oferta de visita pública, de contido cultural e turístico que xa neste momento está a desenvolver na igrexa de San Martiño. Pola súa parte a Diocese accede á instalación deste museo nas instalacións da reitoral, así como a ceder pezas para a súa exhibición neste espazo.

Actuacións

Interior da Igrexa de San Martiño de Mondoñedo / Galipedia

Ao abeiro do contrato formalizado, realizaranse obras de adecuación da casa reitoral, sita nunha finca contigua á da igrexa, así como de equipamento da mesma para acoller o Centro de Interpretación. En concreto o proxecto museístico exhibirase na planta baixa da reitoral, metade da planta primeira e na cámara do bispo, no segundo andar. O percorrido comezará, con todo, no exterior, onde se colocarán paneis que expliquen a evolución do templo.

As diferentes salas do Centro de Interpretación contarán tamén con paneis informativos, pantallas de vídeo ou furnas, e estarán organizadas arredor dun elemento fixo central, unha caixa de madeira, sobre a que tamén se poderán exhibir pezas.

O discurso expositivo será cronolóxico pola historia da construción da igrexa ata rematar na parte máis alta do edificio, a cámara do bispo, desde onde se poderá gozar dunha vista diferente da igrexa así como contemplar as pezas máis importantes da mostra: o anel, o báculo e a porta recuperada do cruceiro do templo.O Centro de Interpretación completarase coa instalación no primeiro andar dunha sala polivalente para conferencias, proxeccións, presentacións, cursos e exposicións temporais.

O importe total do investimento previsto por parte da Consellería, ao abeiro do convenio asinado o pasado ano co Concello de Foz e a Diocese Mondoñedo-Ferrol, para financiar todas as actuacións que permitan a apertura do devandito centro é de 200.000 euros.

Pode que che interese...