Antonio Fernández Morales, o militar criado no Bierzo que escribía e falaba galego no XIX
Cacabelos rendeulle esta fin de semana unha sentida homenaxe ao intelectual Antonio Fernández Morales no día do seu bicentenario. Unha sentida homenaxe na que se destacou, sobre todo, o pulo que este berciano de adopción lle deu á lingua galega nun momento no que, nin tan sequera, era considerada en Galicia.
O certo é que Fernández Morales foi autor dos Ensaios poéticos en dialecto berciano, obra escrita integramente en galego e saída do prelo en 1861, uns anos despois d’A Gaita Gallega (1853) de Pintos, o primeiro libro do Rexurdimento, e antes do Álbum de la Caridad (1862) e dos Cantares Gallegos de Rosalía de Castro (1863).
Polo tanto, o seu, sería o segundo libro en galego do chamado Rexurdimento, a época na que o galego comezou a saír dos seus séculos escuros. Así o lembrou José Luis Puerto nunha comunicación na que sinalou que a súa é “unha obra poética breve, tanto en galego como en castelán”, que se recolle en tres conxuntos: os devanditos Ensaios, os poemas en castelán editados pola revista leonesa El Esla e o libro en castelán titulado Ensayos poéticos (1876). “Estamos ante un autor que, pese a recibir a influencia romántica, en diversos aspectos, en poesía está marcado pola vixencia aínda da poesía ilustrada do século XVIII, así como por dúas das varias correntes que se producen na segunda metade do século XIX: a poesía civil de expresión grandilocuente, así como a poesía erudita e clasicista”, indicou.
Cacabelos foi a localidade onde medrou e aprendeu o galego este militar. Por iso, foi alí onde se celebrou esta fin de semana a derradeira das tres xornadas do programa arredor da súa vida e obra coorganizado pola Real Academia Galega, o Instituto de Estudios Bercianos e a Comisión Cultural Martín Sarmiento
Un recital poético e unha ofrenda floral no cemiterio de Cacabelos no que está enterrado Antonio Fernández Morales, xusto o día do bicentenario do seu nacemento, puxéronlle fin ao Simposio do Bicentenario / XI Xornadas de Autor IEB. Antonio Fernández Morales: o cantor do Bierzo.
O Bierzo é unha comarca de 38 concellos e cunha poboación de máis de 135.000 habitantes. Históricamente estivo sempre moi vinculada a Galicia e Asturias e a maior parte da súa zona occidental foi históricamente galegofalante. Hoxe en día son concellos galegofalantes: Barxas, Borrés, Cacabelos, Candín, Carucedo, Carracedelo, Corullón, Oencia, Ponte de Domingos Flórez, Sobrado, Toural dos Vaos, Trabadelo, Valboa, A Veiga de Valcarce e Vilafranca do Bierzo. Ademais fálase tamén o galego en zonas dos concellos de Arganza, Benuza, Camponaraia, Fabeiro, Peranzais, Ponferrada, Priaranza e A Veiga de Espiñareda.