Entullo e maquinaria pesada arrasan parte dunha necrópole megalítica no parque empresarial de Friol
O Colectivo Patrimonio dos Ancares e ADEGA acaban de presentar unha denuncia ante o Servizo do Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia e o Servizo de Protección da Natureza da Garda Civil (SEPRONA) por unhas remocións de terra con maquinaria pesada que están a efectuar no parque empresarial de Friol e que afecta gravemente a unha necrópole megalítica formada por catro mámoas.
Estes colectivos comprobaron que sobre a mámoa catalogada coa clave GA27020050 está a pasar maquinaria pesada. “Obsérvanse claramente as profundas rodeiras, feito que está a danala e alterala gravemente”, apuntan nun comunicado. Para as obras da construción da nave os camións están pasar, literalmente, sobre o túmulo megalítico. Ademais, ao seu carón están a acumular entullos das obras.
Por iso pediron xa, de forma urxente, que se tomen as medidas necesarias para protexer o enterramento megalítico e, de ser o caso, se concreten as responsabilidades penais, civís e/ou administrativas que puideran derivarse dunhas actuacións que consideramos moi graves e que vulneran a Lei do Patrimonio Cultural de Galicia. Tamén lle piden á Dirección Xeral de Patrimonio que lles informe si se solicitou permiso para facer as obras, permiso obrigatorio cando afecta a un xacemento arqueolóxico.