Poñen en valor o Monte do Castro de Ribadumia, a fortaleza das 100.000 pezas arqueolóxicas e a cabeza castrexa
O Monte do Castro de Ribadumia é un dos grandes poboados castrexos de Pontevedra. Nas escavacións que alí se realizan desde hai quince anos atopouse unha escultura antropomorfa en 2012 que algúns autores intrepretean como a cabeza dun guerreiro castrexo, esculturas que teñen aparecido nos muros doutros castros.

Escultura antropomorfa atopada no Monte do Castro de Ribadumia, que algúns autores asocian coa cabeza dun guerreiro castrexo / Galipedia
No xacemento do Monte do Castro xa están documentadas máis de 100.000 pezas arqueolóxicas, algunha delas únicas no Noroeste da Península Ibérica como por exemplo un gran caldeiro de bronce, unha fíbula ou peza metálica utilizada na antigüidade para unir ou suxeitar algunha das pezas que compuñan o vestido con forma de leóns e unha cerámica votiva decorada, todos eles expostos no Museo Provincial de Pontevedra.
Conservación
O equipo de arqueoloxía da Deputación de Pontevedra iniciou xa unha nova fase nos traballos de conservación e restauración deste xacemento. As intervencións, que se estenderán ao longo dos próximos catro meses, centraranse na realización de traballos en tres zonas escavadas pero non consolidadas destes restos arqueolóxicos, localizadas en diferentes áreas do xacemento: a croa, a entrada Norte e a muralla, o que supón unha intervención nunha superficie total de 2.800 metros cadrados.
O grupo de traballo responsable das obras está formado por 17 persoas: tres arqueólogos, dúas restauradoras e doce auxiliares de restauración e arqueoloxía, que realizarán traballos de conservación e restauración, así como pequenas rectificacións que quedaron pendentes na Fase III. Ao igual que noutros xacementos xestionados pola Deputación de Pontevedra como o da Lanzada, Castro de Alobre ou Santa Trega, as intervencións serán abertas ao público e se organizarán visitas guiadas xestionadas polo Concello de Ribadumia.
Finalización das obras de consolidación da Lanzada
O Monte do Castro será, agora, o novo obxectivo do equipo da Deputación tras rematar a Fase III da intervención do xacemento da Lanzada, que comezou a executarse o pasado mes de maio e na que se realizaron traballos de tapado, limpeza, consolidacións, restauración, drenaxe, recheos e recreacións no que participaron 17 persoas e a asistencia de tres alumnas en prácticas da Escola de Restauración de Bens Culturais de Pontevedra grazas ao convenio asinado entre a Deputación de Pontevedra e dita institución.

Excavacións na Lanzada / Youtube- Os restos do Pasado
O traballo, agora rematado, se centrou nos 2.200 metros cadrados da intervención e nas estruturas documentadas testemuñas dos 5 momentos de ocupación deste espazo: Estancias e estruturas vinculadas á factoría de “salgados/salsas/conservas” que se encadran entre os séculos III e II a. C.; a construción circular da área de escavación e outras que non se chegaron a escavar que se encadran entre os séculos II e I a. C; na construción dun muro de aterramento, e unha serie de construcións rectangulares e outra estrutura circular, do século I a. C. a mediados do I d. C.; na formación dun nivel de duna e aparición de enterramentos infantís de mediados do I a mediados do II d. C.; na construción de unha planta rectangular (a posible igrexa), escavada en gran parte nos anos 70; e no enterramento dos 3 individuos adultos documentados.
Lembramos que a intervención arqueolóxica na Lanzada sacou á luz ata 17 esqueletos, 14 de nenos datados entre os século I d. C. e II d. C., e máis de 15.000 pezas, entre as que destaca o gran volume de “terra sigillata” (cerámica de luxo romana) así como 358 metais entre os que ten especial importancia unha espada de 33 centímetros pertencente aos séculos VIII e/ou IV a. C. Todos os achados atopados no xacemento da Lanzada puxeron de manifesto que xa 600 anos antes da chegada dos romanos se realizaban intercambios comerciais de envergadura con Italia, Tunisia ou Palestina desde esta zona do Salnés. Durante estes meses de traballo de consolidación na Lanzada, case un millar de persoas participaron nas visitas guiadas á escavación arqueolóxica para coñecer in situ o xacemento.