fbpx
Pintura de muller que mira o mar
Pintura de muller que mira o mar

Cursos sobre historia da arte en Vigo

Tempo de lectura: 2 min.

A Sede Afundación e o Teatro Afundación de Vigo albergarán dous cursos sobre arte que comezarán a vindeira semana e se prolongarán ata o mes de abril. Ambos os programas serán impartidos por Ana Pereira Molares, doutora en Historia da Arte.

A programación iniciarase co curso «De Piero della Francesca a Bansky: vida e obra de trinta figuras da historia da arte» o vindeiro luns 30 de outubro na Sede Afundación Vigo (Policarpo Sanz, 26). A partir desa data impartirase todos os luns ata o 16 de abril en horario de 19.30 a 21.00 h. Neste curso os asistentes poderán aproximarse a algunhas das figuras máis relevantes da historia da arte tomando como punto de partida o Quattrocento italiano con della Francesca e Botticelli e pasando por artistas como Caravaggio, Rubens, Velázquez, Goya, Picasso, Kandinsky, Warhol, Antoni Tàpies ou Miquel Barceló, entre outros, ata finalizar o percorrido coa arte urbana de Obey e Bansky.

«Arte e sociedade na España moderna e contemporánea» é a segunda proposta formativa desta programación que comezará o martes 31 de outubro na sala de conferencias do Teatro Afundación (Policarpo Sanz, 13) e continuarase impartindo todos os martes ata o 17 de abril en horario de 19.00 a 20.30 h. Neste curso analizarase o contexto social, político e cultural de diferentes etapas da historia de España, comezando no século XV, e as expresións artísticas froito de cada etapa ata a actualidade.

A docente

Ana Pereira Molares é licenciada en Historia da Arte pola Universidad Autónoma de Madrid, onde obtivo o Premio Extraordinario Fin de Carreira, e doutora en Historia da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela.

Compaxinou a actividade docente cun intenso labor investigador, centrado fundamentalmente no estudo dos diferentes perfís tipolóxicos da arquitectura galega do período barroco. Deste traballo nacen as publicacións A arquitectura do pazo en Vigo e a súa comarca, publicado polo COAG; Os pazos. Moradas fidalgas de Galicia, editado baixo o patrocinio da Editorial Galaxia; e Galicia, terra de pazos. É autora tamén da publicación Arquitecturas y arquitectos en la Diócesis de Tui. Siglos xvii y xviii, un traballo que ten como fundamento a tese doutoral que defendeu na Universidade de Santiago de Compostela, cualificada por unanimidade polo tribunal con sobresaínte cum laude.

Ten numerosos artigos publicados en diferentes revistas especializadas. Nos últimos anos a materia obxecto da súa investigación vese complementada por outras liñas de reflexión, orientadas ao ámbito dás artes plásticas. No ano 1998 é designada membro numerario do Instituto de Estudos Vigueses, sendo a primeira muller que ostenta tal cargo.

 

As inscricións pódense formalizar na web Ataquilla.com, no teléfono 902 504 500 ou na Sede Afundación de Vigo.  

Pode que che interese...