Distrito Altamira: A orixe da cidade de Compostela
O delimitado Distrito Altamira é posiblemente a zona habitada máis antiga do centro histórico de Compostela. Algúns especialistas determinan que ao redor desta delimitación, na zona de Altamira, existiu un castro prerromano que deu nome a actual Rúa do Castro.
Precisamente, hai uns días a asociación “Distrito Altamira” sacaba unha campaña na que pretende dinamizar esta zona vella da capital galega. Así, lembra que lenda Xacobea sinala que no século IX o anacoreta Paio parte da contorna da igrexa de San Fiz de Solovio para descubrir e sinalar o sepulcro romano do apóstolo.
Tamén asegura que o topónimo “Monte do Viso” dado ao pequeno outeiro existente polo Leste, fronte ao distrito, ten unha orixe romana e que o seu significado determinaba que o enclave de Aseconia (nome romano para o lugar de Compostela) atópase visado (orientado) coa cima do devandito monte coincidindo coa saída do sol nos equinoccios.
Na actualidade esta zona urbana delimitada posúe elementos patrimoniais, culturais, etnográficos e comerciais que a configuran como unha das máis ricas de Compostela e de Galicia. Por iso, e baixo o lema “Onde todo comeza e remata para os teus sentidos”, esta entidade convida a coñecer esta zona de Compostela.