Que fai un dolmen inctacto no concello no que xa existen outros 250 túmulos megalíticos catalogados?
Un dolmen practicamente intacto cunha estrutura de 1,20 metros de altura, con sete esteos chantados e unha lousa de cuberta. Ese foi o gran achado realizado en Friol froito da colaboración entre os servizos de Medio Rural e de Patrimonio, nunhas labores de limpeza nas que participou tamén o concello.
Foron os arqueólogos do Servizo de Patrimonio Cultural de Lugo os que sacaron á luz este excelente estado de conservación situado no monte veciñal de Vilalvite, en Friol. Agora estudarán os achados para tratar de recabar toda a información precisa e iniciarán o proceso para incluílo no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia. Nunha primeira aproximación, constataron que conserva a planta na súa integridade, sendo uns dos dolmens mellor conservado de cantos se coñecen na provincia de Lugo.
De feito, este novo achado dase nun concello, o de Friol, no que existen arredor de 250 túmulos inventariados. Un feito que non ten pasado desapercibido para os profesionais da arqueoloxía. Entre outros sobresae o conxunto de túmulos de Narla, algún de ata 60 metros de diámetro, e mesmo o dolmen da Capela do Vieiro, non moi lonxe do que agora foi atopado.
Gran tamaño
Segundo informa a Xunta, ao redor do dolmen vense restos dun túmulo moi rebaixado, que ten un diámetro de 6,30 metros no eixo norte–sur e conserva menos dun metro de altura. A entrada está orientada cara ao leste-nordeste. A lousa de cuberta ten 1,90 metros no eixo norte–sur e 1,50 metros no eixo leste–oeste; o grosor oscila entre os 30 e os 17 centímetros; está algo desprazada da colocación orixinal, presentando unha lixeira inclinación cara ao sur.
Nos últimos días completáronse os labores de limpeza da maleza que cubría o xacemento, nos que participou unha brigada do Concello de Friol. Desta forma, o dolmen queda visible e accesible para o público. A existencia dos restos no monte de Vilavite foi comunicada ao Servizo de Patrimonio de Lugo por persoal da brigada da Consellería do Medio Rural da zona.