fbpx
Coto da Vella, onde foi a topada a imaxe da virxe da Franqueira / afranqueira.org

A Franqueira, outro dos santuarios máxicos dos “homes libres” de Galicia

Tempo de lectura: 4 min.

Galicia ten santos das pedras, virxes do mar e tamén santas das fontes, como é o caso da Virxe da Franqueira. Un xeito de interpretar a relixiosidade galega que, segundo algúns estudiosos, entronca coa tradición prerromana da adoración da natureza e do que se nutriu, despois, o priscilianismo, que tanta implantación tivo na antiga Gallaecia.

A lenda conta que a imaxe apareceu baixo unhas rochas a case 1.000 metros de altitude, nun monte das inmediacións. Pronto a imaxe fíxose moi popular e adquiriu fama de milagreira. Precisamente, a antigüidade da Virxe da Franqueira pode remontarse ata o século V, nas primeiras épocas da conversión ao cristianismo dos habitantes galegos. Algúns autores din que o seu nome procede dun termo suevo que significaría “lugar dos homes libres ou francos, honrados”.

De feito, no “Parroquial Suevo” noméanse algunhas parroquias do interior da Diocese de Tui, algunhas delas moi preto da Franqueira, como por exemplo: Turedo (Touredo, parroquia de Luneda, limítrofe coa Franqueira); Tabudela (Taboexa, As Neves); Lucoparre (Lougares, Mondariz), Aureas (Areas, no arciprestado do Tea), Langetude (Languda, parroquia de Pías, Ponteareas). Tampouco se descarta a posible existencia de eremitas nesta zona como resultado da evanxelización. Algúns historiadores sosteñen que a fundación do cenobio da Franqueira débese ó Bispo San Martiño de Dumio (+580).

Igrexa de Santa María da Franqueira / Galipedia

Invasións sarracenas e normandas

Posteriormente a imaxe foi escondida debido ás incursións de saqueo que facían os musulmáns, primeiro, e os viquingos, despois, entre finais do primeiro milenio e principios do segundo. Así, hai constancia no 738 de invasións sarracenas capitaneadas por Aucupa. Conforme á tradición, a imaxe da virxe foi escondida por medo á súa profanación.

A Franqueira tamén sufriu as invasións normandas, especialmente, as do ano 1024 que deixaron completamente destruída Tui. Non hai constancia da data en que se atopa novamente a imaxe oculta no “coto da vella”, aínda que segundo a tradición que se transmite de pais a fillos, sábese que foi venerada nunha ermida e trasladada moi posteriormente ó mosteiro cisterciense e que é unha das advocacións máis antiga de Galicia. A conservación da “tradición” de saír en procesión a Virxe nun carro de labranza fai referencia a este fito.

A primeira referencia escrita a existencia da virxe da Franqueira é do ano 1063, cando o rei de Galcia Fernando I fixo unha doazón ao abade do mosteiro Alvito e aos freires que nel moraban. A parroquia tivo moita importancia na antigüidade. Ademais de aparecer en todos os mapas do antigo Reino de Galicia, en 1750, grazas ao censo do Marqués da Ensenada sábese que na vila xa existía unha hospedaría monacal, unha botica, catro mesóns, xastre, ferreiros de cabalos, oito arrieiros de viño do Ribeiro, e incluso dous traficantes que traían lenzos de teas dende Madrid. Con todo, o único que hoxe resta de todo ese complexo relixioso é a igrexa románica.

Romaría na Franqueira / afranqueira.org

Romarías

A parroquia da Franqueira tamén e coñecida polas súas romarías. Celébranse dúas importantes cada ano. Unha é a das pascuillas, que se celebra o luns seguinte ó domingo de Pentecoste, na que acoden representacións de varias parroquias en procesión con cadansúa imaxe da Virxe. Cando chegan á Franqueira proceden a un ritual, que é o saúdo á Virxe da Franqueira, que fan tódalas imaxes da Virxe que van ese día á Franqueira.

A outra romaría celebrase os días 7, 8, 9 e o domingo seguinte do mes de setembro, que coincide co nacemento da Virxe María: nese día chega moita xente á Franqueira polo camiño da Franqueira. Nesta romaría celébrase unha procesión ó acabar a celebración da eucaristía que vai acompañada por un grupo de 8 danzantes (catro homes e catro mulleres) que realizan as catro danzas (a dos paus, a dos arcos, a das cintas) e despois ten lugar a representación da loita entre os mouros e os cristiáns.

Celebración litúrxica na Igrexa da Franqueira / afranqueira.org

Santuarios Máxicos de Galicia

De feito, é de tal importancia este Santuario que a Xunta decidiuno incluír, xunto cos de Santo Andrés de Teixido, a Virxe da Barca ou a Virxe das Ermidas, nunha experiencia turística impulsada ao abeiro do produto cabeceira de marca de Turismo de Galicia Santuarios Máxicos que propón a visita a diferentes santuarios galegos.

Por iso, o Goberno galego acaba de destinar 130.000 euros para o acondicionamento interior do núcleo da Franqueira, que ano a ano reúne milleiros de peregrinos e visitantes na romaría da Virxe da Franqueira, festa de interese turístico de Galicia. Ao abeiro deste acordo, Turismo de Galicia levará a cabo actuacións que se centrarán en todo o conxunto de rúas interiores do núcleo para completar así o proceso de remodelación que xa se está executando. Os traballos centraranse no firme, detalles de encontros entre rúas e vivendas, sumidoiros e cambio de luminarias existentes.

Pode que che interese...