fbpx
Vista xeral do Castro de Elviña, na Coruña / Galipedia

O impresionante castro de Elviña renace das súas cinzas 70 despois

Tempo de lectura: 3 min.

 

O Concello da Coruña vén de poñer en marcha os novos traballos de consolidación do xacemento arqueolóxico do Castro de Elviña, unhas obras que afectarán aos 6.300 metros cadrados de superficie escavada para “recuperar e dignificar” esta peza do patrimonio da cidade. As obras prolongaranse durante cinco meses e completaranse, na primeira metade do ano que vén, cunha segunda fase de estudo dos materiais extraídos e a elaboración dunha memoria, para o seu tratamento e musealización.

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, acompañado do concelleiro de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, e de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela, visitou esta semana o Castro para supervisar o inicio das actuacións.”Falamos dunha intervención ambiciosa, unhas obras que teñen unha partida de máis de 800.000 euros e que afondan na que é unha liña estratéxica da Concellería de Culturas para o ano que vén, como é a posta en valor do patrimonio”, destaca Sande, quen incide “na aposta do executivo municipal por recuperar para a cidadanía un enclave de grandísimo valor, pero que foi inxustamente esquecido e apartado do circuíto cultural e patrimonial e ao que cómpre devolver a dignidade”.

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, visita o castro de Elviña / Concello da Coruña

Consolidación de estruturas

Esta nova campaña, que se realiza baixo a supervisión do arqueólogo municipal, vai dirixida “a consolidar e dar dignidade ás estruturas arquelóxicas” que foron descubertas no Castro entre 1947 e 2013 nas distintas áreas de escavación, e que recibiron, en cada caso, unha estratexia diferente de restauración. Dese xeito, e como expón o responsable municipal de Culturas, o obxectivo é rematar de escavar as zonas que están iniciadas, para realizar a súa consolidación, consolidar as estruturas que saíron á luz na década dos anos corenta, e corrixir algunhas restauracións que non funcionaron da maneira esperada. O proxecto contempla tamén intervencións nas tres entradas documentadas do castro, e rematar a escavación da terceira entrada, que foi documentada no ano 2013, de cara a deixar á vista o pavimento de pedra, que presenta un bo grao de conservación, e os dous torreóns, ademais da praza de acceso.

Nestas primeiras semanas, o xacemento foi sometido xa a unha limpeza da superficie xa escavada, coa retirada de maleza e dos depósitos de area que foron colocados a modo de protección durante os períodos nos que a escavación estivo detida. Este mesmo luns darán comezo os traballos de restauración e escavación nas partes que aínda non foron sometidas, co obxectivo de deixar os muros á vista. Unha vez concluídos, realizarase unha proposta de restauración e consolidación para cada un dos sectores do Castro, que deberá recibir o visto bo da Dirección Xeral de Patrimonio.

Alxibe no Castro de Elviña, na Coruña / Galipedia

Evidencias desde os séculos II e I a.C.

O Castro de Elviña, tal e como xa contara este portal de historia, foi danado por un aparcamento realizado, curiosamente, polo Ministerio de Fomento. É un importante recinto arqueolóxico que consta dun recinto central alto, a croa, cunha entrada monumental flanqueada por dous torreóns defensivos semicirculares entre os que se abre unha rampla e escaleiras de acceso empedradas. Cinguido dunha muralla moi potente de máis de 4,5 metros de grosor, vese ampliado por ao menos dúas terrazas sucesivas polo oeste, sur e leste. Polo norte, a aparición de restos de edificacións na ladeira fóra da croa fala da existencia doutros recintos.

Segundo recolle a web patrimoniogalego, as sondaxes nas terrazas oeste e sur apuntan a un poboamento progresivo das ladeiras, tanto máis recente canto máis afastado da croa. Polo sur atopáronse edificacións con planta curva, habitadas entre os séculos II e I a. C., con ocupacións anteriores das que apenas quedan indicios. Na primeira terraza existe unha edificación de ángulos rectos con materiais quizais do século I d. C., e máis abaixo, a carón da muralla exterior, un chan empedrado pode situarse en momentos posteriores, entre os séculos II e IV d. C.

Pode que che interese...