fbpx
Manuel Miranda, presidente de Mariña Patrimonio e guía para o roteiro da Fonsagrada
Manuel Miranda, presidente de Mariña Patrimonio e guía para o roteiro da Fonsagrada

Manuel Miranda: “A sauna atopada na Fonsagrada pode ser prerromana ou unha adaptación galaica dos baños romanos”

Tempo de lectura: 3 min.

Este sábado celébrase a quinta andaina de Rutas de Historia (logo das baixas destes días aínda hai prazas libres de última hora. Os interesad@s poden apuntarse aquí) Desta volta por un entorno máxico e ancestral; unha mesta fraga na que se oculta o Castelón de Castañoso, un castro case inexpugnable no que se atopou unha das saunas castrexas máis importantes do noroeste peninsular. Unha estrutura impresionante da que este portal de Historia xa deu conta nunha ampla reportaxe.

O guía desta andaina será Manuel Miranda, un home curtido en mil batallas en defensa do noso patrimonio, gran coñecedor desta zona por razóns familiares e presidente da entidade Mariña Patrimonio. Con el, os afortunados e afortunadas que acudan a esta andaina poderán coñecer os importantes complexos mineiros de época romana que hai ao longo do roteiro, así como interesantes mostras de etnografía.

Que imos ver na andaina que Rutas de Historia organiza este sábado na Fonsagrada?

Para comezar, contemplaremos unha paisaxe de montaña, cun bosque autóctono en pleno outono, que xa é per se un aliciente. Logo veremos un castro atípico, que non se axusta ao concepto que temos interiorizado sobre os castros, e por suposto visitaremos a sauna castrexa.

Precisamente, un dos principais elementos é a sauna, unha das máis importantes de todo o noroeste. Como é esa sauna e que a diferencia dunha sauna romana típica, por exemplo?

Esta sauna do Castelón de Castañoso atópase moi ben conservada. É moi similar a outras que se teñen escavado en varios castros asturianos e destaca pola súa monumentalidade. Discútese se este tipo de saunas son prerromanas ou se é unha adaptación galaica dos baños romanos.

E por que cres que se fixo esa gran estrutura no castro?

Isto é algo que os arqueólogos terán que investigar, pero chama moito a atención que nun castro, relativamente pequeno, haxa unha construción desta importancia e con estas dimensións.

 

Manuel Miranda alumea a pintura rupestre aparecida nunha cova en Baleira / Mariña Patrimonio

O poboado está, agora, nunha fase de escavación. Que outras estruturas destacarías del?

Hai que ter en conta que o acceso a este castro estivo totalmente pechado durante moitos anos, isto favoreceu a súa onservacion e, por iso, sen necesidade de escavar atópanse moitas estruturas do castro. Á parte da sauna e de varias cabanas, destaca tamén un torreón de defensa, situado á entrada do castro entre dous foxos.

O Castelón tamén destaca pola súa situación e a dificultade de acceder a el; hai torreóns, a calle dos mouros… Por que esas defensas?

O castro está situado nun contorno natural que xa o fai dificilmente accesible. Por outro lado, atravesar a Calle dos Mouros, para un posible inimigo, encerraba moitas dificultades. Se a isto lle engadimos o torreón e mailos foxos, o Castelón convertíase nun lugar practicamente inexpugnable.

Moi preto temos unhas minas de ouro. Que importancia tiña o ouro galego nesa época?

Como ben sabemos, os romanos viñeron á procura de ouro e a súa abundancia en Galicia cambiou a historia dos galaicos e mesmo tranformou a paisaxe. Nesta ruta teremos oportunidade de ver unha desas paisaxes transformadas pola extracción de ouro.

Tamén a pasada semana rematou unha pequena intervención nun campamento romano situado tamén na Fonsagrada. Era tan importante esta zona para o Imperio romano?

Efectivamnete, este campamento pode ser da época da conquista romana e parece demostrar que esta zona foi unha vía de entrada do exército romano. Este novo achado, que parece bastante ben conservado, pode achegar moita información sobre a conquista romana no noroeste peninsular.

Ademais de castros, minas e complexos romanos, que outras cousas destacarías para ver nesta zona?

Desde logo non pasan desapercibidas as corripas nin os cortíns. Tamén ten interese a capela de Santiago, onde se facían antigamente unha das romarías máis sonadas da Fonsagrada.

Escrito por

Xornalista, profesor da USC e coordinador do HdG.

Pode que che interese...