fbpx
Maquinaria pesada sobre os parapetos dun castro / Antonio Presas - FB

Acusan á Xunta de arrasar árbores centenarias, castiñeiros e peches de pedra tradicionais nos lumes de outubro

Tempo de lectura: 3 min.

“A Xunta arrasou todo o que se lle puña por diante: árbores centenarias, castiñeiros, piñeiros arrincados, peches de pedra tradicionais… Atrancaron as entradas das leiras privadas sen informar aos veciños, á asociación, ou ao pedáneo”. É a denuncia que fai a Asociación de Veciños de Chavaga, en Monforte de Lemos.

A entidade acusou á Xunta de causar “danos” en terreos privados e en camiños veciñais durante os incendios forestais de outubro a pesar de que “non había ningún tipo de perigo de que o lume invadira vivendas”.

Montes que rodean Monforte / losviajeros.com

Nunha carta enviada á consellería de Medio Rural e remitida aos medios, a asociación asegura que a actitude de Medio Rural foi improcedente. Por iso, pide que se “depuren responsabilidades” tanto legais como éticas sobre o “abuso” practicado nos terreos desta parroquia o pasado 17 de outubro. “É maior o sentimento de rabia producido pola conduta desproporcionada e abusadora de Medio Rural que o provocado polo lume desolador”, sinalou.

“Somos conscientes de que o desastre ambiental do lume tardaremos en restablecelo pero estes malos tratos por parte de Medio Rural e o desastre ambiental provocado por eles aínda é peor que o provocado polo lume”, asegura a entidade.

Esta é a carta:

 

Distrito Forestal VIII – Terra de Lemos

                    Alfredo Brañas, s/n (CFEA)

                    27400 Monforte de Lemos

 

Dona LUISA PALLARES GONZÁLEZ con DNI , e teléfono de contacto , en calidade de presidenta da Asociación de Veciños de Chavaga con CIF: G-27392414 e número de Rexistro Provincial 988 dirixímonos a Medio Rural e como mellor procede en dereito

EXPÓN

Como este organismo sabe e, por desgraza, con data 15 de outubro do 2017, os nosos montes quedaron arrasados polos lumes que rodearon a parroquia de Chavaga no concello de Monforte de Lemos, e que dous días despois, o 17 de outono , sen ningún tipo de peligo de que o lume invadise vivendas e estando practicamente extinguido, o asoballamento ambiental por parte de Medio Rural nos camiños veciñais foi, como calquera podería cualificar, brutal. Arrasaron todo o que se lle poñía por diante: árbores centenarias, castiñeiros, piñeiros arrincados, peches de pedra tradicionais…  atrancaron as entradas das fincas privadas, sen poñer en coñecemento dos veciños afectados, asociación, presidenta ou pedánea. Non queremos que a interpretación deste escrito é que non deixamos abrir camiños, nós estamos de acordo en que os camiños sexan transitables, pero precisamente os camiños quedaron atuados pola terra abrindo incluso camiños por fincas privadas. Aquí tamén está afectado o noso monte comunal, que aínda que non está explotado, ten dono e non teñen dereito a facer nada sen consultar previamente con nós.

Por este motivo, consideramos que se deberían de depurar responsabilidades tanto legais como éticas, queremos saber de onde saíu esa orde, cal foi a finalidade do abasallamento practicado nas nosas terras o pasado día 17 de outubro. O noso sentimento de rabia, impotencia e inseguridade aínda é maior a producida pola conduta desproporcionada e asoballadora de Medio Rural ca provocada polo lume desolador que na noite o día 15 de outubro o durante todo o luns invadiu os nosos corazóns.

Esta conduta aldraxante cara á nosa veciñanza e cara ás súas propiedades cómpre ser erradicada, porque como bos galegos que nos consideramos, amamos e defendemos as nosas propiedades ata as últimas consecuencias.

Por todo o anteriormente exposto

SOLICITA

Que se depuren as responsabilidades oportunas, que arranxen os estragos cometidos, que restablezan as fincas particulares ao seu estado anterior, e requirimos una resposta no menor tempo posible. Somos conscientes que a desfeita ambiental do lume tardaremos tempo en restablecela, pero este maltrato por parte de Medio Rural e a desfeita ambiental provocada por eles aínda é peor que a provocada polo lume.

Enviaremos copia deste escrito á conselleira de Medio Rural, dona Ángeles Vázquez Mejuto, para que sexa coñecedora de tal situación e conxuntamente, acorden tomar as medidas oportunas para restablecer a normalidade da nosa parroquia.

Chavaga -Monforte de Lemos,  23 de outono 2017

Asdo: Mª Luisa Pallares

Pode que che interese...