fbpx
Ponte de Noia / Íñigo Riobóo

Así son as pontes históricas galegas que aínda sobreviven ó tráfico

Tempo de lectura: 14 min.

Se Galicia é o país dos mil ríos, consecuentemente tamén o é o das mil pontes. Facer unha enumeración das pontes históricas no noso país sería tan complexo como facela de todos os castros, hórreos ou casas rurais de Galicia. Practicamente baixo todos os nosos camiños e estradas existen pontes anteriores á chegada dos sistemas de construción contemporáneos, pontes que contan a historia da enxeñería e dos camiños do noso país. Algunhas delas están ben conservadas ou rehabilitadas, son verdadeiros monumentos, e nos permiten apreciar á perfección a diversidade natural dos nosos ríos, coma a ponte vella de Ourense, a ponte de Pontemaceira, a do Bibei, a de San Francisco de Ribadavia, a de Vilanova en Allariz ou a de Pontevea sobre o Ulla. Porén, a maior parte das nosas pontes seguen a desenvolver exactamente a mesma función dende que foron erguidas, seguen dando pé a camiños históricos hoxe convertidos en estradas. E seguen a soportar o tráfico de vehículos modernos de todas as tonelaxes. A maioría fican sepultadas baixo capas de formigón e asfalto.

En moitas delas destaca o contraste entre a súa importancia histórica e o seu tratamento. Moitas delas son importantes exemplos da nosa historia e da enxeñería civil de Galicia dende o noso pasado máis remoto. Moitas outras, moito máis recentes, son, porén, os emblemas das vilas e cidades históricas de Galicia que, en moitos casos, naceron e se formaron ó redor do paso a través dun río ou dunha ría. Moitas das vilas medievais galegos naceron a redor de pontes que permitían cruzar espazos non vadeables e que non só axudaban á defensa da cidade a través do foxo natural que son os ríos, senón que o paso obrigado permitía desenrolar un importante comercio no lugar, ó tempo que o cobro dun pontazgo permitía importantes ingresos para os señores da vila. Era habitual tamén que a ambos os lados da ponte se desenrolaran barrios extramuros que se definiran como subpontem ou superpontem, segundo estiveran a unha ou outra ribeira dela e nos que habitualmente se situaran capelas ou hospitais. Así os cascos históricos das cidades ou vilas de Galicia se continuaban no exterior da habitual améndoa cercada, extramuros delas e continuarían a través dos camiños e máis alá das pontes. Hoxe nos imos deter só nelas, pero hai que lembrar que a importancia destas construcións non estaban só nelas mesmas senón en todo o que sucedía ó seu redor

Ponte da Misericordia de Viveiro / Turismo Norte

A ponte da Misericordia de Viveiro

Este é un dos exemplos máis paradigmáticos de como as pontes de Galicia quedaron a expostas ó tráfico. Esta ponte é unha das razóns de ser da propia vila de Viveiro. Localízase sobre o esteiro do río Landro, cruzando a ría, e ata o seguinte paso natural hai aínda uns cantos quilómetros. Está o pé da Porta de Carlos V e a configuración natural da urbe está articulada con relación a esta porta principal da cidade e do seu aceso a través da ponte. No outro extremo da mesma consérvase aínda a día de hoxe un barrio superpontem ou transpontem no que se atopa aínda a monumental capela da Misericordia, do século XV.

O exemplo desta ponte pode considerarse un dos máis singulares xa que esta logrou sobrevivir a un especialmente longo desenvolvemento histórico. Aínda que tería orixe en época romana, a construción que conservamos na actualidade comezaría a construírse na Idade Media, ó mesmo tempo que o propio nacemento da vila. Pero de certo a construción actual sería lixeiramente posterior, xa que dataría de mediados do século XVI, en concreto de 1554, sufrindo, como todas as pontes, modificacións e reconstrucións ó longo de toda a súa historia. Dos doce arcos orixinais na actualidade consérvanse só nove, dos que, aínda algúns deles, conservan as características formas apuntadas.

É unha ponte especialmente importante pola súa historia. Conservamos importantes citas escritas deste paso, coma un testamento dun veciño de Viveiro de 1462, no que deixa unha herdanza para a súa construción. Tamén unha cruz de granito recolle a lenda na que se pide que os visitantes que a crucen preguen unha oración pola alma dunha muller a que se lle deu morte. Dende a época de Carlos I sucederanse as mencións.

A pesares da súa importancia, a ponte, a día de hoxe, escóndese baixo un intenso tráfico. Para dar acceso a vila xa tivo que sufrir importantes reformas nos séculos XIX e XX. En 1878 xa se fai unha ampliación da estrada, e en 1890 derrubaronse os peitorís. En 1920 faríase o primeiro voadío de formigón que substituiría ó de ferro de 1890 por outro, en este caso, máis resistente a corrosión. En 1949 vólvese reformar construíndo beirarrúas. Pero as reformas máis dolorosas foron as de 1977 e 1982, nas que, na contra de facer un viaduto novo que rodeara a ría, vólvese ampliar de novo o taboleiro de formigón modificando por completo as rasantes da ponte. Modificaríanse os tallamares e encheríanse de xeito importante os accesos, ó tempo que se mutilaría de xeito importante a tradicional forma de V invertida das pontes de orixe medieval. Nesta situación e cun importante tráfico fica ata a actualidade.

Ponte de Pontedeume / Íñigo M. Riobóo

As pontes de Pontedeume e Noia

Outros exemplos salientables son as pontes maiores de Pontedeume e Noia. Estas son outras das vilas históricas de Galicia que tiveron un moi importante pasado asociado ós seus portos de boca de ría e ás pontes que permitiron cruzalas. Estes dous exemplos, do mesmo xeito que ocorre coa de Viveiro, teñen a singularidade de que cadansúas pontes teñen que ver moi profundamente coa súa morfoloxía urbana, co aceso dos camiños e o desenvolvemento dos seus cascos históricos. Para cada unha delas a restauración da súa ponte sería unha verdadeira oportunidade na rehabilitación dos seus cascos históricos e aportaría unha nova perspectiva delas como importantes conxuntos monumentais. Mais nunca se fixo, e ambas as dúas seguen sendo importantes elementos de sostén do tráfico rodado. Cada unha delas sobrevive baixo a súa propia lousa de formigón.

Pero as dúas teñen tamén unha diferenza perante a de Viveiro. As súa estrutura medieval non conseguiu sobrevivir ata o día de hoxe, senón que polas propias circunstancias e a necesidade do seu tráfico obrigaron a refacelas tempo despois. Ambas teñen unha dilatada historia, son o reflexo da enxeñaría da súa época, e manteñen a lembranza dunha historia na que estes pasos foron esenciais.

A de Pontedeume é, das dúas, a de maior importancia histórica. Da nome a vila e é, como non podía ser doutro xeito, a súa razón de ser. Jerónimo del Hoyo xa a ligaba a unha ponte romana pero o certo é que non está documentada. Si o está é a súa construción entre 1374 e 1380 por mandato de Fernán Pérez de Andrade, o Bo. Sobre el, ou nas súas inmediacións habería unha capela en advocación ó Espírito Santo e un hospital, e, xunto a estes, a propia ponte daba servizo ós peregrinos que transitaban polo Camiño Inglés a Compostela. Tamén na súa entrada habería un xabaril esculpido símbolo dos Andrade.

En 1622 nunhas ordenanzas da vila dise que tería 78 arcos, mentres outras fontes de época posterior falan só de 58, un considerable número en ambos casos que, esaxeracións aparte, falaría da amplitude do esteiro que cruza, sendo, seguramente, unha das pontes máis longas do norte da península. Na década de 1840 capela e hospital foron desmontados e en 1870, momento de construción da estrada Betanzos-Xubia, debido o seu mal estado, derribouse a ponte para construíla de novo. Na actualidade ten 15 arcos e, sen dúbida, debería ser un dos monumentos por excelencia da vila. Pola contra, segue a manter por completo o tráfico da N-651.

Ponte de Noia / Íñigo M. Riobóo

Pola súa banda a de Noia é unha vila rica en pontes monumentais. Na propia capital hai unha pequena ponte do século XII, chamada ponte de Traba, rehabilitada recentemente. A escasos 15 minutos da vila, atópase, ademais, a de Ponte Nafonso, unha monumental ponte, nun bo estado de conservación, sobre a desembocadura do río Tambre. A terceira delas, a ponte Grande de Noia, que é a verdadeira ponte monumental da vila, conecta as dúas ribeiras da ría de Noia e con elas os barrios situados a un e outro lado. O primitivo casco histórico amurallado uníase a través desta ponte e da porta da Vila co barrio transpontem do burgo e coas vilas da península do Barbanza.

Ponte Nafonso. Atravesa o Tambre, entre os concellos de Noia e Outes / foto historiadegalicia.gal

Pola estrutura da propia vila tivo que haber sempre unha ponte neste lugar, e esta sería tan antiga coma a propia localidade, posiblemente do século XIII, xa que se abre a unha das dúas portas principais na estrutura de rueiro que é atravesada polo camiño que leva a Compostela. Aparece xa citada neste século nos Foros Romanceados da vila, e, na súa orixe, estaría constituída por 16 arcos. Tería reformas e modificacións ó longo de todas as épocas, as principais en 1548, 1741 e 1749. Nas dúas últimas participaría Clemente Fernández Sarela, o arquitecto máis importante da Compostela do último barroco. Porén, tal era a importancia do tráfico nesta ponte, que entre 1898 e 1901 é substituída por unha nova, de tan só seis arcos, que é a que conservamos actualmente. Aínda que da ponte anterior se conservan fotos, a actual é seguramente unha das máis destacables pontes de cantería de Galicia do seu momento, e podería e debería ser sen dúbida unha das sinais de identidade dunha vila de Noia rehabilitada e referente do turismo cultural.

Ponte Vella de Betanzos / Íñigo M. Riobóo

A Ponte Vella de Betanzos e a ponte da Ponte do Porto

Pero tamén hai pontes en Galicia de menores dimensións, que conservan a feitura gótica, e que son referencias das grandes ou pequenas vilas de carácter monumental. A pesares da súa importancia histórica, seguen, igualmente, afundidas a día de hoxe baixo capas de asfalto e formigón, pontes dunha enorme importancia que continúan inusualmente desvalorizadas.

O caso da ponte Vella de Betanzos é un caso sen parangón seguramente no seu contexto, xa que está documentada a súa existencia dende 1219. Betanzos é unha cidade rodeada polos esteiros dos ríos Mendo e Mandeo, e cercada en tres cuartas partes por auga. É polo tanto normal que ó longo da súa historia estivera rodeada por destacadas pontes. Betanzos foi tamén unha das cidades históricas máis importantes de Galicia, antiga capital do reino, e unha das cidades galegas que conserva unha morfoloxía medieval máis recoñecible, conservando aínda varias das súas portas e abríndose abruptamente sobre un outeiro. O seu porto, na Idade Media e nos principios da Idade Moderna, foi un dos máis importantes de Galicia.

A súa ponte Vella sitúase nun dos barrios que mellor conserva a morfoloxía medieval, xunto á porta da Fonte, e na súa contorna consérvase aínda tanto a porta da Cerca, o mosteiro das Agustinas e o barrio transpontem nomeado actualmente coma a Eira Vella. Era a zona ademais na que se embarcaba cara a romaría dos Caneiros, sendo a boca do río Mandeo. Sobre a ponte mantense un tráfico moi intenso pois é a saída natural de Betanzos cara Pontedeume e Ferrol. Ten cinco arcos de medio punto e tallamares triangulares. Entre 1577 e 1820 tería unha torre no seu centro.

Ponte do Porto / Íñigo Riobóo

A da Ponte do Porto, entre os concellos de Camariñas e Muxía, ten unha orixe e morfoloxía similar. Atravesa o río Grande en pleno corazón da Costa da Morte, nunha vila homónima de especial importancia durante a Idade Media, pero que a día de hoxe atópase moi desfigurada, no que deberon ser dous barrios moi importantes en cada unha ribeira. Igual que a de Betanzos as súas formas e as súas orixes devólvennos ó século XIII, nos que segundo o cronista Vasco Da Ponte procedería. É unha das pontes de Galicia que mellor conserva a morfoloxía medieval, mantendo a meirande parte dos seus elementos de orixe, dende os seus arcos apuntados, tallamares triangulares coma, en boa medida, o peralte orixinal.

A ponte, por tanto, unha das pontes medievais mellor conservadas de Galicia foi reformada en 1950 e, como en todos estes exemplos, anchearíase a través dun taboleiro superposto de formigón, derrubando os seus peitorís e engadindo a cambio unha varanda de ferro. O lugar da Ponte do Porto é un deses lugares esquecidos de Galicia, unha das bocas de rías máis asombrosas de Galicia, que conta a escasos metros coa aldea e torres de Cereixo, un dos pazos máis impresionantes da Costa da Morte e que conserva muíño, embarcadoiro, así como a parroquial medieval coa importante escena da traslatio do apóstolo.

Ponte de Sigüeiro / Íñigo M. Riobóo

Sigüeiro e Pontecesures

Efectivamente hai dúas pontes nas vilas de Sigüeiro e Pontecesures. Son dúas das pontes de maior importancia de Galicia. O seu elemento común e estar por enteiro afundidas e completamente entulladas polo intensísimo tráfico da nacional N-550, a principal arteria de Galicia. Por riba delas pasa diariamente un tráfico diario de decenas de miles de vehículos, non só transporte lixeiro senón tamén camións de gran tonelaxe, xa que quitando a autoestrada A-9, unha das de peaxes máis caras de todo o Estado, non existe vía alternativa algunha para salvar estes pasos. Son dúas pontes antagónicas, unha é unha pequena ponte para salvar transversalmente o curso medio do Tambre, a outra, un longo viaduto na boca de ría do Umia, a altura de Padrón. Pero as dúas comparten o mesmo destino, desaparecer por completo debaixo desta mesma estrada.

A ponte de Sigüeiro é unha desas pontes que poderían darnos para escribir un bo anaco, pola súa morfoloxía e a súa historia. Igual que as de Ponte do Porto e Betanzos aínda conserva a súa morfoloxía orixinal do século XIII, conservando aínda algúns dos característicos arcos apuntados. Igual que a ponte de Pontedeume a mandou construír, ou cando menos terminar, Fernán Pérez de Andrade o Bo, no século XIV, xa que por este lugar pasaba e aínda hoxe pasa o Camiño Inglés. Segundo conta a lenda o sobrenome de o Boo viría precisamente da construción por parte deste nobre eumés de sete mosteiros, sete igrexas, sete hospitais e sete pontes, das que unha delas sería esta de Sigüeiro e a outra a propia de Pontedeume.

Os investigadores apuntan a que se comezaría a construír no século XIII e se remataría no XIV. A ponte consta de 4 arcos de medio punto e máis un arco oxival. Nas pontes medievais o xeito de atirantar os empuxes é en vertical, con arcos de medio punto ou arcos apuntados, fronte as pontes posteriores que tenden a conducir os empuxes cara as ribeiras. A ponte de Sigüeiro, a pesares do enorme tráfico que soporta e das continuas reformas, aínda conserva boa parte desa feitura de v invertida propia das pontes do medievo.

Ponte de Pontedeume, ao fondo. En primeiro plano a do ferrocarril / Íñigo M. Mouzo

A ponte de Pontecesures coñece a perfección este problema. Situada no lugar da Infesta os seus precedentes foron romanos. Consta de 13 arcos de medio punto rebaixados, con tallamares e peitorís. As reformas máis importantes daríanse no século XII, mais tamén en 1790, 1911 e 1956. Destas tres primeiras datas serían os seus arcos, principalmente do século XVIII, segundo se intúe polas súas formas, pero algúns deles procedería do propio século XII, xa que a súa forma semella bastante a das pontes medievais coma a do Burgo entre os concellos de Cambre e Culleredo.

A presenza romana da ponte confírmase cos xacementos arqueolóxicos atopados nas súas inmediacións, nas que se atoparon os restos dun peirao romano, algo inusual, así como miliarios e lapidas adicadas a un deus lar. O lugar foi un dos portos medievais de Galicia cara a ría de Arousa, na que a presenza das torres do Oeste denota a importancia que esta ruta cara Compostela chegou a ter. Tristemente este lugar destacaba ademais por conservar un dos pasos asocalcados históricos de Galicia sobre o esteiro do Ulla, que estendía máis de cinco quilómetros dende o centro Padrón ata Pontecesures. Ó redor del se asentaban vivendas do XIX creando unha das paisaxes lineais máis fermosas de toda Galicia, tristemente perdidas coa construción de edificios nas dúas décadas máis recentes.

Ponte de Caldas / Íñigo Mouzo

A ponte de Caldas e a ponte do Burgo de Pontevedra

Para rematar, estas dúas constitúen dous exemplos de pontes que na actualidade deberían estar liberadas da súa capa de asfalto e dar un servizo peonil e monumental a esta vila e cidade histórica, respectivamente. No caso da ponte de Caldas pode considerarse un dos verdadeiros epicentros do casco histórico da vila, a beira do hotel balneario e o pé do río que fixo da vila un dos principais centros termais de Galicia no século XIX. No caso de Pontevedra non só é a máis antiga da cidade das pontes, senón que, coma nos casos de Noia ou Pontedeume, é o elemento articulante do rueiro que forma o Camiño de Portugués. Ambos teñen algo moi importante en común: vías alternativas que permiten liberar a ámbolos dous pasos do tráfico de devolvelas ós peóns. Sen embargo as dúas seguen asediadas polo tráfico.

Para a de Caldas de Reis, que salva o río Ulla, fíxose, a comezos deste século actual, unha variante que leva todo o tráfico da N-550 por fora da vila deixando polo seu antigo trazado só o tráfico interior. Caldas posúe dúas pontes, unha da que se fala de orixes medievais, pero que estaría refeita no século XIX, e outra, a chamada Ponte Bermaña, da que se di que tería orixe romana e que chegaría ata a actualidade tras unha remodelación no XVII. A primeira é a que fica baixo a estrada. Esta, en realidade, está composta por catro arcos escarzáns, por tanto a diferenza da Idade Media e Moderna, dominan os empuxes horizontais. Os arcos descansan sobre tres grandes cepas de perfís redondeados. Ten tamén un taboleiro ensanchado a finais do século XX con formigón armado, e conserva unha varanda metálica de finais do século XIX que aparece recollida, xunto coa propia ponte, no catálogo do PXOM e lle da un aspecto singular e coetáneo co balneario, creando ponte, balneario e rueiro trans- e antepontem un excepcional conxunto monumental.

Ponte do Burgo, en Pontevedra / pontevedraviva.com

A ponte de Pontevedra é medieval e salva o río Lérez aínda que reconstruída en varios momentos. A ponte do Burgo de Pontevedra unha vez máis é a razón de ser da cidade e lle dá nome, de feito. A construción da ponte dataría de época romana cando o lugar era atravesado pola vía XX. No lugar atoparíase a mansio Turoqua, achándose en escavacións da zona transpontem restos arqueolóxicos que farían referencia a esta. A ponte romana sería substituída no século XII, por unha nova que segundo os investigadores se construiría á beira da romana dando lugar así a denominación de Pontis Veteris que se metonimizaría ó conxunto da cidade. A primeira referencia sería do ano 1165 cando Fernando II de León e Galicia e Alfonso de Portugal asinan a pax super flumen Lerice pontem.

A ponte nova constaría de 15 arcos e dous estribos nun conxunto duns 30 metros, lixeiramente máis amplo que o actual. Na vista de Pontevedra de Pier María Baldi de 1669 vese unha ponte deste número de arcos nunha Pontevedra amurallada e un amplo barrio superpontem separado cun arco do propio paso que seguramente se correspondería cunha torre destruída en 1805. Ata o século XIX habería tamén un cruceiro no centro da ponte que se trasladaría a Praza da Leña. Ten reconstrucións ó longo de varias épocas que non están de todo documentadas aínda que si desfeitas como as acontecidas en 1464 e 1658 e 1719. En 1901 faríase unha ampliación para anchear a estrada de acceso á cidade dende o norte, mentres que a grande reforma que ocultaría plenamente a traza anterior se faría en 1953-1954 cando, pousados sobre os tallamares, se coloca unha ampliación por medio de arcos escarzados de cantería, en lugar de, coma noutras pontes taboleiro de formigón. Estes son os que dan a icónica imaxe da ponte con cunchas de vieira nos frontis exteriores.

Para a ponte do Burgo hai un proxecto de peonización por parte do Concello de Pontevedra que prevé a actuación sobre 6758 m2, que, ademais da propia ponte, inclúe o seu entorno. Segundo o proxecto non se eliminará o engadido de 1954 pero si se lle devolverá unha imaxe histórica con grandes laxas de pedra e eliminando as beirarrúas. Tamén se renovará a iluminación. Para liberar esta ponte, e como exemplo do a seguir para outros exemplos citados, o concello de Pontevedra construíu un novo paso a comezos da actual década que permitiu liberar do tráfico á actual. Con esta remodelación, barrio trans- e subpontem quedarán unidos pola ponte histórica, converténdose nun novo sinal de identidade para a cidade.

https://pensamentoterritorial.wordpress.com

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...