Un bulldozer arrasa parte dun campo de mámoas no Courel, a 1.400 metros de altura
Un bulldozer arrasou parte dunha mámoa que está inventariada na contorna do Campín Verde, na Serra do Courel, e que pertencería ao concello de Folgoso do Courel. Foi durante o incendio que se iniciara o 11 de outubro pasado cando a máquina pesada actuou nos cortalumes baixo a urxencia das labores de extinción dos incendios nunha estribación da Serra da Escrita que se prolonga en dirección aos Montes do Cebreiro, entre as aldeas de Praducelo (Samos) e Paderne e Miraz (Folgoso do Courel) nas liñas divisoras dos dous concellos. A mámoa afectada forma parte dun grupo de túmulos asociados a unhas lagoas e situados a unha altitude próxima aos 1400 metros, unha das máis altas dentro da provincia de Lugo.
Esta mámoa, segundo os planos de referencia está a 1.388 m de altitude., pero non é a primeira vez que a contorna destes bens patrimoniais son esnaquizados, pois na zona do Alto dos Mociños (pertencente ao concello de Samos) as labores da maquinaria pesada que actúa facendo cortalumes xa afectaran a unha mámoa situada a 1.450 m. de alt. Hai tres mámoas visibles a día de hoxe neste espazo, pero as repoboacións forestais do século pasado fixeron que outras desapareceran para sempre ou quedaran case inapreciables sobre o terreo. No estado en que quedou a contorna da mámoa pódese adiviñar parte do seixo branco que cubriría a coiraza da mámoa e que sería outra característica que aínda se conservaba nestes túmulos do alto da montaña.
Este tipo de actuacións denota unha vez máis, como temos dado conta noutras ocasións, unha notable descoordinación entre os distintos departamentos das consellerías que están implicadas nas actuacións forestais e de extinción de incendios, por un lado, e na preservación de bens patrimoniais e lugares arqueolóxicos polo outro, a hora de actuar sobre o territorio protexido con figuras legais de cautela arqueolóxica.