Lugo abre a única sala permanente e específica de Arte Africano en Galicia
O Museo Provincial de Lugo acaba de adicar a 1ª sala específica de Arte Africano en Galicia grazas a doación do coleccionista lucense Xoán Anllo. Conta con 102 pezas únicas e a súa visita será gratuíta.
A colección permanente que se pode visitar na Sala 29 do Museo Provincial ofrece 102 pezas. O contido da mostra estruturouse en cinco grandes bloques: mobiliario, regalías, máscaras, escultura e ourivaría. Destacan as máscaras, pezas empregadas fundamentalmente en tres tipos de celebracións ligadas á fertilidade, iniciación e morte. Hainas antropomorfas, zoomorfas, antropozoomorfas, que representan calidades como a nobreza, beleza ou coraxe.
O Presidente, Darío Campos Conde, e a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez López, inauguraron este xoves esta sala permanente e específica de Arte Africana, que o Goberno da Deputación leva ao Museo Provincial grazas á doazón do coleccionista Xoán Anllo. Campos Conde subliñou que “é un privilexio contar no Museo Provincial de Lugo coa única sala permanente e específica en Galicia de Arte Africano”. Tamén agradeceu a Xoán Anllo por facer posible “que todos os lucenses poidamos ser partícipes dunha mostra de incalculable valor cultural”, indicou.
Pola súa banda, Lara Méndez amosouse orgullosa de que Lugo acolla a única exposición deste arte en Galicia, que enriquece ademais os fondos etnográficos da rede de museos cos que conta a cidade. Así mesmo, agradeceu a xenerosa doazón de Xoán Anllo “que tan interesante agasallo lle fai ao pobo de Lugo e aos miles de visitantes que recibe a cidade ano tras ano”.
Todos os interesados poden visitalas de xeito gratuíto. O horario para visitar a exposición é de luns a venres de 9:00 a 21:00 horas, sábados de 10:30 a 14:00 e de 16:30 a 20:00 horas, domingos e festivos de 11:00 a 14:00 horas. A entrada é totalmente gratuíta.
Xoán Anllo
Xoán Anllo (Feira do Monte, Cospeito-1936) por razóns profesionais, xa que foi tradutor das Nacións Unidas, recompilou estas pezas nas súas viaxes por todo o mundo durante catro décadas. Nas súas numerosas estadías en África quedou fascinado pola arte deste continente, logrando conformar unha completa colección formada por máis de dous centenares de pezas.