Por que non se regula a profesión de arqueoloxía en Galicia?
Un numeroso grupo de arqueólogos e arqueólogas de Galicia acaba de sacar un manifesto reivindicativo da súa profesión. Un documento no que reclaman que se regularice polas administracións a súa actividade para “poñer un pouco de orde” na definición das titulacións universitarias antigas e recentes que son precisas para exercer a súa profesión e evitar o intrusismo profesional.
Tamén piden xa a creación dunha titulación de grao en Arqueoloxía nas universidades galegas, ben na de Santiago de Compostela, ou conxuntamente entre dúas ou tres universidades galegas. Esa titulación, din, é precisa por “dúas razóns esenciais”; porque o patrimonio arqueolóxico galego “é singular, específico e diferenciable doutros ámbitos culturais peninsulares e europeos” e porque “ten unha importancia esencial na configuración e identidade da cultura galega”.
O documento é apoiado por máis de 150 arqueólogos/as e dous colectivos profesionais (o de empresas de Arqueoloxía AEGA e o dos traballadores do ramo ATAGA). Entre os asinantes se atopan maioritariamente os profesionais do sector privado (autónomoss e asalariados de empresa); pero tamén outros e outras do público (profesores e investigadores universitarios, arqueólogos municipais, das Deputacións e da Xunta, arqueólogos de museos, etc).
“O profesional da arqueoloxía asume moitas e variadas responsabilidades científicas, xurídicas e sociais, do que moitas veces se esquecen os medios de comunicación”, apuntan.
Este é o seu manifesto:
SOBRE A NECESIDADE DE DEFINIR O QUE É UN/UNHA PROFESIONAL DA ARQUEOLOXÍA
Ás persoas que nos dedicamos á arqueoloxía preocúpanos a falta de recoñecemento profesional que mostran algunhas institucións públicas e medios de comunicación social respecto do que é e se entende por “arqueólogo e arqueóloga” no mundo actual. Desgraciadamente resulta habitual que moitos medios de comunicación se refiran a determinadas manifestacións, achados ou denuncias feitas por “arqueólogos”, que non teñen a titulación de Arqueoloxía, nin están recoñecidos como tal polo mundo académico; normalmente son afeccionados á arqueoloxía que aínda tendo coñecementos na materia –moitos ou poucos- non son arqueólogos ou arqueólogas –no sentido profesional do termo-, nin teñen unha titulación universitaria. Outros, en cambio, que tamén se chaman ou son chamados arqueólogos/as, teñen titulacións universitarias, pero non de arqueoloxía, ou relacionadas con ela directamente. A un afeccionado ou entendido en arquitectura a prensa nos os denomina arquitectos, nin xuristas aos que practican debates sobre as normas xurídicas, sen ser licenciados en Dereito.
Toda esta confusión sobre quen se pode ou debe denominar arqueólogo ou arqueóloga, podería non ter maior transcendencia se non tivese ningunha vinculación coa responsabilidade derivada dun exercicio profesional; é dicir, se só acollese aos escritores sobre materia arqueolóxica –con carácter científico ou non-, ou ás persoas que tivesen unha afección pola arqueoloxía. Pero, chamarse arqueólogo ou arqueóloga, desde un punto de vista normativo, ten maior transcendencia e alcance xurídico, económico e social. Se un xulgado ten que chamar a un perito de arqueoloxía para declarar nun procedemento xudicial, a quen chama? A aquel aos que a prensa alcuma de arqueólogos/as sen ter unha titulación universitaria; ou ás tituladas e titulados universitarios en calquera materia que teñen coñecementos de arqueoloxía?, ou soamente aos titulados en Arqueoloxía ou equivalentes academicamente? Se alguén precisa dunha valoración económica sobre obxectos ou xacementos para esixir indemnizacións, sancións, ou recompensas, a quen debe acudir?
Quen pode facer unha valoración de danos sobre un xacemento arqueolóxico: calquera que diga que ten coñecementos en arqueoloxía, aínda que teña unha formación distinta? Quen pode realizar unha escavación arqueolóxica?
Unha escavación arqueolóxica non é repetible ou non se pode repoñer; todo o que non foi rexistrado queda destruído. Cando a Xunta de Galicia autoriza unha intervención arqueolóxica sobre un xacemento, debe ter garantías de que o actor é un profesional da arqueoloxía, que como mínimo ten formación teórica, técnica e histórica relacionada cos restos arqueolóxicos.
Que unha persoa teña unha titulación determinada que o habilite para un exercicio profesional concreto, non significa obviamente que sexa un bo profesional; pero, lle dá polo menos as garantías mínimas á sociedade de que non se trata dun intruso. Para exercer a medicina –a oficial, non as “alternativas- as Administracións públicas esixen unha titulación adecuada, e non permiten o intrusismo; non por gremialismo, senón para garantir aos cidadáns que o profesional ten coñecementos suficientes de medicina e está habilitado para o exercicio da medicina. Pois, o mesmo queremos os profesionais da arqueoloxía; nin máis, nin menos.
Aínda que tanto os xulgados como a Xunta de Galicia e o Estado –non tanto os concellos- teñen claro quen son as persoas que se dedican a arqueoloxía, falta aínda por fixar a profesión de arqueólogo e arqueóloga de maneira clara e precisa, e iso pasa, por un lado, pola creación de titulacións adecuadas nas universidades de Galicia –xa existen noutras comunidades autónomas ou estados europeos-, e polo recoñecemento profesional por parte dos órganos adecuados da Xunta e do Estado.
Por unha, banda, é precisa a definición clara por parte do Estado e da Xunta de Galicia do que se entende por arqueólogo ou arqueóloga, a efectos de clasificación profesional. Por outra, a necesidade de que dunha vez por todas se poña en práctica polas Administracións públicas, comezando pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, a esixencia de que ás persoas que queiran comezar a traballar como profesionais da arqueoloxía a partir de agora se lles requira necesariamente o título de grao en Arqueoloxía, por calquera universidade europea, con independencia da experiencia profesional que se determine para as intervencións arqueolóxicas de campo.
A ARQUEOLOXÍA PROFESIONAL NO SECTOR PRIVADO
Desde finais dos anos oitenta foise creando un sector de profesionais da arqueoloxía no ámbito privado, en relación coas obras públicas e privadas que están condicionadas pola realización dunha intervención arqueolóxica, seguindo a dinámica do que viña sucedendo noutros países da Europa occidental.
Na actualidade hai máis de 200 arqueólogos e arqueólogas traballando no sector privado do patrimonio arqueolóxico, constituídos en pequenas empresas, autónomos ou como asalariados. As contratacións son indefinidas ou temporais –por intervención ou traballo. Aos profesionais da arqueoloxía hai que agregar a figura do chamado auxiliar de arqueoloxía que se veu definindo nos últimos anos, como aquela persoa sen titulación universitaria, pero que ten formación ou experiencia para realizar traballos de escavación ou prospección arqueolóxica como auxiliar do técnico en arqueoloxía.
No ano 2009 asinouse entre as empresas e os asalariados da arqueoloxía o primeiro convenio colectivo laboral, onde se regulaban os salarios e as condicións de traballo do persoal (arqueólogos/as directores ou técnicos, auxiliares, etc.) nas intervencións arqueolóxicas. Na actualidade está vixente o II Convenio colectivo de ámbito autonómico de Galicia para a actividade arqueolóxica (anos 2015-2018), aprobado mediante Resolución de 7 de maio de 2015 da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social (DOG, nº 107, 9 de xuño de 2015). Os traballadores da arqueoloxía galega contan con un representante sindical da CIG (Asemblea de Traballadores do Sector da Arqueoloxía de Galicia).
Pola súa parte, as empresas e autónomos da arqueoloxía constituíronse no ano 2007 na Asociación Empresarial Galega de Arqueoloxía (AEGA).
O profesional privado da arqueoloxía ten, como toda empresa ou autónomo, unha serie de obrigas que esixen determinados organismos públicos (Traballo, Facenda, etc.): contratación dunha mutua de seguros, seguro de responsabilidade civil –que nalgún caso pode chegar a 1 millón de euros-, estar no rexistro de contratistas, ter a clasificación empresarial, etc. Nalgúns seguros está recollida a actividade profesional da Arqueoloxía (caso da póliza de seguro de responsabilidade civil anexa); pero, na maioría dos casos, falta unha regulación precisa da actividade arqueolóxica. A título de exemplo, a alta en Facenda dunha empresa ou dun autónomo da arqueoloxía realízase no epígrafe “construción completa, reparación e conservación” (501.1), ou “noutros servizos técnicos” (843.9).
Os profesionais da arqueoloxía do sector privado, ao igual que os do público, están sometidos a determinadas responsabilidades científicas e xurídicas, inherentes a súa profesión e titulación; a saber:
- Asumir a dirección de escavacións arqueolóxicas en documentos históricos únicos, como son os xacementos; esa responsabilidade ten que ver con que o que non se rexistra non existe, desaparece e se destrúe.
- Facer valoracións económicas e científicas sobre os bens mobles e inmobles arqueolóxicos.
- Asistir como peritos do patrimonio arqueolóxico a procesos xudiciais penais ou contencioso-administrativos.
- Inspeccionar obras e intervencións sobre o patrimonio arqueolóxico.
- Asinar informes sobre o impacto ambiental sobre o patrimonio arqueolóxico de obras de infraestruturas públicas ou privadas.
- Dirixir traballos de conservación e protección do patrimonio arqueolóxico.
- Divulgar o coñecemento arqueolóxico.
- Etc.
Todas estas cuestións teñen o suficiente calado como para que se deba ir ordenando adecuadamente.
OS PROFESIONAIS DA ARQUEOLOXÍA COMO TÉCNICOS DA XUNTA DE GALICIA
No ano 1992 a Xunta de Galicia, a través da Lei 12/1992, de 9 de novembro, creou, entre outros, o Corpo Facultativo de Arqueólogos, concretamente a Escala de Arqueólogos dentro do Corpo Facultativo Superior da Xunta de Galicia (DOG, nº 221, do 12 de novembro de 1992). Para o ingreso nesa escala requiríase, ademais de superar una oposición ou concurso-oposición específico, estar en posesión da titulación de licenciado en Xeografía e Historia –ou Historia-, coa especialidade de Prehistoria e Arqueoloxía. Con eses requisitos celebráronse tres oposicións ao longo destes anos, agás a última, no ano 2014. A devandita lei fixa como funcións da Escala de Arqueólogos/as: o estudo, xestión, execución, propostas e inspección de carácter facultativo superior.
Os arqueólogos e arqueólogas da Xunta de Galicia desempeñan funcións de: informe de obras que afecten ao patrimonio arqueolóxico, tanto no marco dos procedementos urbanísticos como de impacto ambiental, propostas de intervención sobre o patrimonio arqueolóxico, informes sobre o tratamento dos xacementos arqueolóxicos nos planeamentos urbanísticos, informe dos proxectos de intervención arqueolóxica e dos informes valorativos e memorias técnicas entregadas, inspección e tutela das intervencións arqueolóxicas, informes valorativos de danos ao patrimonio arqueolóxico, informes para os xulgados e outras Administracións públicas en relación co patrimonio arqueolóxico, elaboración de fichas de inventario de xacementos arqueolóxicos, e outras varias. As súas tarefas están centradas no patrimonio arqueolóxico, no marco das responsabilidades que, como técnicos especializados, se supón que teñen. Para iso requírese un coñecemento específico.
Nas últimas oposición á Escala de Arqueólogos da Xunta de Galicia, no ano 2014, por mor da indefinición das titulacións das universidades galegas, nas bases da convocatoria sinalábase que a titulación requirida para acceder á Escala de Arqueólogos/as era a de licenciado ou graduado en Historia, Historia da Arte, Antropoloxía e Humanidades. Esa proposta puido raiar na ilegalidade, xa que non se recoñecía a licenciatura ou grao das universidades españolas, portuguesas ou europeas, onde si se pode cursar unha titulación exclusiva de Arqueoloxía. Esa convocatoria foi protestada, por esa razón, pola totalidade dos arqueólogos e arqueólogas da Xunta de Galicia (vinte), mediante un escrito enviado á Dirección Xeral da Función Pública da Xunta de Galicia, á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e aos sindicatos.
OS PROFESIONAIS DA ARQUEOLOXÍA COMO TÉCNICOS DA ADMINISTRACIÓN LOCAL
Nos vinte últimos anos varios concellos galegos (A Coruña, Ferrol, Santiago, Noia, Lugo, Mondoñedo, Ribadavia, Ourense, Pontevedra, Vigo, Cambados, Baiona, etc.) e Deputacións, crearon prazas de arqueólogo/a municipal ou provincial, ben de funcionario, mediante unha oposición, ben a través de contratacións laborais ou asistencias técnicas, para exercer tarefas relacionadas co patrimonio arqueolóxico municipal. As súas funcións son moi semellantes ás dos arqueólogos e arqueólogas da Xunta de Galicia, se ben poden realizar ocasionalmente intervencións arqueolóxicas de campo e estudos sobre os xacementos e restos arqueolóxicos dos concellos.
Nas oposicións a técnico de arqueoloxía da Administración local seguiron os criterios da Xunta de Galicia, tanto no relativo aos requisitos de titulación para presentarse a unhas oposicións, como nos temarios. Porén nos últimos anos estanse a dar contratacións –non oposicións- de titulados en Humanidades e Historia da Arte, como arqueólogos nalgúns concellos puntualmente que, na nosa opinión, poden ocasionar certas irregularidades, por non ter a titulación académica adecuada ao posto que se vai desempeñar; consecuencia –claro está- da indefinición da profesión desde o punto de vista normativo e educativo, que se complica coa inexistencia dunha titulación de Arqueoloxía nos plans de estudo post-Bolonia nas universidades galegas, pero que si existe nas universidades españolas, portuguesas ou europeas.
AS TITULACIÓNS DE ARQUEOLOXÍA
Preocúpanos a actual situación da arqueoloxía en Galicia desde o punto de vista das titulacións. Ata non hai moitos anos para exercer de arqueólogo ou arqueóloga víñase esixindo polas Administracións públicas desde comezos dos anos oitenta unha titulación de Xeografía e Historia (especialidade de Prehistoria e Arqueoloxía); e logo unha licenciatura de Historia con itinerario de Prehistoria e Arqueoloxía. Pero, a partir do ano 2010, coa instauración do Plan Bolonia, nas universidades españolas reduciuse nun ano (de cinco a catro) a titulación universitaria, así como a súa denominación. Mentres nalgunhas universidades españolas se crearon titulacións de grao en Arqueoloxía, nas universidades galegas mantivéronse os graos de Historia, Historia da Arte e Xeografía, fora dalgún asimilado ao conxunto destes (Humanidades).
Coa instauración do Plan Bolonia de estudos universitarios, e a aparición de titulacións de grao, desaparece as especializacións en Arqueoloxía das universidades galegas. Iso crea un problema, posto que desde o punto de vista académico o grao de Historia –e non digamos de Historia da Arte ou Humanidades- non pode ser homologado actualmente a un grao de Arqueoloxía, xa que a formación é moi diferente. Os titulados de Arqueoloxía reciben unha información máis variada, específica e adaptada aos tempos actuais, como se pode ver no seu programa de estudos.
Paralelamente, noutras comunidades autónomas do Estado, coa instauración do Plan Bolonia, creáronse títulos universitarios de grao en Arqueoloxía. Pódese estudar o grao de Arqueoloxía (4 anos) nas seguintes universidades españolas (ver documento anexo):
- Universitat de Barcelona.
- Universitat Autónoma de Barcelona.
- Universidad Complutense de Madrid.
- Universidades de Sevilla, Granada e Jaén, conxuntamente.
Pola súa parte, en Portugal pódese estudar o grao de Arqueoloxía (3 anos) nas seguintes universidades:
- Universidade do Minho (Braga).
- Universidade do Porto.
- Universidade de Coimbra.
- Universidade Nova de Lisboa.
- Universidade de Lisboa.
Que en Portugal se complementa cun mestrado en Arqueoloxía (2 anos):
- Todas as universidades anteriores e
- Instituto Politécnico de Tomar.
A titulación máis semellante á de Arqueoloxía das outras universidades españolas, pode ser no caso das universidades galegas a de Historia; pero, nin incluso esta lle ofrece ao alumno a formación precisa para poder definirse como profesional da arqueoloxía e exercer como tal, senón completa a súa formación cun máster en Arqueoloxía. Mesmo é discutible que un grao de Historia cun complemento dun máster en Arqueoloxía e Ciencias da Antigüidade –caso do máster conxunto das universidades de Santiago e Vigo- chegue a solucionar o problema. A iso hai que agregar que ao citado máster da USC-UVigo pode acceder calquera graduado universitario sen titulación e formación nas análises e métodos da historia, nin da arqueoloxía. Que vai pasar ao respecto de cara a unha posible convalidación de títulos? A Arqueoloxía é unha disciplina moi específica.
As normas xurídicas que regularán a actividade arqueolóxica en Galicia probablemente non permitirán que os titulados en Historia da Arte e Humanidades poidan exercer a profesión de arqueólogo/a de campo, se non están xa recoñecidos como tal ou teñen a titulación de Arqueoloxía ou outra homologada a partir de determinada data.
Desde o noso punto de vista resulta preciso crear xa un grao de Arqueoloxía nas universidades galegas, que pode ter por centro a Facultade de Xeografía e Historia da universidade compostelá, ou noutra. A capacidade de absorción de profesionais da arqueoloxía polo mercado é inferior seguramente a 20 titulados por ano.
A creación dunha titulación de Arqueoloxía en Galicia debe ter unha finalidade estratéxica, xa que, senón, os alumnos galegos que queiran estudar Arqueoloxía non lles vai quedar máis remedio que estudala nalgunha universidade portuguesa próxima (Braga, Porto) ou española. Por outra parte, a falta dunha titulación de Arqueoloxía en Galicia pode ser un problema, tanto desde o punto de vista da investigación, como social. Os xacementos arqueolóxicos de Galicia e do Noroeste peninsular foron, polo menos na Pre e Protohistoria, singulares, respecto dos existentes na Meseta española o Levante e o Sur peninsulares. A súa especificidade require dunha formación especial, vinculada ao territorio. En caso contrario, a historia e identidade de Galicia poderá resentirse.
As titulacións deben crearse en función das demandas sociais, aínda que non exclusivamente; pero, o que non ten moito sentido é que as titulacións se creen en función das necesidades docentes do profesorado, ou das dispoñibilidades de profesorado. Cremos que na actualidade é precisa unha titulación de Arqueoloxía que despexe as distintas dúbidas en torno a quen pode ou debe exercer como arqueólogo ou arqueóloga.
Por tanto, a nosa proposta é que se cree un grao de Arqueoloxía propio en Galicia, que pode ser dado pola Universidade de Santiago ou compartido coas de Vigo e A Coruña, ben sexa de carácter anual ou bianual, así como un máster específico de Arqueoloxía, no que se entronquen materias doutras disciplinas (xeoarqueoloxía, edafoloxía, arqueozooloxía, arqueobotánica, antropoloxía física e cultural, estatística, topografía, debuxo, xeomorfoloxia, sistemas de información xeográfica, lexislación de patrimonio arqueolóxico, restauración, proxectos arqueolóxicos, técnicas e materiais de museoloxía, conservación e posta en valor, pedagoxía e divulgación arqueolóxica, pensamento filosófico, etc.), non só coñecementos históricos.
A REGULACIÓN DA ACTIVIDADE ARQUEOLÓXICA DE CAMPO
Unha das máis importantes responsabilidades da normalización da actividade arqueoloxía profesional en Galicia compételle á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, porque dela depende a regulación dunha boa parte –a máis importante- da actividade arqueolóxica de campo. É urxente modificar o Decreto 199/1997, do 10 de xullo, polo que se regula a actividade arqueolóxica en Galicia, aínda vixente, logo de vinte anos da súa publicación.
O futuro decreto que regule a actividade arqueolóxica debe adaptarse á realidade social e económica de Galicia na actualidade, e destinar os fondos precisos para que os traballos arqueolóxicos culminen o fin social que perseguen (xerar coñecemento e difundilo). Nesa liña de actualización, débese definir claramente que titulación se require para realizar as actividades de campo sometidas a autorización e que experiencia concreta é precisa. Por outra parte, o futuro decreto débelle dar maior cabida e responsabilidade ás empresas e entidades actuantes, e asumir os convenios laborais de arqueoloxía que aproba a propia Xunta de Galicia.
Listaxe de persoas e asociación asinantes do manifesto “Pola defensa da Arqueoloxía”
XULIO CARBALLO ARCEO | Arqueólogo/a da Xunta de Galicia | |
LINO GORGOSO LÓPEZ | Arqueólogo/a Asalariado/a | |
ERUNDINA ALVELA FIGUEIRA | Arqueólogo/a Autónomo/a | |
MANUEL ALFONSÍN SOLIÑO | Arqueólogo/a Autónomo/a | |
ROBERTO ABOAL FERNÁNDEZ | Arqueólogo/a Autónomo/a | |
BRAIS X. CURRÁS REFOJOS | Arqueólogo/a Investigador/a Posdoutoral | |
ALVARO RODRÍGUEZ RESINO | Arqueólogo/a Desempregado/a | |
MANUEL LESTÓN GÓMEZ | Arqueólogo/a Autónomo/a | |
Mª CARMEN ÁLVAREZ GARCÍA | Arqueólogo/a Autónomo/a | |
ROSA VILLAR QUINTEIRO | Arqueólogo/a Autónomo/a | |
RAFAEL PENEDO ROMERO | Arqueólogo/a da Xunta de Galicia | |
CRISTINA SEOANE NOVO | Arqueólogo/a Investigador/a Predoutoral | |
ANÓNIMO 1 | Arqueólogo/a da Administración Pública | |
ADRIÁN FOLGUEIRA CASTRO | Arqueólogo/a Asalariado/a | |
MANUEL ANTONIO FRANCO | Arqueólogo/a Autónomo/a | |
ISABEL CABRERA TILVE | Arqueólogo/a Autónomo/a | |
EVA CARBALLAL BARBEITO | Arqueólogo/a Autónomo/a | |
VANESA | Arqueólogo/a Desempregado/a | |
VÍCTOR BARBEITO POSE | Arqueólogo/a Municipal | |
PATRICIA MORAGA VAZ | Arqueólogo/a Asalariado/a | |
CRISTINA TOSCANO NOVELLA | Arqueólogo/a Municipal | |
CRISTINA FERNÁNDEZ FERNANDEZ | Asociacións relacionadas coa Arqueoloxía | |
TOMÁS RODRÍGUEZ FERNÁNDEZ | Arqueólogo/a da Xunta de Galicia | |
ROSA MARÍA PAZ LOBEIRAS | Arqueólogo/a da Xunta de Galicia | |
MAR LLINARES GARCÍA | Arqueólogo/a Profesor/a de Universidade | |
ÁNGEL CARREIRA DÍAZ | Arqueólogo/a da Xunta de Galicia | |
ARTURO DE LOMBERA HERMIDA | Arqueólogo/a Investigador/a Predoutoral | |
ELENA CABREJAS DOMINGUEZ | Arqueólogo/a de outra Administración | |
MARÍA MARTÍN SEIJO | Arqueólogo/a Investigador/a Posdoutoral | |
JOSEFA REY CASTIÑEIRA | Arqueólogo/a Profesor/a de Universidade | |
MARÍA RAQUEL MEJUTO CANAVAL | Arqueólogo/a Desempregado/a | |
CRISTIAN ÁGUILA SEIJAS | Asociacións relacionadas coa Arqueoloxía | |
MANUELA PÉREZ MATO | Arqueólogo/a Autónomo/a | |
ALEXANDRE PAZ CAMAÑO | Arqueólogo/a Autónomo/a | |
MARIA CARMEN GÓMEZ NISTAL | Arqueólogo/a da Xunta de Galicia | |
ROBERTO PENA PUENTES | Arqueólogo/a da Xunta de Galicia | |
XERMÁN DARRIBA BARBA | Arqueólogo/a de outra Administración | |
CARLOS MAYO TORNE | Arqueólogo/a de outra Administración | |
ANA BELÉN CRESPO RUIZ | Arqueólogo/a de outra Administración | |
MARTIÑO XOSÉ VÁZQUEZ MATO | Arqueólogo/a Asalariado/a | |
EMILIO ABAD VIDAL | Arqueólogo/a Investigador/a Predoutoral | |
ÁNGEL CONCHEIRO COELLO | Arqueólogo/a Autónomo/a | |
ENRIQUE GONZÁLEZ FERNÁNDEZ | Arqueólogo/a Municipal | |
COVADONGA CARREÑO CASCÓN | Arqueólogo/a Municipal | |
RUBÉN DE LA FUENTE SEOANE | Arqueólogo/a da Deputación | |
EMILIO GARCIA LORENZO | Arqueólogo/a Profesor/a de Instituto | |
MATEO FONTÁN COUTO | Arqueólogo/a da Deputación | |
ISRAEL PICÓN PLATAS | Arqueólogo/a Autónomo/a | |
ASOCIACIÓN EMPRESARIAL GALEGA DE ARQUEOLOXÍA (AEGA) | Asociacións relacionadas coa Arqueoloxía | |
ANDRÉS BONILLA RODRÍGUEZ | Arqueólogo/a Autónomo/a | |
XURXO CONSTELA DOCE | Arqueólogo/a Autónomo/a | |
SUSANA | Arqueólogo/a Autónomo/a | |
SANTIAGO FERRER SIERRA | Arqueólogo/a Autónomo/a | |
FERNANDO JAVIER COSTAS GOBERNA | Asociacións relacionadas coa Arqueoloxía | |
M.SOLEDAD PRIETO ROBLES | Arqueólogo/a Asalariado/a | |
EDUARDO VELÁZQUEZ TURNES | Arqueólogo/a Autónomo/a | |
ELÍAS CARROCERA FERNÁNDEZ | Arqueólogo/a Profesor/a de Universidade | |
MIGUEL SAN CLAUDIO SANTA CRUZ | Arqueólogo/a Autónomo/a | |
JAVIER LUACES ANCA | Arqueólogo/a Desempregado/a | |
ESPERANZA MARTÍN HERNÁNDEZ | Arqueólogo/a Autónomo/a | |
MIGUEL ÁNGEL VIDAL LOJO | Arqueólogo/a Autónomo/a | |
MATILDE GONZÁLEZ MÉNDEZ | Arqueólogo/a Autónomo/a | |
CRISTIAN LORENZO SALGUEIRO | Arqueólogo/a Investigador/a Predoutoral | |
EDUARDO RODRÍGUEZ SAIZ | Arqueólogo/a Profesor/a de Instituto | |
JULIÁN BUSTELO ABUÍN | Arqueólogo/a Investigador/a Predoutoral | |
Mª DEL CARMEN GARCÍA CABEZUDO | Arqueólogo/a Autónomo/a | |
MINERVA MÉNDEZ DÍAZ | Arqueólogo/a Desempregado/a | |
ALICIA AMEIJENDA IGLESIAS | Arqueólogo/a Desempregado/a | |
OSCAR BARROS FERNÁNDEZ | Arqueólogo/a Asalariado/a | |
JOSÉ CÉSAR LLANA RODRÍGUEZ | Arqueólogo/a de Museos | |
BEGOÑA ALBERTOS FIGUEROA | Arqueólogo/a Autónomo/a | |
F. JAVIER CHAO ALVAREZ | Arqueólogo/a Autónomo/a | |
MARÍA DEL CARMEN MARIÑO DOMÍNGUEZ | Arqueólogo/a da Xunta de Galicia | |
PATRICIA IGLESIAS GARCIA | Arqueólogo/a Autónomo/a | |
SERGIO RÍOS GONZÁLEZ | Arqueólogo/a Autónomo/a | |
EUGENIO RODRÍGUEZ PUENTES | Arqueólogo/a da Xunta de Galicia | |
ANGEL ACUÑA PIÑEIRO | Arqueólogo/a Empresario | |
VICTOR BARBI ALONSO | Arqueólogo/a da Xunta de Galicia | |
MANUEL DÍAZ VÁZQUEZ | Arqueólogo/a da Xunta de Galicia | |
CARLOS RODRÍGUEZ RELLÁN | Arqueólogo/a Investigador/a Posdoutoral | |
RAMÓN FÁBREGAS VALCARCE | Arqueólogo/a Profesor/a de Universidade | |
JUAN JOSÉ PERLES FONTAO | Arqueólogo/a Autónomo/a | |
MARÍA LUÍSA CASTRO LORENZO | Arqueólogo/a da Administración Pública | |
MANUEL RODRÍGUEZ CALVIÑO | Arqueólogo/a da Xunta de Galicia | |
PAULA MARÍA PAREDES RUANO | Arqueólogo/a Autónomo/a | |
ELISA PEREIRA GARCÍA | Arqueólogo/a Autónomo/a | |
V. CARMEN TORRES BRAVO | Arqueólogo/a Autónomo/a | |
ANA MARÍA VARELA MONTES | Arqueólogo/a Desempregado/a | |
SOLEDAD BELTRAN MORENO | Arqueólogo/a Autónomo/a | |
ALBERTO MARTÍNEZ GAGO | Arqueólogo/a Desempregado/a | |
SANTIAGO VÁZQUEZ COLLAZO | Arqueólogo/a Empresario | |
JOAQUÍN FERRER CRUZ | Arqueólogo/a Asalariado/a | |
ALFREDO SEARA CARBALLO | Arqueólogo/a da Xunta de Galicia | |
ANTONIO CASTRO ROZADOS | Arqueólogo/a da Deputación | |
CLÍODHNA NÍ LIONÁIN | Arqueólogo/a Asalariado/a | |
EVA CASTRO VIGO | Arqueólogo/a de Museos | |
XOSÉ LUKAS MOLEDO SANTIAGO | Arqueólogo/a Desempregado/a | |
ANTÓN A. RODRÍGUEZ CASAL | Arqueólogo/a Profesor/a de Universidade | |
NÉSTOR BACELAR DOMÍNGUEZ | Arqueólogo/a Asalariado/a | |
ERNESTO MULEIRO PONTES | Arqueólogo/a Desempregado/a | |
EVA ALBALADEJO IGLESIAS | Arqueólogo/a Desempregado/a | |
MAR CORTEGOSO COMESAÑA | Arqueólogo/a Autónomo/a | |
VICTOR GARCÍA PIÑEIRO | Arqueólogo/a Autónomo/a | |
LUIS CORDEIRO MAAÑÓN | Arqueólogo/a Autónomo/a | |
ANÓNIMO 2 | Arqueólogo/a Investigador/a Posdoutoral | |
MONTSERRAT VÁZQUEZ DOMÍNGUEZ | Arqueólogo/a Profesor/a de Instituto | |
NIEVES VEIGA LÓPEZ | Arqueólogo/a Autónomo/a | |
Mª JOSÉ BÓVEDA FERNÁNDEZ | Arqueólogo/a Empresario/a | |
PAZ BLANCO SANMARTÍN | Arqueólogo/a Autónomo/a | |
RUBÉN DARÍO ÁLVAREZ ASOREY | Arqueólogo/a da Xunta de Galicia | |
ESTEBAN AMADO RODRÍGUEZ | Arqueólogo/a Investigador/a Predoutoral | |
IGNACIO JAIME SENÍN FERNÁNDEZ | Arqueólogo/a da Xunta de Galicia | |
XOSÉ IGNACIO VILASECO VÁZQUEZ | Arqueólogo/a da Xunta de Galicia | |
JOSE MANUEL REY GARCÍA | Arqueólogo/a da Xunta de Galicia | |
XOSÉ LOIS LADRA FERNÁNDEZ | Arqueólogo/a Autónomo/a | |
JUAN LUIS NAVEIRO LÓPEZ | Arqueólogo/a Asalariado/a | |
BELEN SÁENZ-CHAS DIAZ | Arqueólogo/a de Museos | |
JOSE MORENO FLORES | Arqueólogo/a da Deputación | |
MARÍA MÉNDEZ MARTÍNEZ | Arqueólogo/a Autónomo/a | |
EMILIO RAMIL GONZALEZ | Arqueólogo/a Empresario/a | |
J. PABLO VAAMONDE DÌAZ | Arqueólogo/a Asalariado/a | |
PAULA MÉNDEZ SANTIAGO | Arqueólogo/a Asalariado/a | |
FERNANDO CARRERA RAMIREZ | Arqueólogo/a Profesor/a de Escola Superior | |
VÍCTOR TOMÁS BOTELLA | Arqueólogo/a Autónomo/a | |
GONZALO MEIJIDE CAMESELLE | Arqueólogo/a da Xunta de Galicia | |
PURIFICACIÓN RODRÍGUEZ GARCÍA | Arqueólogo/a Autónomo/a | |
Mª DOLORES GIL AGRA | Arqueólogo/a Autónomo/a | |
EDUARDO-BREOGÁN NIETO MUÑIZ | Arqueólogo/a Autónomo/a | |
IVÁN ANTONIO ÁLVAREZ MERAYO | Arqueólogo/a Autónomo/a | |
ANTONIO DE LA PEÑA SANTOS | Arqueólogo/a de Museos | |
SANDRA GONZÁLEZ PARENTE | Arqueólogo/a Asalariado/a | |
SARA RODRÍGUEZ SOUTO | Arqueólogo/a Desempregado/a | |
Mª PILAR FERNÁNDEZ PINTOS | Arqueólogo/a Autónomo/a | |
NURIA CALO RAMOS | Arqueólogo/a Autónomo/a | |
SOFÍA CADENAS BALSEIRO | Arqueólogo/a Asalariado/a | |
PAULA BALLESTEROS-ARIAS | Arqueólogo/a Autónomo/a | |
JUAN CARLOS CASTRO CARRERA | Arqueólogo/a Empresario/a | |
MARÍA JOSÉ ALLES LEON | Arqueólogo/a Desempregado/a | |
SANTIAGO VILAR LABARTA | Arqueólogo/a Desempregado/a | |
ANA ISABEL FILGUEIRAS REI | Arqueólogo/a Municipal | |
MIGUEL SARTAL LORENZO | Arqueólogo/a Asalariado/a | |
MANUEL REBOREDO TAJES | Arqueólogo/a Profesor/a de Instituto | |
ANA DURÁN PENABAD | Arqueólogo/a Autónomo/a | |
JOSÉ Mª EGUILETA FRANCO | Arqueólogo/a Municipal | |
RAFAEL MARÍA RODRÍGUEZ MARTÍNEZ | Arqueólogo/a da Deputación | |
EUSEBIO REY SEARA | Arqueólogo/a Outros | |
ANTÓN FERNÁNDEZ MALDE | Arqueólogo/a Autónomo/a | |
REMEDIOS VARELA | Arqueólogo/a Autónomo/a | |
SOFÍA BAQUEIRO VIDAL | Arqueólogo/a Asalariado/a | |
FÁTIMA CORES BARCIA | Arqueólogo/a Autónomo/a | |
ASEMBLEA DE TRABALLADORES DE ARQUEOLOXÍA DE GALICIA-CIG | Asociacións relacionadas coa Arqueoloxía | |
MANUEL XUSTO RODRÍGUEZ | Arqueólogo/a de Museos | |
ALBA LOSADA GARCÍA | Asembleas | |
BEATRIZ PILAR COMENDADOR REY | Arqueólogo/a Profesor/a de Universidade | |
ELOY MARTÍNEZ SOTO | Arqueólogo/a Profesor/a de Instituto | |
MARÍA DE LOS ÁNGELES COELLO FERNÁNDEZ | Arqueólogo/a Asalariado/a | |
LADISLAO CASTRO PÉREZ | Arqueólogo/a Profesor/a de Universidade |