Piden a declaración de BIC para os frescos renacentitas dos Vilares (Guitiriz) polo seu lamentable estado de conservación
A Asociación Sócio-Cultural Lareira de soños dos Vilares e o párroco de Labrada, Luis Ángel Rodríguez Patiño, anunciaron que levarán a cabo diversas iniciativas para reclamar a urxente restauración das pinturas murais renacentistas da que xa deu conta a web de Historia de Galicia.
Despois de varios anos de reclamacións, entrevistas, informes e visitas de autoridades para a recuperación destas importantes pinturas dos séculos XV e XVI sin resultados positivos, a alarma do deterioro dos mesmos obrigan, din, a chamar a atención sobre o perigo da perda definitiva duns frescos con mais de 500 anos de antigüidade. “As humidades, o desconchado das paredes, a falta de mantemento e consolidación destas obras artísticas levan a unha degradación ano tras ano que vai camiño de facerse definitiva e irrecuperável si non se actúa con urxencia”, sinalan.
É por isto que as dúas parroquias ,despois de varias conversas entre o párroco de Labrada e o presidente da Lareira de soños, decidiron emprender accións conxuntas para apremiar ás institucións na salvación destes murais e a súa posterior declaración como Ben de Interese Cultural (BIC).

Detalle dos frescos de San Vizenzo dos Vilares
Parlamento
Por outra banda, a situación de abandono dos frescos acaba de chegar ao Parlamento galego a través dunha iniciativa do BNG. Na iniciativa do grupo nacionalista, que se debaterá na Comisión de Cultura, incidese no perigo de que a perda dos murais sexa irreversíbel si non se actúa con urxencia e preguntaselle a Xunta que ten pensado facer para actuar e recuperar estas obras de artesanais
A Igrexa dos Vilares conforma un conxunto único cos seus retablos dos séculos XVII e XVIII, o sartego e o calvario e unha romaría dos desamparados emblemática en todo a Terra Chá e alén de Montouto. Trátase dun conxunto de grande interese na iconografía relixiosa, o patrimonio histórico e un ben turístico a preservar e potenciar.
A Asociación Sociocultural Lareira de soños leva anos pedindo a intervención neste monumento. “As pinturas, son un valioso ben patrimonial de difícil recuperación cando acadan un alto grado de deterioro, un camiño que emprenderon xa as dos Vilares”, apunta.