fbpx
Praia das Catedrais / anaturhotel.com

Queres axudar a limpar a praia das Catedrais?

Tempo de lectura: < 1 min.

O 11 de novembro terá lugar unha limpeza simultánea de praias de Galicia. Trátase dunha actividade que organizan Adega e a Universidade de Vigo. En Ribadeo actuarase no areal das Catedrais, segundo informan desde a Concellería de Sostibilidade Ambiental e Medio Mariño deste concello.

As persoas que desexen participar nesta iniciativa, coa que colabora o Concello de Ribadeo, deben dirixirse a adegalugo@adega.gal ou ao teléfono 686 11 87 22. O encontro para proceder á limpeza da emblemática praia das Catedrais será no aparcamento do areal o 11 de novembro (sábado) ás 15 horas. Esta tarefa prolongarase ata as seis da tarde.

Toneladas de lixo

A costa galega conta con innumerables praias pero, lamentablemente, continúan a recibir toneladas de lixo. Boa parte dos residuos son plásticos. “Alén do seu impacto visual, supoñen un grave perigo para a flora e a fauna mariñas; nomeadamente para algunhas especies ameazadas como os cetáceos, tartarugas ou aves mariñas, xa que inxiren plásticos confundíndoos con alimento”, apunta o protocolo para a limpeza dos areais, elaborado por Adega e a Universidade de Vigo.

Ademais, outro dos problemas é que o plástico acaba desfacéndose en pequenos anacos (microplásticos) que son inxeridos por numerosos organismos, dende invertebrados ata peixes e aves. “A mellor maneira de actuar ante este problema é reducir o consumo diario de plástico, reutilizar o máximo posible e reciclar. Tamén podemos botar unha man, pasando á acción directa e retirando o plástico acumulado nas nosas praias”, suliña este documento.

Pode que che interese...