fbpx
Pazo de Trasouteiro

A lenta ruína do pazo dos Condes de Altamira en Brión, unha das grandes casas da Amaía

Tempo de lectura: 3 min.

O que fora coñecido polo “Pazo dos condes de Altamira“, deu un paso máis no seu camiño cara a ruína ao esborrallárselle totalmente o tellado. O pazo está na aldea de Trasouteiro, lugar da parroquia de San Fins no concello de Brión, moi cerca da fortaleza de Altamira, castelo este que levantara a finais do século XV Lope Sánchez de Moscoso e Ulloa, despois da dura batalla contra o arcebispo Afonso de Fonseca II polo dominio do territorio da Amaía. Aquí estivo a xurisdicción de Altamira ata que se constituiu o concello de Brión.

Estado do tellado do pazo. Dec. 2017 . Foto Joám Casas

 

Esta casa señorial posiblemente fora erexida nos tempos de Lope de Moscoso Osorio e Ruíz de Castro, V Conde de Altamira que viviu entre os séculos XVI e XVII. Existe un plano desta casa do ano 1776 debuxado polo arquitecto J. López Freire que nos permite ver tanto a súa distribución interior como a exterior, e as súas construcións auxiliares, como  a capela, a casa do forno, a vivenda do caseiro, a fonte, as cortes e as terras de labor.

O pazo de Altamira en 1772 . Deseño de J. L.Freire

Detalle do plano do pazo

Se atendemos ao libro de Clodio González Pérez sobre a Historia de Brión , unha vez abandonada pola familia nobre  a gran fortaleza, viñeron para este pazo varios obxectos que se atopaban nela, como o retablo da capela coa representación dos Reis Magos de finais do século XVI, unha ara sepulcral, posiblemente do século XIV que se exhibiu na exposición de Santiago de Compostela de 1909, e unha artística fonte renacentista formada por tres pías circulares sostidas por un pedestal.

Foi alugado o pazo en 1762 ao deixar de vivir os condes nel, pero os inquilinos pouco se preocuparon por coidar o estado do edificio, e no ano 1787 o de Altamira chegou a apelar a Real Audiencia reclamando danos e perxuicios polo gran abandono que sufría : “..y habiéndose falezido ultimamente la Señora dicha quedó arruinada y desperfectada la citada casa con muchos desperfectos en los vienes por falta de cuidado de la arrendataria.”
Esta propiedade foi vendida en 1873 polo Conde de Altamira adquiríndoa  Domingo Barbeira, que botara varios anos en Cuba.

Ventá no pazo de Trasouteiro

 

Dende aquel tempo pertencería aos herdeiros, que foron os que destruirían a capela á que se accedía dende o pazo á tribuna.  A fermosa fonte renacentista foi roubada, quedando só no lugar a pía inferior, ao ser de gran tamaño para poder ser transportada. A casa estivo en total abandono nas últimas décadas ao tempo de desaparecía todo canto de valor había nela. A día de hoxe a maleza rodea o pazo e os derrubes, que de seguro continuarán, levaran á  que fora a casa dos  poderosos señores da Amaía á ruína total.

A Fonte Roubada do Pazo de Trasouteiro, imaxe do libro Brión historia economía cultura arte. Clodio González Pérez

 

Bibliografía

Rodríguez Pérez, Clodio. Brión Historia Economía Cultura Arte,

Deputación Provincial da Coruña. Ano  2016

Escrito por

Divulgador

Pode que che interese...