fbpx
Petróglifo de Mogor / turismo.gal

Na procura das tradicións e as encrucilladas da arte rupestre no Noroeste peninsular

Tempo de lectura: 2 min.

A Arte Rupestre Galaica é un ben patrimonial de grande importancia e, pola súa orixinalidade, unha sinal de identidade de primeira entidade no ámbito do Noroeste. A extraordinaria abundancia e calidade da Arte Rupestre Galaica suscita a necesidade de estudala, interpretala, conservala e divulgala como unha parte sobranceira da nosa memoria histórica e do noso patrimonio material. De aí que a Facultade de Historia de Ourense celebre os días 14 e 15 de decembro o ciclo de conferencias “No Limiar das Artes: encrucillada de tradicións rupestres”, co obxectivo de explorar o que hai de arte e o que hai de historia nos petróglifos.

“A súa importancia estratéxica como recurso patrimonial é especialmente interesante nas áreas interiores, onde se establece o encontro entre diferentes manifestacións de estilos artísticos rupestres, compartidos nunha área transfronteiriza”, sinala a organización destas xornadas. E, precisamente, o lugar elixido para celebralas, Ourense, destaca polo “potencial” destas manifestacións de arte rupestre está aínda pouco estudado e valorado.

Visita nocturna aos petróglifos de Campo Lameiro / PAAR

Outro dos obxectivos das xornadas é reforzar a comunicación e coordinación con Portugal así como as comunidades limítrofes (Asturias, León e Zamora), que tamén posúen manifestacións de valor análogo. De aí que nelas participen investigadores de diferentes ámbitos xeográficos (os organizadores da UVigo, invitados da Universidade de Coimbra e Minho, conferencias sobre a arte esquemática leonesa, etc.) para contrastar os recursos patrimoniais dos vales fluviais interiores da área interior do Noroeste da Península Ibérica, como unha forma máis e coñecer e valorar estes recursos patrimoniais e de establecer modelos de viabilidade para a difusión e conservación do patrimonio cultural e natural no ámbito do desenvolvemento económico sostible.

Sesións temáticas

Neste marco, o ciclo de conferencias baixo o título de “No Limiar das Artes: encrucillada de tradicións rupestres” desenvolverase en dúas xornadas e tres sesións temáticas. A primeira xornada será sobre temas de arte atlántica relacionados coa cronoloxía e a iconografía (conferencias a cargo Lara Bacelar Alves, Israel Barandela e Ladislao Castro). Na segunda xornada abordará na primeira sesión, cuestións vencelladas a diferentes manifestacións da arte ou artes esquemáticas (conferencias a cargo de Feliciano Cadierno, Manuel Santos Estévez e Beatriz Comendador), así como ó rexistro, conservación e defensa e divulgación do Patrimonio arqueolóxico rupestre (con intervencións de José Luis Galovart, Antón Bouzas, en representación do Colectivo A Rula, e Fernando Carrera). Ao fin de cada sesión haberá unha mesa redondas/debate aberto.

As actividades descritas están abertas a toda a comunidade universitaria (alumnos e profesores) así como a público en xeral interesado en temáticas relacionadas co patrimonio histórico e arqueolóxico. A inscrición dos asistentes farase de xeito online, enviando un email co número do DNI á dirección geaat@uvigo.es A inscrición é gratuíta e obrigatoria. Entregarase diploma aos asistentes a polo menos o 80% da duración total do ciclo, por un total de 15 horas lectivas. Con este certificado, o alumnado da Universidade de Vigo poderá o recoñemento de 0,5 créditos ECTS.

Pode que che interese...