Piden a declaración urxente de BIC para un museo pechado e comido pola humidade, o Carlos Maside en Sada
O museo Carlos Maside leva pechado desde o ano 2012 e a conservación actual do edificio, ideado polo arquitecto coruñés Andrés Fernández-Albalat, ofrece serias dúbidas sobre o estado en que se encontran algunhas pezas artísticas da colección, tal e como xa recolleu este portal.
O Concello de Sada leva reclamando a declaración de BIC para o complexo formado polo museo e máis pola fábrica de cerámica do Castro, que forman un conxunto que ten valor arquitectónico propio, ademais do valor dunha colección artística que reune artistas galegos contemporáneos e alberga unha parte importante do legado artístico de Luís Seoane.
Por iso, varios políticos reclamaron estes días a súa declaración como BIC. Ánxeles Cuña, Luca Chao e Antón Sánchez, deputadas de En Marea no Parlamento de Galicia máis Miguel Anxo Fernán Vello, no Congreso, xunto co alcalde de Sada, Benito Portela, pediron a pasada semana nas inmediacións deste museo que sexa protexido.
Todos eles coincidiron na necesidade de dar protección ao museo, “tanto ao edificio, como á colección, é render unha homenaxe á xeración de Seoane e ao seu traballo por Galicia”. Ademais da declaración de BIC, En Marea tamén respalda a petición do concello de conseguir un convenio entre a propia administración municipal, a Xunta de Galicia máis a empresa do Castro para que se poida reabrir o museo e se poida dar mantemento ao edificio e conservación ás coleccións.