fbpx
Castelo do Cardeal, á esquerda, na ría de Corcubión, está á venda por tres millóns de euros

Queres mercar o patrimonio galego?…Podes elixir castelos, pazos, casas señoriais, aldeas e hórreos

Tempo de lectura: 2 min.

Un castelo do século XVIII á beira do mar por tres millóns de euros; pazos históricos entre 225.000 e 2.750.000 euros; casas señoriais entre 86.000 e 1.500.000 euros; ou aldeas abandonadas, a prezo de saldo, entre 160.000 e 312.000 euros… Unha importante parte do patrimonio galego está en venda en Internet, na procura de propietarios que se fagan cargo de auténticas xoais que se están a converter nun reclamo para investidores estranxeiros. Historia de Galicia xa abordara hai uns meses a venda de mosteiros galegos como podes ver nesta reportaxe.

O propio The Times, talvez o xornal que mellor simboliza a chamada quality press do Reino Unido (a prensa de calidade), publicou o pasado domingo unha reportaxe sobre como os compradores británicos están “devolvendo á vida aldeas europeas abandonadas”. É por isto que Galicia se converteu nunha verdadeira oportunidade para os que buscan sacar partido desas aldeas abandonada, nas que agora poñen os seus ollos moitos potenciais investidores.

Claustro dos medallóns, no mosteiro de Montederramo, cuxa parte superior e inferior están á venda / wikipedia

Un bo exemplo deses novos moradores que viron en Galicia unha oportunidade para investir son Jeff King, de 59 anos, de Devon (Inglaterra), e a súa parella alemá, Claudia Weber, de 48. A parella, que traballou el como capitán e ela como cociñeira de iates no Caribe, namorouse de Galicia cando percorreu España en 2012 cunha “vaga idea” de vender a súa casa en Exmouth, en Devon, e comprar outra na España rural.

En 2016, a parella mercou Vilachá, unha aldea a 30 minutos de Viveiro, por un prezo que consideran “asequible” para un británico medio. Compraron uns 50.000 metros cadrados de terreo boscoso, “cheo de cogomelos comestibles”, dúas fontes de auga, unha casa habitable, tres casas medio anovadas e outras tres en ruínas sen teito. Desde entón, restauraron por completo unha segunda casa, que se aluga como aloxamento de vacacións, e están a completar unhas renovacións na casa principal que lles custaron uns 17.000 euros ata a data. Podes ler unha completa reportaxe no xornal Galicia Confidencial.

Pode que che interese...