fbpx
Castro de Chandebrito | Foto 1.1 Fotografia
Castro de Chandebrito tras os lumes de 2017

Por que a Real Academia Galega de Belas Artes non fai tamén un estudo do estado do patrimonio “dentro do país”?

Tempo de lectura: 2 min.

A Real Academia Galega de Belas Artes anunciou este martes que elaborará un estudo nos vindeiros meses para coñecer o estado “real” do patrimonio galego que está fóra do país e distinguir entre aquelas pezas saqueadas das que saíron de xeito procedente.

Unha iniciativa interesante pero que chega, xustamente, logo dunha serie de danos continuados ao patrimonio que aínda temos en Galicia e despois dos estragos que ten provacado a recente vaga de lumes de outrubro. Por que esta institución non fai tamén un estudo do estado do patrimonio “dentro do país”?.

Estado da mámoa do Alto do Marco, no Salgueirón, antes e despois de que unha pista lle pasara por riba / ponteareashistoriaviva.blogspot.com

O anuncio do presidente da Real Academia Galega de Belas Artes, Manuel Quintana, chega logo dunha interesante reportaxe publicada por María Cedrón en La Voz de Galicia sobre o arte sacro espoliado e que se atopa fóra do país. Así, sinalou a necesidade de “distinguir” entre aquelas obras que deixaron Galicia “de xeito procedente” daquelas outras que se perderon porque as Administracións públicas ou as entidades relixiosas “non tiveron a ben preservalas adecuadamente”, un tema que se tratou na última sesión plenaria desta institución.

Con este obxectivo, a Academia de Belas Artes elaborará un informe que permita “ter un coñecemento máis claro” da situación na que se atopa este patrimonio, coa contribución de expertos, historiadores, arqueólogos, museólogos e estudosos da cultura.

Hórreo queimado en Ourense na vaga de lumes de outubro de 2017 / FB O Sil

En todo caso, as conclusións e resultados serán transferidos á Administración pública, xa que a Real Academia Galega de Belas Artes é un “órgano consultivo” da Xunta en materia de patrimonio, polo que teñen “responsabilidade a este respecto”. “Trala elaboración do informe, serían as propias Administracións as que deberán tomar a decisión sobre posíbeis reclamacións das pezas, tendo en conta os escasos recursos e a pouca marxe de actuación coa que conta a Academia, que supón un problema para a institución”, sinala.

Se sabes algo, denuncia

HdG, coa inestimable colaboración dos seus lectores e colaboradores, ten denunciado xa en numerosas ocasións o estado no que se atopa o patrimonio de país. De feito, acaba de lanzar unha iniciativa na rede para que todas aquelas persoas que saiban de bens danados poidan dar conta diso cubrindo unha sinxela ficha AQUÍ.

O obxectivo é elaborar, precisamente, un estenso informe sobre o estado do patrimonio de Galicia que lle será entregado á Xunta para que tamén tome cartas no asunto. Unha iniciativa para a que pide a colaboración de todas e todos os seus lectores porque o máis importante é protexer o que os nosos antergos nos deixaron; un fermoso país e unha rica historia.

Pode que che interese...