A silenciosa guerra de submarinos alemáns na Costa da Morte durante a I Guerra Mundial
As guerras mundiais foron mundiais porque se combateu en todo o mundo. E parte dese teatro de operacións foi Galicia, a pesar da suposta neutralidade do Estado español nas dúas contendas. Os submarinos alemáns operaron na Costa da Morte como se estiveran na súa casa. Estas naves proveitaban a salvaxe orografía galega e os refuxios costeiros naturais como portos improvisados desde o que atacar a barcos inimigos que non desconfiaban en absoluto do perigo que existía.
Pasou algún tempo ata que se soubo da existencias destes piratas sumerxibles, sobre todo, por tratarse dunha moderna arma de guerra, descoñecida ate entón que foi na gran guerra onde demostrou a súa eficacia. Os mariñeiros, a volta do mar, falaban de buques estrañamente afundidos, case diante dos seus ollos, como barcos fantasmas. Ao principio, en Madrid, pensaba que eses ataques eran lendas de mariñeiros galegos, “brutos e desconfiados”, ata que os danos comezaron a ser maiores. O xornal madrileño “Ahora” recordaba no 1922 que os submariños alemáns navegaban a corpo de rei polas augas da antiga Costa Brava, xa rebautizada co nome da Costa da Morte.
E o certo é que, ao final da Primeira Guerra Mundial foi común a súa presenza. Aos temporais e as borraxeiras, aos baixos e a todas as traizóns desta costa, había que engadirlle un perigo máis; o dos sumerxibles.
Certa tarde, na oficina radiotelegráfica do cabo Vilán, rexístrase unha vibración angustiosa.
Qué é?
Un mercante, o Columbia.
Español?
Norteamericano.
E que di?
Que un submarino perségueo.
Onde?
Semella que por aquí.
Aquí, submarinos!
O xefe da radio aínda obstinárase en non renderse a evidencia. Podía tratarse dunha casualidade. Tranquilizouse de todo ó darlle conta o oficial dun novo radiograma do Columbia, segundo o cal o buque puidera poñerse a salvo. Pero antes de que caira a noite pecha, 19 náufragos chegaron en bote ao porto de Camariñas. Era parte da dotación do Columbia. O submarino lograra cazalo. “Foi unha sorpresa. O submarino apareceu diante dos nosos fociños”, dixo.
Covas mariñas como refuxios
Supostamente saíu, de súpeto, dalgunha das covas nas que se agochaba, deses porto refuxio que tiña na costa. Suponse que, un destes estaba xusto ó norte e pegado a Cabo Vilán xa que había certa cala de auga fonda, remansada e verde a carón do promontorio.
O Columbia foi o comezo. Case o mesmo tempo o Thyro era afundido nas Sisargas!. O día seguinte, o Baldwin e o Scatonia, ao carón do cabo Touriñán; no terceiro día, o Kiato, o Hasfat Castle e o Caravell a dúas millas de Fisterra. Sete buques en tan pouco tempo!. E antes cantos non caeran?. As submarinos alemáns mesmo actuaban de día e con total impunidade e os mariñeiros daban conta ata dos seus nomes:
Foi o “B23”
O “U29”!
Don Manuel Lastres, historiador coruñés da época confirmou a importante presenza destes buques na Costa da Morte e mesmo que fora testemuño dun dos seus ataques. El mesmo puido ver como un barco xa á deriva logo de ser torpedeado, e o periscopio do submarino xurdindo aínda das augas. Tal era a intensidade destes ataques que nun só día chegaron a Camariñas 163 náufragos. Náufragos que había que alimentar e vestir e que comezaron a ser un problema para o Goberno español.
De feito, a actividade de alemáns e británicos nos portos galegos fíxose habitual, mesmo coa presenza de mariñeiros e tripulantes destes países que non eran moi ben recibidos pola poboación local. Algún deles chegou a ser un coñecido espía… pero diso falaremos nunha segunda reportaxe.