fbpx
Mámoa de Rañalonga
A mámoa do camiño das Brañas da Ferreira . Rañalonga

As 26 mámoas de Rañalonga : o gran cemiterio neolítico da Amaía

Tempo de lectura: 5 min.

Hai unha chaira ao oeste da Depresión Meridiana entre o val da Amaía e as terras de Luaña que foi un lugar ancestral de enterramentos. Está a 275 m de altitude, e toda a contorma leva o nome do Chan de RañalongaDos 26 túmulos do que se ten constancia da súa localización, 21 estarían seguindo unha liña en dirección norte-sur e situaríanse entre a estrada que vai polo norte, dende a parroquia de San Fins de Brión ao lugar de Mourentáns na parroquia de Viceso, e a estrada polo sur que vai da parroquia dos Anxeles a Luaña. Separadas as dúas vías 1,5 km en liña recta polo demominado Camiño Francés.

Montaxe coa imaxe do libro As mámoas de Rañalonga e un plano de pendentes 2009 dos planos do SITGA

Pola cantidade de túmulos que nel se atopan debeu de ser un lugar coas características idóneas para que os antigos poboadores sotérrasen á súa xente, sexan estas míticas, telúricas, sagradas, territorias ou orográficas.

Cando Federico Silva Cobas coordinou o traballo para o proxecto interdisciplinar do ano 2007-2008, do I.E.S Castelo de Vigo e co nome “Nas Raíces de Brión: As mámoas de Rañalonga“, localizáronse un total 21 mámoas que aínda se podían observar no terreo, e das cales se fai un estudo pormenorizado. O equipo constatou ademais que había xa 5 “desaparecidas”, ou que xa non están no sitio en que se apuntaba, segundo o catálogo que manexaban do Servizo de Arqueoloxía da Xunta de Galicia. Barallábase a súa destrucción como a causa máis posible de que non aparecesen sobre o terreo ou que houbera erros de localización no catálogo de Patrimonio. Non se descarta, por outra banda, que puidese haber outros novos túmulos sen localizar nin catalogar.

Repoboación de eucaliptos nos posibles restos das coirazas dos túmulos

Neste estudo da necrópole de Rañalonga divídise o lugar en catro zonas: as mámoas do norte, do leste, do sur, e a mámos do oeste. Na zona do norte están as tres localizadas e catalogadas Mámoas de Sandar, ou de Montouto, e unha desaparecida, serían as únicas que pertencen ao concello de Ames e están abeiradas á estrada.

As mámoas do leste, o grupo máis numeroso cun total de 14 mámoas nun tramo de 400 m, pero a maioría case inapreciables polos traballos forestais ou por estar inzadas de maleza.  As máis significativas deste grupo sería a denominada “Gran Mámoa (GA15013017) a carón do camiño cun diámetro medio duns 31 metros e que se eleva da contorna 2,5 m. Outras destacables son a Mámoa das Lagoas, que estaría a carón de dúas pequenas lagoas que se forman en tempo de chuvia sobre esta chaira, e a chamada no traballo “Mámoa dos Raposos”, por estar na data en que foi feito o estudo furada por moitas tobas destes animais. Na banda máis ao sur desta zona do leste estarían a mámoa do camiño das Brañas da Ferreira,  un microtopónimo que denomina un lugar que antes das plantación árboreas era de natureza brañenta e con auga tinguida de óxido ferroso. A 50 m. ao oeste desta estaría a  mámoa do camiño da Telleira, 

A denominada “Gran Mámoa” de Rañalonga. Unha mámoa de 31 m de diámetro a carón do camiño francés.

 

Un lidar da denominada “gran mámoa” do grupo da zona leste/ imaxe dos mapas do SITGA (Xunta de Galicia)

As mámoas do sur ou do Agro da Andiana (ou Indiana), componse este grupo cun total de 7 túmulos, dos cales 3 se dan no traballo do I.E.S. Castelao por desaparecidas. Tres das catro apreciables no terreo estarían moi apegadas entre elas e á beira do camiño chamado “do Francés”, onde un relato quere atribuír este nome á presenza neste monte dun soldado francés da guerra do 1808 que estivo agochado por este lugar. Tres estaran aliñadas en eixo norte-sur e outra 50 m  en liña recta cara ao leste.

A mámoa do oeste , na paraxe do Foxo, sería un elemento aillado dos grupos principais, pero dende que se fixo o estudo xa apareceu outra mámoa a 80 m. ao seu leste, descuberta por o propietario dun monte despois do reparto do libro citado sobre Rañalonga e editado pola deputación da Coruña  entre a veciñanza do concello de Brión.  Este feito indica que non sabemos certo o número  de monumentos megalíticos que pudo haber  nesta elevada “raña”.

O precario estado dos monumentos megalíticos

Temos que ter en conta que todas as tumbas  amosan signos de profanación e non é posible apreciar a existencia de esteos, agás unha pedra que sería parte da estrutura megalítica do dolmen da mámoa localizada no Agro de Picón, a  máis oriental de Rañalonga, e que puidera que se conservara intacta, pois o seu  cono de profanacón é moi pouco profundo. Apuntar que o  lugar de Rañalonga foi obxectivo das accións do licenciado Pedro Vázquez de Orxas, alá polo 1609, para arrepañar os tesouros que había en “las mámoas de los gentiles galigregos”. A maioría da contorna dos túmulos foi achanzado para a plantación de eucaliptos e na actualidade están sen sinalizar e seguen a ser tratados como lugares que non tiveran ningunha figura de protección e non se tivera que gardar unha mínima franxa de cautela.

Mámoa inzado de eucaliptos en Rañalonga

Fanse sobre os máis deles repoboacións de eucaliptos en ringleira, e noutros esta especie invasiva medra dentro dos conos de profanación das mámoas con multitude de exemplares. Tamén se aprecian restos de pedras miúdas ou cachotería nas contornas dos túmulos que se levantan pola maquinaria nas faenas de preparar o terreo . Outras están moi difíciles de localizar pola maleza que as invade ao estar en montes sen un mínimo mantemento.

                                                          

Bibliografía :

Nas Raíces de Brión: As Mámoas de Rañalonga. Deputación da Coruña

Federico Silva Cobas (coordinador) María Aracelli Cabido Rodriguez (Educación Plástica e Visual)

Araceli Iglesias Barrientos (Ciencias Sociales. Xeografía e Historia) Marcos Suárez Martínez (Ciencias da Natureza)

Alumnos 1º Curso da E.S.O.  Proxecto interdisciplanar I.E.S.Castelao-Vigo (2009) ISBN 978-84-9812-106-3

 

 

Escrito por

Divulgador

Pode que che interese...