Atopada a primeira mostra de arte rupestre de Touro (A Coruña)
O traballo de documentación dunha nova ruta de sendeirismo na ribeira media do Ulla levou ós técnicos do concello de Touro á localización dunha nova mostra de arte rupestre do grupo galaico de enorme interese pola súa situación, historia, morfoloxía e soporte.
Segundo publica o colectivo A Rula, os veciños das parroquias de San Martiño de Calvos de Socamiño e Santa Mariña de Circes eran coñecedores dende antigo deste ben cultural, un fito de referencia na paisaxe que mesmo dá nome ó monte da súa contorna. Un elemento cotiá na vida da veciñanza que, como aconteceu noutras ocasións, pasou desapercibido para a case totalidade dos investigadores e estudosos neste eido.

Plano de localización do petróglifo do Monte da Pena Furada / A Rula
Non figura en ningún catálogo e publicación coñecida e, por tanto, tampouco no actual inventario patrimonial que inclúe o Plan xeral de ordenación municipal de Touro aprobado no ano 2010. É máis, non consta ningunha outra referencia a xacementos desta mesma tipoloxía.
O petróglifo sitúase no Monte da Pena Furada ó carón do chamado “camiño das Chousas”, que cruza o monte e enlaza coa estrada que comunica as parroquias de Calvos e Circes. Este camiño, na actualidade de uso agrícola e forestal, emprégase tradicionalmente para acceder ás diferentes parcelas deste monte de titularidade privada. Está nunha zona de forte pendente con terreos dedicados case exclusivamente ó aproveitamento forestal, principalmente plantacións de eucalipto.
Descrición dos gravados
Os gravados distribúense por case toda a superficie dun penedo de lousa de 1,98 m. de longo por 1,02m. de largo situado case a rentes do chan, pois o camiño está elevado sobre a parcela onde se atopa (0,50 m. de altura), e a unha altitude de 372 m.s.n.m. Contén como motivos principais máis de corenta coviñas e cazoletas de forma redondeada e ovoide distribuídas por case a totalidade da superficie dun único panel na parte superior e plana da laxe. As dimensións dos gravados oscilan entre os 2 e os 12 cm de diámetro e a súa fondura entre 1 e 3 cm.
“Lamentablemente a rocha consérvase fragmentada, probablemente pola actividade extractora dos canteiros, sendo razoable pensar que o número dos motivos insculturados fora aínda maior. Descoñécemos tamén se quedan novas figuras na parte da pedra que segue soterrada por baixo do actual camiño”, sinalan desde A Rula.

Fotogrametría da Pena furada / A Rula
Cronoloxía e estado
Dada a simplicidade dos deseños representados resulta moi complicado aventurar unha cronoloxía e precisar un período concreto da prehistórica na que fosen elaborados. Con todo, e atendendo ás evidentes semellanzas con outras laxes do grupo galaico da arte rupestre, pódese datar nun amplo período de tempo que vai desde finais do neolítico ata finais da Idade do Bronce, sen desbotar con isto a posible alteración dos gravados e incorporación de engadidos xa en época histórica.
O estado actual do panel insculturado é bastante bo, con gravados ben marcados e perceptibles a calquera hora do día. Porén, o petróglifo corre graves riscos debido a situación onde se localiza, ó carón e mesmo invadindo parte do camiño de acceso ás diferentes parcelas de monte destinadas ás plantacións de eucaliptos. “Dende o noso punto de vista precisaríase adoptar un pequeno plan de actuación que inclúa a súa catalogación seguida de, con certa urxencia, varias medidas preventivas dirixidas a garantir a súa conservación”, sinala o colectivo. Le o seu informe aquí.