fbpx
Recreación dunha batalla viquinga

O labirinto viquingo: o territorio galego baixo as incursións piratas do século XI

Tempo de lectura: 7 min.

Desde a nosa perspectiva histórica os ataques e saqueos realizados por pobos nórdicos sobre as costas galegas resulta un auténtico quebracabezas. As fontes medievais falannos de incursións xenéricas e tamén de saqueos e ataques moi locais. Para Ann Christy nen sequera está claro a quen se referen as crónicas e documentos cando falan de normanni, leodemanorum, lotmanes, lormanes ou laudomanes. Estamos perante piratas de procedencia diversa (Irlanda, Francia ou Dinamarca) e non só de Escandinavia? En todo caso comprobamos a pobreza das fontes galegas que pouco se poden completar coas sagas e historias nórdicas. Lembra o historiador Hélio Pires que non temos rexistros de todas a incursións viquingas sobre Galicia e incluso como moitos dos ataques puideron ser simultáneos, obra de diferentes bandas. Máis delicado se cabe é determinar o nome dos líderes nórdicos ficando no mito historiográfico a autoría da destrucción de Tui ao futuro rei e santo Óláfr Haraldsson.

Deberíanos chamar a atención os numerosos e constantes ataques referenciados na primeira metade do século XI desde o saqueo de Tui ata a batalla contra os viquingos que libra o bispo compostelán Cresconio. Movémonos por acontecementos sen datas precisas só aproximadas e sinaladas polos reinados de Alfonso V, Vermudo III e Fernando I, coas súas minorías de idade e debilidades dos seus gobernos.

Ilustración sobre a Batalla de Brunanburh, do libro ‘Viking-Hersir”, de Osprey

Primeiros ataques no século XI

Os primeiros datos certos da presenza viquinga nas nosas costas no século XI están nos ataques no Douro e Ave nos anos 1015 e 1016 [PIRES: 2012] e a referencia ao saqueo do castelo de Vermoim nas proximidades de Braga en 1016. O tempo empregado nesta incursión e o movemento na rexión suxiren o establecemento dunha base invernal entre o Miño e o Ave.

O saqueo e destrucción de Tui relatada nun documento do ano 1024 por Alfonso V sitúanos a data límite desta incursión pero non a data exacta ou os seus vencellos coas bandas de piratas que actúan desde 1015 entre o Douro e o Ave. Descartado o protagonismo de Óláfr Haraldsson [PIRES: 2015, 313] só podemos especular coa autoría. A sede episcopal de Tui tiña sido fortificada por Ordoño I no ano 855, a súa importancia relixiosa e económica no territorio miñoto facían de Tui unha presa atractiva pero moi difícil de tomar sen unha potente organización militar polo que só unha confluencia de varias bandas viquingas terían capacidade para sorprender á cidade episcopal. Lembremos que Tui será a única cidade ou poboación relevante da Galicia medieval saqueada e destruida polos viquingos. Unha acción que non tivo unha resposta inminente por parte de Alfonso V incapaz de reaxir ata o ano 1024 no que agrega a sede tudense a Iria-Compostela.

Desde o ano 1022 Tui xa estaba agregada ao bispo de Lugo que sumaba a administración dos bispados de Mondoñedo e Ourense, indicando a inestabilidade do territorio galego ameazado por unha parte polos líderes nórdicos e por outra a debilidade do reino durante os primeiros anos de Alfonso V. O documento de 1024 evidencia o intento de reorganizar o reino e o comezo da iniciativa guerreira do monarca que rematará coa súa morte en Viseu en 1028 no intento de facer avanzar cara o sur as fronteiras do reino.

Cadro do bispo Afonso na sacristía da Catedral de Tui

Debilidade do reino

Resultaría lóxico pensar que o reino de León durante a primeira metade do século XI ofrecía unha clara debilidade no control da costa máxime cando apenas existían poboacións costeiras no noroeste peninsular, só as vellas sedes episcopais como Tui ou Porto mantiñan a súa relación co mar. A foz dos ríos como o Ulla, o Miño, o Douro ou o Ave, entre outros, permitían as incursións de piratas no interior do territorio desde bases seguras no mesmo litoral deshabitado de Galicia.

Aínda que as palabras de Alfonso V en 1024 sobre a súa victoria contra os piratas nórdicos poidan pertencer a un discurso triunfalista o certo é que estaríamos perante unha primeira vaga de ataques viquingos no século XI, o período que vai de 1015 a 1024, sen esquecernos a morte do conde Menendo Gonçalves en 1008, home forte no reino de Alfonso V e conde portucalense, condado que en moitas ocasións vai ter asociado o territorio tudense. A morte do conde non precisaría de estar vencellada a ataques viquingos senón que os mesmos puidesen aproveitar a debilidade do territorio entre Miño e Douro para as súas incursións co falecemento do conde.

Contamos con documentos máis tardíos como o de 1112 do arquivo tudense no que se lembran os infortunios da cidade e o seu territorio recollendo ao bispo Naustio xa ameazado polos viquingos e refuxiado no mosteiro de Labruja no Lima, mentres o seu sucesor Alfonso sería víctima do gran saqueo nórdico na cidade episcopal. Son bispos datables entre 1003 (última data do seu antecesor Viliulfo) e 1022 cando o bispo de Lugo aparece administrando Tui, Ourense e Mondoñedo. O encaixe do bispo Naustio no primeiro cuarto do século XI cen anos despois do tradicional ten sido exposto no traballo de Carriedo Tejedo [2000] e Christys [2015] por diferentes camiños, evidenciando a inseguridade no territorio durante un prolongado período de tempo e non só por accións puntuais.

Capitel do século XII na Catedral de Tui

Segunda vaga viquinga

A segunda vaga de incursións nórdicas no occidente atlántico semella amosar máis dificultades perante a falta de rexistros e só a traverso de crónicas e datos indirectos.

O comezo das novas incursións puideron corresponder coa morte de Alfonso V en 1028 durante o asedio de Viseu deixando un herdeiro menor de idade, Bermudo III, quen morrería na batalla de Tamarón en 1037. O reino recaería en Fernando I quen ata 1054 ficaría reorganizando os seus territorios e resolvendo os conflictos fronteirizos con Pamplona. A partires de 1057 o monarca leonés tomaría a iniciativa coas conquistas de Lamego, Viseu en 1058 e Coimbra en 1064. Esta actividade militar amosada polo rei nos condados occidentais podería ser un indicio claro da ausencia xa da ameaza viquinga sobre as costas galegas e o fortalecemento do reino cristián.

O concilio de Coianza en 1055, cos seus últimos decretos sinalando a ameaza nórdica (na copia de Coimbra) tamén podería corresponder á finalización do período máis intenso da ofensiva viquinga sobre as comarcas occidentais galegas e portucalenses. De tal xeito entre 1028 e 1055 teríamos dúas informacións que relacionan a Galicia e aos viquingos aínda que dun modo xenérico: o bispo compostelán Cresconio e a súa victoria sobre piratas nórdicos durante a súa prelatura (1037-1066) e os vencellos con Galicia dun xefe danés, Galizu-Ulfr ou Ulfr o galego ,do que xa se falou en HdG, cuxa actividade pirática comezaría cara a 1028 [CHRISTYS: 2015, 98] e anterior a 1048, describíndose na saga Knýtlinga cómo se tiña encamiñado afoutamente cos seus á conquista de Compostela.

Como indica Pires [2012] a vaguedade das fontes non permite asegurar cousa algunha pero sí que podemos ver como o silencio das fontes cristiáns puideran reflectir as debilidades do reino leonés e as súas derrotas contra os piratas nórdicos (ou polo menos a súa incapacidade de expulsalos do territorio) por iso é relevante o protagonismo do bispo Cresconio na Historia Compostelana toda vez que amosaría a caudillaxe do prelado nun territorio onde prevalecía a ausencia dos monarcas leoneses. Territorio que non só correspondía á diocese compostelá senón e tamén a Tui a partires de 1024.

O feito de que as sedes episcopais de Tui e Ourense non fosen restituidas ata o reinado de García (1065-1071) supón que a inseguridade nas comarcas atlánticas galegas non foi superada ata finais do reinado de Fernando I cando o monarca proxecte o control sobre o Mondego. Os mesmos documentos tudenses de 1024, 1071, 1112 e 1170 reiteran unha situación de constante perigo máis propia dun longo período de difuso control sobre a cidade e o seu territorio, de ausencia de garantías defensivas fronte a ataques recurrintes ou sistemáticos.

Recreación dun caudillo viquingo / legadohistoria.blogspot.com.es/

Bases invernais dos viquingos

Debemos comezar a pensar que durante a primeira metade do século XI as incursións viquingas sobre Galicia tiveron un carácter prolongado e aínda que non poidamos asegurar que os mesmos tivesen efecto territorial a destrucción de Tui ou o alcume de Ulfr nos levaría a conxeturar coa presenza de bases invernais entre o Miño e o Douro esenciais para a venta de reféns e a prolongación das accións piráticas sobre o territorio occidental e incluso como suxire Pires [2012] para un documento de Santa María da Feira a implicación de autoridades locais nos rescates e tratos cos guerreiros nórdicos.

Podemos conxeturar que a foz do Miño puido servir de base estacional para diferentes grupos de piratas e incluso unha localidade como A Guarda puido ter orixe a fins do século XI ou comezos do XII como fortaleza que protexese a entrada no territorio miñoto. O xeógrafo musulmán Al-Idrisi xa menciona a fortaleza de Abuwaqa no Miño antes do ano 1154 e cuxa homofonía nos lembra a A Guarda, nome xermánico que está vencellado á protección do lugar. Neste senso tamén sería interesante a análise de moitas torres altomedievais que protexían os vales como as de Silva ou Ganfei (Valença), Fornelos (Crecente) ou San Paio de Lodo (Pontesampaio) entre outras, ademais das máis coñecidas Torres do Oeste (Catoira), e cuxo carácter protector estivese vencellado a incursións piráticas tanto de viquingos coma de musulmáns.

É interesante lembrar como nunha data tardía como a de 1170 o rei leonés Fernando II ampliaba as murallas de Tui non como reflexo da nova fronteira co reino portugués senón como lembranza das ameazas viquingas e sarracenas que tanto afectaran no pasado á cidade episcopal.

Os documentos que conservamos non nos permiten moitas certezas para o que aconteceu na primeira metade do século XI na fachada atlántica galega sen esquecernos da costa cantábrica, pero sí sospeitar da complexidade do momento para Galicia e o condado portucalense no que a actividade da piratería nórdica se fixo máis dilatada do que se ten reflectido tradicionalmente.

Bibliografía:

CHRISTY, Ann; Vikings in the South, London, 2015.
PIRES, Hélio Fernando Vitorino;
Incursões Nórdicas no Ocidénte Ibérico (844-1147): Fontes, Histórica e Vestígios, tese de doutoramento, Universidade de Lisboa, 2012.
“Nem Tui, nem Gibraltar: Óláfr Haraldsson e a Península Ibérica”, Universidad Complutense de Madrid, En la España Medieval, 2015, vol. 38, pp. 313-328.

CARRIEDO TEJEDO, Manuel; “Episcopologio tudense, de 911 a 1024”, en Museo y Archivo Histórico Diocesano de Tui, 2000, pp. 99-127.

Escrito por

Historiador

Pode que che interese...