Montefurado, un dos maiores restos monumentais da minaría romana na Península que podería desaparecer
Montefurado ou Boca do Monte, topónimo como popularmente se coñece na zona, constitúe o maior resto monumental da minaría romana no noroeste da Península Ibérica, xunto coas Médulas. Foi construído no século II coa finalidade de desviar a auga do Sil e poder así extraer ouro da cunca. A súa estrutura orixinal era de 120 metros de longo. En 1934 tivo lugar o maior derrubamento até o de agora rexistrado na estrutura ficando reducida aos 52 metros actuais.
Pero este gran monumento da inxeñaría romana pode acabar desaparecendo. Os desprendementos son comúns e, se non hai unha actuación urxente, todo o tunel podería vir abaixo. Xosé Manuel Fernández, presidente da asociación de veciños Boca do Monte, xa o ten denunciado en moitas ocasións e el mesmo presenciou hai anos como caía un gran pedra dentro do tunel.
Tamén Juan Ramón Vidal Romaní, doutor en ciencias xeolóxicas e director do instituto Parga Pondal, advertiu dos ricos do colapso do túnel que unha crecida de nivel do Sil tivo saturado por completo durante días. Foi tal o volume de auga que o río corría de novo pola súa canle antiga, que orixinalmente chegou a medir uns 120 de lonxitude. De feito, outra gran riada pode acabar co pouco que queda del xa.
Foi en 1934 cando se producíu o gran derrube no medio doutra riada. E foi entón cando veu abaixo boa parte da súa estrutura e cambiou o aspecto da saída. Desde aquela só quedan 52 metros de longo e aproximadamente vinte de alto por vinte de alto.

Montefurado, unha das grandes obras de minaría dos romanos na Península Ibérica / lugoenamora.com
Denuncias
Nos últimos anos téñense sucedido as denuncias. Denuncias por parte do Concello de Quiroga e colectivos sociais para intentar protexer este ben patrimonial que caen en saco roto polo de agora. A última, e tal e como recolle o xornal Galicia Confidencial, foi a da vice-voceira nacionalista Olalla Rodil que pedirá as correspondentes explicacións e preguntará polas razóns de que non se iniciara, dende a Dirección Xeral de Patrimonio, o expediente para a catalogación como BIC despois da solicitude do Concello de Quiroga no ano 2013.
A finais do 2017 a Xunta iniciou o procedemento para declarar a Ribeira Sacra como BIC coa categoría de paisaxe natural e anunciaba que a previsión era ter concluído o trámite en decembro deste ano. Pois ben, entre os coñecidos como exoámbitos, categoría de protección fóra dos límites principais, figura Montefurado, co cal poderíase pensar que de forma colateral podería chegar a protección patrimonial solicitada anos atrás.
Tamén no 2017, o grupo de Goberno do Concello de Quiroga, en mans do Partido Popular, volveu dirixirse ao Goberno galego para reclamar a adopción de medidas urxentes para paliar o grave deterioro do túnel. Segundo o propio alcalde, Julio Álvarez, reclamóuselle axuda á Dirección Xeral de Patrimonio o 20 de marzo e o 16 de maio de 2017 sen ter obtido resposta algunha por parte da Xunta.