Unha asociación de Valga crea o primeiro mapa de todo o patrimonio dun concello en Galicia
A Asociación Cultural Os Penoucos de Valga adiantouse ao propio concello na protección e divulgación do seu patrimonio e acaba de presentar a súa nova páxina web que inclúe un Mapa do Patrimonio de Valga, o primeiro das súas características en Galicia.
A través do domino ospenoucos.gal os usuarios poden atopar seccións de información, actividades, acceso ás redes sociais da asociación, formulario de contacto, así como acceso ao Mapa do Patrimonio. A web está optimizada para posicionamento web e dispositivos móbiles, polo que o seu deseño é responsive, con visualización específica para smartphones e tablets.
O Mapa do Patrimonio de Valga trátase dunha aplicación webmapping onde se recolle a totalidade do patrimonio cultural e natural de Valga. O usuario poderá navegar e desprazarse polo mapa, facer zoom, activar ou desactivar capas, así como escoller os mapas base. Ao pulsar sobre un punto, despregarase a ficha explicativa onde se describe o elemento, con acceso a información e imaxes deste.
Mapas dispoñibles
Os mapas base dispoñibles son catro, que van desde a última fotografía aérea do PNOA, até o voo americano do 1956-57. Deste xeito poderase visualizar as diferenzas que sufriu o territorio nos últimos 60 anos.
Nestes momentos hai cargadas 9 capas, que inclúen 779 elementos:
- Arqueoloxía (39 elementos): castros, petróglifos, túmulos, mámoas…
Arquitectura relixiosa (12 elementos): igrexas, capelas, ermidas…
Elementos relixiosos (44 elementos): cruceiros, cruces, petos de ánimas…
Arquitectura civil (16 elementos): pazos, casas reitorais, escolas…
Obra civil (24 elementos): pombais, pontes, pontellas, palcos da música…
Hórreos (550 elementos): a totalidade dos hórreos do municipio.
Arquitectura da auga (81 elementos): corgos, fontes, lavadoiros, muíños…
Espazos naturais (6 elementos): fervenzas, insuas…
Panorámicas (7 elementos): as panorámicas máis destacadas de Valga.
“O aspecto máis destacado do Mapa do Patrimonio de Valga é a súa parte colaborativa. Así facemos un chamamento a aquelas persoas que o desexen, nos manden os seus comentarios, suxestións, textos ou fotos dos elementos do mapa, así como suxerir a inclusión de novos puntos”, apunta a entidade nun comunicado.