fbpx
Claustro da Igrexa de Camanzo

Xunta e Igrexa crean unha comisión para conservar o patrimonio eclesiástico

Tempo de lectura: 3 min.

Xa está constituída a Comisión Xunta-Igrexa, que regulará a conservación do patrimonio cultural de propiedade eclesiástica. Actuará como órgano asesor da Consellería de Cultura para a protección, fomento e difusión patrimonial nas cuestións que afecten exclusivamente a bens de titularidade da Igrexa Católica que teñan valor cultural.

Deste xeito, a Igrexa Católica deberá elaborar un programa anual de intervencións, no que determinarán por primeira vez os criterios de asignación de fondos propios que destinarán ás intervencións nos bens da súa propiedade.

Na xuntanza para a a activación desta comisión, celebrada a pasada semana, asistiron o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, o secretario xeral técnico da consellería, Jesús Oitavén, a directora xeral de Patrimonio Cultural, María del Carmen Martínez Ínsua; e os bispos de Tui, Luis Quinteiro; de Lugo, Alfonso Carrasco; e de Mondoñedo-Ferrol, Luis Ángel de las Heras, entre outros representantes tanto da Consellería como da Igrexa.

Competencias

Entre as tarefas desta Comisión está a de elaborar un programa anual de intervencións a realizar nos centros de titularidade da Igrexa, que deberá organizarse por áreas culturais diferenciadas (patrimonio arquitectónico, patrimonio artístico e patrimonio documental e bibliográficos) ou establecer as prioridades para a distribución das achegas e intervencións da consellería (ata o de agora nunha se fixera un estudo de prioridades conxunta das intervencións no patrimonio da Igrexa).

Tamén encargarase de fixar as condicións para o acceso e visita pública aos bens inmobles eclesiásticos (priorizando aqueles nos que se realizasen ou se poidan realizar investimentos por parte da Xunta); determinar os criterios de asignación dos fondos propios da igrexa católica que se destinarán a intervencións en bens eclesiásticos de valor cultural; e asesorar en medidas de seguridade destes bens, entre outros.

Acroteira da igrexa do mosteiro de Santa Catalina de Montefaro, en Ares / Galipedia

Funcionamento

A comisión mixta Xunta-Igrexa funcionará en pleno ou ben a través de dúas subcomisións: unha para o rexistro do patrimonio cultural da Igrexa Católica e outra de conservación do Patrimonio cultural da Igrexa Católica.

En concreto, a comisión en pleno está constituída por dez representantes designados por ámbalas dúas institucións. A presidencia é rotatoria: nos anos impares recaerá no conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, mentres que nos anos pares terá a quenda o Arcebispo de Santiago de Compostela. Nos períodos nos que non ocupen a presidencia, os ditos membros terán a condición de vogal. Así mesmo, tamén está composta por dous vicepresidentes (a persoa titular da dirección xeral de Patrimonio Cultural e o secretario da Provincia Eclesiástica de Santiago), tres vogais por parte da Xunta e outros tres designados polo arcebispo.

A comisión reunirase polo menos dúas veces ao ano en sesión ordinaria e, con carácter extraordinario, de considerarse necesario. Ademais, e como principal novidade, adoptará os seus acordos por unanimidade.

Os obispos deben dar o visto e prace

Segundo o decreto que regula a Comisión Mixta, este órgano incorpora dúas novidades principais que facilitarán os trámites administrativos de determinadas actuacións sobre bens eclesiásticos.

En primeiro lugar, cómpre destacar que todos os proxectos de obras e intervencións de bens integrantes do Patrimonio Cultural da Igrexa Católica de Galicia serán instados polos bispos respectivos e, para o caso de institutos de vida relixiosa, polo máximo representante da abadía, orde ou instituto. Pero no caso de intervencións nas parroquias, estas poderán seguir sendo instadas polos propios párrocos, aínda que a partires de agora deberán contar co visto e prace do bispado ou do superior da orde relixiosa para poder ser sometidas a informe das subcomisións.

Así mesmo, as obras e intervencións de pequena entidade que non requiran proxecto estarán exentas de informe da subcomisión, aínda que deberá contar coa autorización da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural. En concreto, trátase de aquelas de técnica simple e escasa entidade construtiva e económica, que non afectan a elementos estruturais nin supoñen alteración do volume, do deseño exterior, da cimentación, da estrutura, ou das condicións de habitalidade ou seguridade dos edificios.

Pode que che interese...