fbpx
Dixitalización dunha das pezas do Mestre Mateo / Catedral de Santiago
Dixitalización dunha das pezas do Mestre Mateo / Catedral de Santiago

As nove esculturas “perdidas” do Mestre Mateo

Tempo de lectura: 8 min.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria iniciou xa o procedemento para a declaración como Ben de Interese Cultural (BIC) das nove esculturas do arquitecto Mestre Mateo procedentes da desaparecida fachada occidental da Catedral de Santiago. Dous delas, a dos profetas Abraham e Isaac, atópanse en posesión da familia Franco.

Así se recolle na resolución no Diario Oficial de Galicia (DOG) publicada este luns, de modo que o expediente da declaración deberá resolverse no prazo máximo de 24 meses. Estas nove pezas e figuras románicas teñen unha cronoloxía comprendida entre os anos 1188 e 1211. Na actualidade, atópanse en distintos emprazamentos; en mans particulares –como as dos Franco– ou custodiadas en institucións públicas como o Museo da Catedral de Santiago ou o Museo de Pontevedra.

Reclamación aos Franco

En novembro, o Concello de Santiago denunciou pola vía civil á filla do ditador Francisco Franco, Carmen Franco, pola propiedade “irregular ou ilegal”, en palabras do rexedor da capital galega, Martiño Noriega, das estatuas de Abraham e Isaac do Mestre Mateo. De feito, o concello presentou “toda a documentación que demostra que é o lexítimo propietario das dúas pezas, adquiridas ao Conde de Ximonde en 1948”.

Coa morte de Carmen Franco o pasado 29 de decembro, a demanda pasou a mans dos seus fillos. Neste sentido, Noriega apuntou que seguirían con esta acción “reivindicativa de recuperación dun patrimonio público que foi usurpado pola familia Franco”.

Escultura do Pórtico da Gloria atopada nunha escavación da torre sur da Catedral de Santiago / Catedral

Escultura do Pórtico da Gloria atopada nunha escavación da torre sur da Catedral de Santiago / Catedral

Estado

Ademais das que están en posesión da familia do ditador, as outras sete representan ao Rei David, ao Rei Salomón, a outro monarca bíblico, aos profetas Xeremías, Isaac, Ezequiel, Enoc, Elías, Fernando II de León e Malaquías, a estatua de Santiago ‘Miles Christi’ e unha última peza descrita de forma xenérica como “cabeza de estatua e columna”.

A Consellería indicou que na actualidade atópanse nun “bo estado de mantemento xeral” após a restauración á que se someteron para unha exposición monográfica sobre o Mestre Mateo no Museo do Prado de Madrid.

Descrición das pezas

Nove son as esculturas coñecidas que se conservan desta desaparecida fachada exterior do Pórtico da Gloria que se precisan polo miúdo a seguir. Trátase de pezas graníticas orixinais de procedencia común, como se dixo e, aínda que haxa distintas argumentacións por parte dos investigadores á hora de precisar á súa identidade ou de fixar o seu lugar exacto de colocación orixinario na fachada.

A partir da documentación e dos restos conservados, o informe de Cultura sinala que no ingreso central estarían as estatuas columnas esculpidas por un mestre avantaxado do taller de Mateo que representan a dous reis bíblicos: David, ao norte, e Salomón, ao sur. Ambas se recolocaron nas escalinatas exteriores do acceso pola praza do Obradoiro no século XVI, cando se retocaron na parte posterior e se gravaron os seus nomes na parte inferior. As esculturas foron retiradas desta posición en 2016 para a súa exposición na mostra do Museo del Prado e, posteriormente, a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural autorizou a súa incorporación á colección do Museo da Catedral e a localización na súa posición previa dunhas réplicas.

1. Rei David. Figura sedente en cadeira de tesoira, rematada por cabezas de león. O rei, que viste roupas con abundantes preguas, tanxe unha arpa-salterio coa man dereita, mentres axusta a tensión das cordas coa esquerda. A figura vai toucada con coroa real, que deixa caer os caracois da melena.

2. Rei Salomón. En conxunción coa escultura do Rei David, Salomón tamén se presenta sedente en cadeira de tesoira, rematada por cabezas de león. A escultura resulta menos harmoniosa porque a cabeza orixinal, destruída por una raio en 1729, substituíuse pola actual, de factura torpe e pesada. Presenta a iconografía inequívoca de Salomón, coa man dereita orlada polo manto e a esquerda, apoiada no xeonllo, porta un cetro con remate floral.

As nove pezas atribuídas ao Mestre Mateo que serán BIC / xunta.gal

As nove pezas atribuídas ao Mestre Mateo que serán BIC / xunta.gal

As que están en mas dos franco

No arco esquerdo da fachada, a ambos os lados, polo seu lado exterior, poderían estar os dous personaxes sedentes, con longa cartela e abundante barba identificados como Abraham e Isaac, ou Xeremías e Ezequiel.

O feito de que as iconografías presentadas sexan un asunto de interpretacións diversas, segundo as argumentacións dos especialistas de recoñecido prestixio a nivel mundial, subliña a excelencia dunha empresa que segue a suscitar o máximo interese hoxe en día.

Tras desmontar as estatuas columnas para realizar a reforma da fachada exterior do pórtico a finais do século XVIII, o entón conde de Ximonde, Pedro María Cisneros de Castro y Ulloa, rescataría algunhas delas para levalas á súa casa. Estas esculturas estarían entre elas, tal como o confirma Fermín Bouza Brey en 1933, indicando que esta parella custodia a entrada da casa do seu coetáneo Conde de Ximonde, Santiago de Puga y Sarmiento. Consta na documentación que, en 1948, o Conde de Ximonde vendeu ao Concello de Santiago as esculturas coa condición de que nunca abandonasen a cidade. As esculturas estiveron na escaleira do Pazo de Raxoi ata que “pasaron a mans particulares, tal e como se identifican nunha exposición sobre arte románico que se celebrou en 1961”, apunta a Xunta ao referirse á familia Franco.

3. Abraham ou Xeremías (?). O ancián de longas cabeleira e barba, distribuídas cos guechos típicos de Mateo, preséntase sedente, lixeiramente volto cara á esquerda respecto do espectador e descalzo, porta unha cartela na man esquerda á altura dos xeonllos e suxeita o manto que o cobre coa dereita. O patriarca parece vestir unha túnica por embaixo do manto.

4. Isaac ou Ezequiel (?). Iconograficamente esta figura manifesta un grande paralelismo coa anterior, presentándose case idéntica en efecto espello, como corresponde a dúas esculturas concibidas para estaren enfrontadas. A diferenza maior entre ambas atópase na expresión e na cartela que, neste caso, porta coa man dereita á altura do peito mentres a sinala coa man esquerda.

Enoc e Elías

A seguinte parella de figuras que ocuparían as xambas no interior do gran arco central da desaparecida fachada son a figura identificada con Elías, que estaría no lado norte, e Enoc, incrustada no sur. Son dous altorrelevos de grande similitude formal realizados para seren encaixados nunha xamba, circunstancia física que inequivocamente as sitúa en clara relación coa inserción que mostran Moisés e Pedro nas xambas do tímpano interior asinado polo Mestre Mateo.

Ambas foron compradas polo Museo de Pontevedra ao Conde de Ximonde, despois de pasar polo Colexio de San Clemente e polo Museo da catedral de Santiago. Ambos os personaxes van descalzos, nimbados, cunha perna flexionada, visten túnica e cóbrense con manto, con longa cabeleira repartida en guechos, están barbados, e levan un rolo aberto entre as mans no cal noutrora habería un texto pintado. Ambos coa cabeza lixeiramente inclinada cara á dereita, sosteñen un bastón en forma de tau, asociado ao contorno catedralicio.

5. Enoc (?). Esta figura flexiona lixeiramente a perna esquerda, pero sen chegar a tocar a oposta, sobre a cal discorre o bastón, que queda tras a cartela despregada e suxeita coa man dereita á altura do peito. A man esquerda repite unha postura que adoptan outros personaxes do pórtico, co xesto de sinalar co dedo índice a cartela, seguramente onde a policromía recollería o seu nome.

6. Elías (?). O patriarca leva a súa man dereita ao barbarote, e deixa caer tras dela una curiosa barba trenzada. Cruza o pé esquerdo sobre o oposto, coa perna flexionada e envolve o bastón que asoma pola parte superior do torso. Porta o rolo na man esquerda cos dedos bastante abertos e o escorre por diante das pernas, sen ocupar o torso.

Figuras enigmáticas

O resto de figuras identificadas tamén como provenientes da fachada occidental son:

Esculturas do taller do mestre Mateo no exterior da Porta Santa que pertencian ao coro pétreo / santiagoturismo.com

Esculturas do taller do mestre Mateo no exterior da Porta Santa que pertencian ao coro pétreo / santiagoturismo.com

7. Rei bíblico/Fernando II de León/Santiago Miles Christi (?). De novo xorden as teses para identificar a iconografía da escultura que podería representar o propio monarca da época, moi vinculado a este proxecto arquitectónico; un rei bíblico, en relación coa iconografía da xenealoxía de Cristo; ou ben Santiago como soldado de Cristo nunha das súas primeiras manifestacións.

En calquera caso, trátase dunha peza de encaixe perfecto no programa da fachada mateana, pero cunhas singulares características estilísticas e iconográficas, que lle reserva un lugar privilexiado entre os investigadores.

8. Figura masculina con cartela/Profeta Malaquías (?). En datas moi recentes, no 2016, entre o recheo da torre das campás da catedral, apareceu esta estatua columna, cuxas características formais e estilísticas indican a súa procedencia de xeito inequívoco: a desaparecida portada mateana. Probablemente sexa unha das pezas que se retiraron na primeira intervención, realizada na portada para colocarlle as portas.

A figura está decapitada, feito habitual posto que a imaxe perdera o seu sentido sacro. Conserva a aureola de similar diámetro que as das súas compañeiras do pórtico. O arranque co pescozo esboza a postura da cabeza, que se inclinaría cara abaixo como o resto das estatuas columnas do pórtico, concibidas para seren vistas polos fieis desde abaixo.

A ausencia de melena ou barba polo torso indica que representa un personaxe novo, de pelo curto, seguramente ao xeito mateano de pelo encaracolado, e imberbe ou de barba curta, no cal se seguen as pautas de representación utilizadas para profetas e apóstolos.

Evidencia un marcado hieratismo na postura, seguramente determinado pola súa localización na fachada, probablemente cara a un extremo. Os brazos discorren pegados ao corpo e suxeitan entre ambas as mans unha cartela en disposición horizontal á altura das coxas e sen restos de policromía do texto que presentaría. O vínculo co taller mateano establécese polo traballo dos panos, a labra das mans longas e con uñas e a postura dos pes descalzos sobre unha cornixa.

9. Cabeza de estatua columna. Cabeza de varón barbado, co cabelo e a barba resoltos cos característicos guechos rematados nos extremos con rizos que presentan outras figuras do pórtico da Gloria. Rostro tranquilo, beizos finos que parecen esbozar un leve sorriso, de proporcións idénticas ás das outras figuras.

Os paralelismos que reforzan a súa orixe levarían a identificala como pertencente a unha das estatuas columnas esculpidas deste xeito característico, separado do corpo, cun apéndice na súa parte inferior que serve para fixala ao corpo da estatua.

Duas pezas pertencentes ao Mestre Mateo que son propiedade da familia Franco

Duas pezas pertencentes ao Mestre Mateo que son propiedade da familia Franco

Estado de conservación

O estado de conservación é desigual en relación ao diferente destino que tiveron despois de variar a súa posición orixinal. As figuras dos reis David e Salomón, –que foron trasladadas e dispostas nas escalinatas da praza do Obradoiro no século XVI e foron retalladas pola súa banda posterior, ao permaneceren á intemperie e expostas máis tempo– presentan unha forte erosión. Así mesmo, a cabeza do Rei Salomón é unha recomposición nova do século XVIII de peor calidade artística. Outras figuras, como as de Abraham e Isaac, e Elías e Enoc, xa desde o século XVIII foron adquiridas no proceso de renovación da fachada con diferentes destinos ornamentais. A figura con cartela foi localizada no recheo construtivo, decapitada, probablemente desde o momento da reforma barroca.

Na actualidade, e como resultado dos procesos de restauración realizados de forma previa á súa exposición pública, pode determinarse o seu bo estado de conservación xeral, sen que concorran nestes momentos riscos sobre elas.

Na resolución, o Goberno galego expón que estas nove pezas teñen “o valor suficiente para ser declaradas BIC” polo seu “patrimonio cultural, o seu significado, a súa procedencia e a xenialidade do seu autor”.

Neste sentido, a Xunta lembrou que a declaración dun ben como BIC é un recoñecemento de valor cultural “que non afecta á súa titularidade” pero cuxos propietarios teñen “o deber de habilitar un mínimo de catro días de visita ao mes”.

Escrito por

Xornalista, profesor da USC e coordinador do HdG.

Pode que che interese...