Cae unha reitoral do século XVII en Taboada logo da visita duns técnicos que dixeran que non corría perigo
Hai uns días caía a antiga reitoral de Taboada dos Freires, no concello de Taboada, un edificio do século XVII que levaba abandonado desde hai 35 anos. Precisamente, o seu estado ruinoso alertou a algúns veciños que se puxeron en contacto co Bispado de Lugo para dar conta da situación.
E ata Taboada achegáronse uns técnicos mandados polo bispado que “dixeron que non corría perigo ningún”, segundo apuntaron a El Progreso varios veciños. Unha diagnose nada acertada tendo en conta o que finalmente aconteceu.
O derrube non causou danos persoais pero afectou o camiño de acceso á igrexa, que se encheu de cascallos. “Foi unha sorte que fora de madrugada porque se chega a pasar o domingo, cando houbo tres visitas á igrexa, sabe Deus o que tería pasado, pero seguro que nada bo”, apuntaron os veciños que denunciaron o estado de abandono do edificio.
Logo do derrube, unha pa procedeu a retirar os cascallos e mesmo a tirar parte dos muros que aínda quedaban en pé e que ameazaban con caer, polo que a edificación quedou prácticamente irrecuperable.