fbpx
A illa de San Simón, na ría de Vigo, foi un importante cárcere franquista / mardeons.es

Cultura restaura os edificios da grande illa templaria de Galicia

Tempo de lectura: 2 min.

As illas de San Simón e Santo Antón, situadas na enseada da ría de Vigo, teñen a consideración de Ben de Interese Cultural (BIC) coa categoría de sitio histórico desde o ano 1999. Unhas illas que están rodeadas de historia e, tamén, de misticismo.

A illa de San Simón foi un antigo centro monástico cantado polo poeta Mendinho na Idade Media. De feito, entre os séculos XII e XIII estivo habitada polos templarios e despois polos franciscanos, a Orde dos Pascualinos de San Simón. Mais en 1307 esta orde relixosa sofre a excomulgación, véndose obrigada a abandonar a illa.

Despois de permanecer case un século abandonada, a diocese de Tui, que até o momento posuía o control político da illa, cedeulla a Isabel a Católica. En 1589 foi saqueada por piratas ingleses, entre os que se atopa o célebre Francis Drake. En 1702 foi escenario de operacións na famosa Batalla de Rande, tamén refuxio na invasión napoleónica e lazareto dos feridos que viñan da Guerra de Cuba e, finalmente, campo de concentración franquista.

Toda unha historia condensada en pouco máis de 250 metros de longo e 84 de ancho que conta con varios edificios. Edificios que precisan reparacións. E o certo é que durante os últimos invernos a acción continuada do mar e diferentes temporais, sumado á acción de diversas especies de aves provocaron a entrada de auga e humidades nas construcións que se atopan nas dúas illas, tanto no interior dos edificios, que teñen afectadas as carpinterías de portas e fiestras, como nos espazos exteriores, tales como pérgolas.

Placa na illa de San Simón en homenaxe aos republicanos detidos na súa prisión / xunta.gal

Reparacións

Por iso, a Consellería de Cultura e Educación acometerá diversas actuacións de mellora e de conservación , por valor de 206.000 euros. Situadas na enseada da ría de Vigo, dentro do municipio de Redondela, as illas teñen a consideración de Ben de Interese Cultural (BIC) coa categoría de sitio histórico desde o ano 1999.

A Dirección Xeral do Patrimonio Cultural formalizou o contrato de obras para a realización dos traballos de revisión, restauración e rehabilitación nas illas, segundo publica hoxe o Diario Ofcial de Galicia. As obras contemplan a revisión das instalacións dos edificios, a restauración das súas carpinterías exteriores, a reparación das cubertas de cobre e danos puntuais nas fachadas das construcións, o arranxo da pasarela e o falso teito da planta baixo cuberta do edificio de Cursos e Seminarios, o acondicionamento e mellora do edificio do Almacén-Viveiro, e a reparación da cuberta plana do Centro de Interpretación e Documentación.

O proxecto prevé, así mesmo, acometer o tratamento fitosanitario do paseo dos buxos, palmeiras e outras especies vexetais, que sufriron o ataque de insectos e fungos. A consideración de BIC dos lugares onde se van realizar estas actuacións esixe unha especial protección para garantir a conservación destes bens pertencentes ao Patrimonio Cultural de Galicia.

Pode que che interese...