fbpx
Detalle das pinturas do século XVI de San Xián de Moraime / Ferreiro-La Voz

Onde están as pías do século XII que Franco roubou da Igrexa de Moraime?

Tempo de lectura: 3 min.

Hai varias pezas importantes do patrimonio medieval da Igrexa de San Xián de Moraime que tamén están en poder dos Franco. En 1960, a muller do ditador, Carmen Polo, visitou a igrexa e tras ver dúas magníficas pías labradas en pedra, do século XII, comunicou a súa intención de levalas ao Pazo de Meirás.

Non houbo nin tempo a protestar. O día seguinte un camión e uns operarios enviados por ela colleron as pezas e levaronas a Meirás. Daquela, e a pesares da oposición do Arcebispo de Santiago, a Igrexa decidiu non reclamar as pías dada a identidade da persoa, nunha decisión que “podía ser entendida nos anos 60, pero non pode ser entendida en 2018”.

Precisamente, sobre o paradeiro destas pezas falouse a pasada semana na Cámara galega. O Grupo Socialista presentaba unha proposición non de Lei na Comisión de Cultura pedindo que a Xunta iniciase os trámites necesarios de forma inmediata os trámites necesarios para recuperar os dous pilóns. Pero o PP negouse e deixa en mans da Igrexa, propietaria do espazo, a súa recuperación, tal e como lembraba o xornal QPC.

Representación dunha figura con báculo episcolpal no Mosteiro de Moraime / Elixio Vieites

Críticas do PSOE

A portavoz de Cultura do Grupo Socialista, Concepción Burgo, amosou a súa sorpresa diante da negativa do PP, e lembrou que o goberno galego é “o maior responsable da preservación e seguridade do patrimonio artístico de Galicia”. Burgo instou a fixar “unha estratexia para que a familia Franco non poida seguir á marxe da Lei” despois de décadas de apropiarse de cantos bens culturais chamaban a atención da esposa do ditador.

Non obstante, a deputada popular María Antón avogou pola “prudencia” deixando en mans da Igrexa para que decida os pasos que quere dar para reclaramar aos herdeiros de Franco as pías. Recordou que “no momento en que a igrexa e edificios do antigo mosteiro de San Xián de Moraime foi declarado conxunto histórico en 1972, estas pías xa non estaban alí, polo que non se pode dicir que se trata de bens de interese cultural, ao tempo que anteriormente tampouco estaban incluídas en ningún catálogo ou inventario de bens mobles protexidos polo seu valor cultural”.

Pinturas góticas nun dos muros da igrexa de San Xián de Moraime / Ferreiro-La Voz

Outros tesouros ocultos

As pías non son os únicos tesouros ocultos desta magnífica igrexa. Os frescos de principios do século XVI son unha auténtica xoia da pintura gótica que, agora, tras a súa restauración poden verse case que en todo o seu esplendor.

A composición representa os sete pecados capitais, coas súas correspondentes virtudes contrapostas, que se abre co símbolo da cruz e péchase coa representación da morte en forma dun infernal porteiro, que deixa bastante claras cales son as consecuencias de desviarse do camiño da fe católica.

O traballo foi arduo, como explica Uxía Aguiar, unha das restauradoras en La Voz, porque cada elemento incrustado nas pinturas, que incluía algas, microalgas, brións e líquenes para un pequeno catálogo de zooloxía, respondía a unha técnica diferente.

A actuación serve tamén para fixar con maior exactitude a obra na perspectiva histórica. “As roupas, por exemplo ese brocado flamenco dás vestimentas era a última moda de primeiros do século XVI”, explica Aguiar, como detalle que lles serviu para datar a composición e tamén achegarse un pouco máis á súa autoría, que circunscriben aos intercambios asociados ao Camiño e aos grandes mosteiros do Císter que trouxeron ata este recuncho da Costa da Morte iconografía propia do Norte de Europa.

Pode que che interese...