fbpx
Recreación dunha moura nun dólmen / Ilustración de Guillermo de la Peña en www.guillermopl.com

A Vella que fía nos dólmenes e nos menhires de Galicia e que é anterior ao Catolicismo

Tempo de lectura: 4 min.

Despois de comprobar que a Vella non só está relacionada co arco da vella senón coa meteoroloxía en xeral, buscamos entre a infinidade de mitos e tradicións da nosa terra por se atopamos a súa figura noutros contextos.

Parece que estamos de sorte e damos cunha lenda que se repite unha e outra vez ó longo de todo o territorio: a vella que transporta grandes penedos mentres vai fiando. Soe ser descrita como unha vella moura, ás veces como unha muller xigante, que transporta pesadas pedras. Pode levalas cunha soa man mentres coa outra fía na roca, ou na cabeza mentres cunha man fía e coa outra arrola un bebé, ou carrexalas no seu mandil. Isto danos unha idea do sobrenatural desta Vella que, pese á súa idade, transporta pesadas cargas co mínimo esforzo –nalgunhas lendas as pedras son levadas na punta do dedo maimiño–, capaz ó tempo de seguir fiando e mesmo de coidar un bebé. Claro que, se efectivamente é xigante, ó conto é moito máis doado; non obstante, ninguén lle pode quitar o don da “multitarefa”.

Este mito aparece, unha e outra vez, como explicación popular para os grandes penedos de caprichosas formas ou para a construción dos dólmenes, nos que a lenda di que foron levados ata o seu lugar por unha vella que ía fiando mentres os transportaba. Ó igual que no caso dos fenómenos meteorolóxicos, tamén topamos o mesmo mito no resto de Europa: Asturias, País Vasco, a Bretaña, Irlanda, Portugal… E como xa nos ocorreu coa canción de La Virgen de la Cueva, tamén a Vella se transforma ás veces en Virxe, dando lugar a lendas nas que a Nai de Deus transporta pedras mentres fía na roca, ¡que curioso! A quen interese, pode consultar unha boa escolma de exemplos, tanto galegos coma foráneos, no artigo de Fernando Alonso Romero ‘Las mouras constructoras de megalitos’.

Dolmen de Vilavite, en Friol, descuberto en 1992

A Vella e os menhires

Ademais de transportar as pedras dos dólmenes ou os grandes penedos, en moitos lugares de Europa a vella fiandeira tamén erixiu os menhires, e aínda que na nosa terra non sexa así, si que parece que a Vella tamén se asocia con eles. Entre os concellos de Malpica e Ponteceso (A Coruña), a xeito de marco divisorio, levántase unha estilizada pedra coñecida como Fuso da moura, seica o nome se debe a que antigamente no lugar se levantaba unha anta (esta parece ser unha substitución) con forma de fuso na que fiaba unha moura.

O Pau da Vella é unha pedra que marca a fronteira entre os concellos de Ferreira do Valadouro, Cervo, Xove e Viveiro (Lugo), con varias lendas explicativas do seu apelativo: uns din que se debe a que se viu polo lugar unha muller vella, apoiada nun pau, que choraba; outros porque alí está soterrado o corpo dunha vella; tamén falan de que había moitas disputas cando aínda non estaban fixados os límites dos ditos concellos, pero que un día apareceu unha vella que dou a solución de poñer un marco. Non habemos esquecer este papel da Vella como instauradora das normas e leis que rexen a sociedade, pois non ha de ser esta a última vez que a vexamos nel.

Quizais sexa este un bo momento para recompilar o que sabemos ata agora da Vella: era unha muller sobrenatural do tamaño dun xigante, está relacionada coa meteoroloxía ata o punto de ser creadora dos fenómenos atmosféricos, é quen puxo no seu lugar os penedos máis significativos da nosa paisaxe, o fuso e a roca son os seu atributos máis identificables –como a cuncha de vieira pode selo de Santiago ou as chaves de San Pedro–, e semella que ten un meniño ó seu cargo. Que nalgún tempo foi tan importante en Galicia como para consagrarlle os menhires ou tela por creadora dos dólmenes, tanto como para que o cristianismo a asimilase á mesma Virxe.

Posible menhir nas Ferrerías, en Friol / Xabier Moure

A Vella, e o catolicismo

Deteñámonos un chisco aquí para reflexionar no que isto último significa. Téndese a pensar nas mitoloxías dos pobos como iso: mitos, lendas, contos; no sentido máis superfluo da palabra. Pero, ¿acaso o cristianismo había de trocar pola Nai de Deus unha figura secundaria, sacada dun conto calquera, dunha superstición minoritaria ou sen todo un sistema de crenzas que a contextualizase? Penso rotundamente que non, penso que a Igrexa só substituiría pola Virxe María a unha figura similar, como un proceso de asimilación de cultos, seguindo as recomendacións de San Martiño de Dumio no seu De correctione rusticorum: Que se derruben o menor número posible de lugares pagáns, que sobre eles se poñan reliquias para que se cambie o seu obxectivo. Ou traducido: co teimudas que son estas xentes e co arraigados que teñen os seus deuses, mellor ir substituíndoos pouco a pouco polos nosos que o de prohibirlles crer neles non está a funcionar.

Chegados a este punto, empeza a non parecer descamiñado pensar que poidamos estar ante unha deidade primitiva, anterior á chegada do catolicismo. A Vella, deusa creadora do clima –como tantos outros deuses de relixións precristiás–, deseñadora da paisaxe, dos monumentos de culto funerario, gobernadora dos límites entre os diferentes territorios, unha deusa de forza sobrehumana, hábil na tarefa máis representativa das mulleres primitivas, o fiado, e, á vez que todo isto, pode que nai.

Mais aínda é cedo para afirmar que verdadeiramente esteamos ante unha divindade e non nos ha bastar coas suposicións. Compre continuar.

Artigo tirado de https://tralaspegadasdavella.wordpress.com

Escrito por

https://tralaspegadasdavella.wordpress.com

Pode que che interese...