Aparece unha nova sauna castrexa entre os cantís de Cedeira
Ata mediados deste mes de marzo so existían catro castros en Galicia ós que se lle descubrira unha sauna ou forno, un espazo para baños de vapor. Dende o pasado día 14 deste mes o xacemento do Campo do Castro, un singular enclave entre os cantís de Cedeira, posúe o privilexio de ser o quinto. O achado foi revelado polo equipo que está a levar as escavacións neste espazo propiedade do Concello, e pode supor un cambio no xeito de entender a vida castrexa nesta zona de Galicia. A sauna, en moi bo estado de conservación, dataría de entre os séculos II e III d.C. e estaría constituído por un atrio, unha antecámara, unha cámara e unha entrada.
A sauna, dentro das que foron achadas no noroeste peninsular, presenta unha curiosa singularidade, xa que é a única que non se atopa nunha posición extramuros, senón que, esta vez, estaría dentro das propias murallas, entre estas e as casas. Isto seguramente se deba a localización abrupta do castro, moi preto do mar e cunhas certas limitacións de espazo, nun enclave que paisaxísticamente é único. Sobre a pedra formosa, segundo a web do Concello, xa tería sido atopada con anterioridade á escavación, sendo tamén a quinta aparecida en Galicia.

Escavación no Campo do Castro, Cedeira / foto Concello de Cedeira
Esta escavación, que comezou vai poucos días, é de feito a segunda campaña que se fai sobre o castro. Nesta ocasión os traballos están a ser financiados pola Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia, e a ser dirixidos polo arqueólogo Emilio Ramil. A intervención conta cun investimento por parte da Xunta de 18.000 euros, e prevese a actuación sobre unha zona de vivendas. A esta segunda campaña sucederalle, se todo vai segundo o programado, unha terceira, que prevé a escavación das murallas e que esta vez estará financiada polo propio Concello, cun investimento de preto de 15.000 euros.
Un forno ou sauna castrexa
O forno ou sauna é unha estrutura abovedada, feita habitualmente de cachotería, practicamente pechada en todos os seus lados e de reducidas dimensións. Era utilizada para facer baños de vapor, para o que se haberían de empregar cantos de pedra quentados ó lume introducidos nunha piscina de auga fría, enchéndose por completo o espazo de vapor. Segundo á importancia do castro podían contar cunha soa cámara ou varias, sendo habitual que polo menos existira o propio forno, unha sala quente ou sauna propiamente dita, unha sala morna e un atrio. A sala morna e a quente, habitualmente baixo o mesmo abovedamento, estaría dividido por unha pedra decorada chamada pedra formosa.

Esquema dunha sauna castrexa / terrantiquae.com
Esta pedra era un monolito, de granito ou lousa, polo xeral con singular decoración xeométrica en relevo, que contaba na súa parte inferior cun reducido furado semicircular que permitiría o acceso. As pedras formosas, igual que as propias saunas, son escasas e sinxelas en Galicia, pero nas citanias ou castros máis importantes do actual Portugal téñense atopado saunas de grandes dimensións con singulares formosas. Algunha delas chegarían a acadar ata tres metros de ancho e dous de alto e cinco toneladas de peso. As máis famosas son as da Citania de Briteiros, en Guimaraes, a do Castro das Eiras, en Vila Nova da Familicao e a da Citania de Sanfins en Paços de Ferreira. En Galicia á máis coñecida é a do castro de Casteñoso na Fonsagrada.

Pedra formosa do castro A Cibdá de Borneira / foto LambriscaeCCACI Wikimedia