Atopan un posible xacemento romano nas torres de Cálogo en Vilanova de Arousa
A torre de Cálogo se atopa practicamente en pleno centro urbano de Vilanova de Arousa, na parroquia de San Cibrao, na rúa San Marcos, na ruta do Mar de Arousa do Camiño de Santiago . Aquí, moi preto da estrada, a tan so uns 300 m. do porto da vila, atópanse os restos dunha fortaleza que tería formado parte do antigo mosteiros de San Frutuoso de Cálogo, existente, segundo as fontes, dende el s. IX. A única torre que se conserva, coroada por un espigón sen campás, formaría parte dun sistema de atalaias de alarma que habería de existir por toda a ría de Arousa, coma a de San Sadurniño de Cambados, e que serviría para a defensa en caso de ataque marítimo.
Mais esta torre localízase nun enclave singular, xa que non se atopa na chaira senón nun pequeno outeiro ó pé do mar nun recinto de terrazas escalonadas de forma ovalada que semellan indicar que outrora, no lugar, houbo ademais un castro. Pois xusto un ano atrás, en marzo do pasado 2017, a Secretaría Xeral de Cultura da Xunta e máis o Concello de Vilanova comezaron unha campaña arqueolóxica para sacar á luz os posibles restos arqueolóxicos do mosteiro, igrexa e castro. Para iso comprometeron 12.000 € para un estudo preliminar que consistiría en catas arqueolóxicas e máis unha exploración con xeorradar.

Torres de Cálogo / foto turismo.gal
Os resultados desta última déronse precisamente a coñecer nos últimos días dando un singular resultado. Pois segundo presentaban Gonzalo Durán, alcalde de Vilanova, e Francisco Alonso, arqueólogo encargado do xacemento, baixo o chan habería estruturas que poderían pertencer polo menos á época romana, e que podería indicar unha certa continuidade no tempo do asentamento. O estudo deixou claro que baixo o chan habería sen dúbida un rico xacemento, con estruturas diversas, moitas delas cuadrangulares, concentrándose a maior parte destas na terraza norte.
Por ela é por onde se pretende comezar a destapar, pois a partires de agora comezaría a fase de escavación propiamente dita. Esta está proxectada para os meses de verán e agárdase que dea bos resultados, pois segundo se sospeita aparecerán tanto restos medievais, castrexos e romanos, nun xacemento que pode chegar a ser especialmente rico, sobre todo nesta terraza norte. Nela, segundo o dado a coñecer polo xeorradar, terían aparecido moitas máis anomalías que na propia suposta croa, habendo ademais seguramente substratos que este non detecta. Segundo o arqueólogo os restos descubertos serían do mundo galaicorromano, de entre os séculos I e III, e a intención do consistorio é a de consolidar o que se descubra.