fbpx
Alejandro de la Sota / wikipedia

“Día das Artes Galegas” pro arquitecto pontevedrés Alexandre de La Sota

Tempo de lectura: 6 min.

Felipe-Senén López Gómez, arqueólogo e membro de Amigos dos Museos de Galicia

Este 1 de abril celebramos o Día das Artes Galegas. Agradecemos a Felipe Senén, dos Amigos dos Museos de Galicia, entidade adherida á RPC, este perfil biográfico de Alexandre de la Sota, o arquitecto homenaxeado neste ano. Os Amigos dos Museos de Galicia organizarán un roteiro arquitectónico por Pontevedra este domingo 1 de abril.

Entre tanta anormalidade seriada costa normalizar unha actividade con marca galega, máis aínda cando no almanaque se espallan outras chamadas globais, os “Días internacionais”. Xornadas nas que se concentran os medios, e quizais afoguen outras convocatorias como a que agora fai a centenaria institución da Academia Galega de Belas Artes, a que no 2015 instituíu celebrar a xornada de cada 1 de abril como “Día das Artes Galegas”. Data escollida por mor de que tal día como ese do ano 1188 o Mestre Mateo coloca os linteis do Pórtico da Gloria. Non podía ser doutro xeito e Mateo sería o primeiro homenaxeado, o ano seguinte será Castelao, no 2017 a pintora vivarensa Maruxa Mallo e neste 2018 , a academia acordou que fora o arquitecto Alexandre de la Sota Martínez. Determinación que recoñece o aporte teórico e práctico deste arquitecto pontevedrés á arquitectura do Movemento Moderno Europeo. La Sota, pese á súa escasa e maltratada obra, foi premiado e é recoñecido a nivel mundial polos seus colegas.
Ano e día no que se convida ao asociacionismo a celebrar as artes de Galiza, a rescatar creadores, a orixe na que radica a orixinalidade, obras de arte con cerna galega. Con tal motivo o Museo de Pontevedra abre unha mostra sobre o Arquitecto Alexandre de la Sota, tampouco faltaran actos complementarios. Proposta a espallar arredor da que tampouco faltará a necesaria discusión sobre que se entende por galeguidade. Si ben o que se valora é o aporte particular dende Galiza á universalidade.

Resultará fácil entrar na filosofía e na obra de la Sota, ada a fonda pegada que o arquitecto deixou nos seus alumnos da Escola de Arquitectura de Madrid, tamén en colaboradores e discípulos, así como pola documentación reunida na Fundación Alejandro de la Sota, que preside un dos seus fillos. A divulgación é o que compre e ao que estamos, coñecer para querer e pornos á salvagarda.

NA SÚA BASE A PONTEVEDRA DOS CANTEIROS, DE SOCIEDADES CULTURAIS, DE CASTELAO…

Nacido un 20 de outubro do 1913, fillo de pai procedente de terras cántabras de Trasmiera, como recorda Filgueira Valverde, querendo sinalar o destino do fillo arquitecto, pois é aquela terra de mestres canteiros e maceiros trotamundos , e que, como moitos dos seus paisanos construtores afincará raiceiras e dará froitos en Pontevedra, por algo “boa vila” . Cidade referente na década dos anos vinte, na que brilla Castelao pero tamén Perfecto Feijoo, Alexandre Bóveda, Manuel Quiroga, Lousada Dieguez, Álvarez Limeses, Iglesias Vilarelle, Gallastegui, Sanchez Cantón…. de rúas apropiadas para peripatéticos paseos, para parladoiros como o do Cafe Moderno. Anos nos que o se pai, o enxeñeiro Daniel de La Sota Valdecilla, foi inesquecible presidente da Deputación de Pontevedra (1923-1929), casado con Tereixa Martínez Correa, con casa en Salcedo, arrabaldos de Pontevedra, “onde estaba o corazón dos de la Sota”. Filgueira Valverde, aínda que, sete anos máis vello, foi amigo dende neno de Lixandre, a quen mesmo tamén chamaba “irmán” e ambos sempre se corresponderon con entrañables referencias a unha intensa infancia e mocidade compartida, as colaboracións coa revista Cristal, o seu noivado con Sara Rius.

O arquitecto Alexandre de la Sota / Wikipedia

A Pontevedra daqueles anos está contaxiada polo ambiente musical da Coral Polifónica, agrupación coa que participa de la Sota como voz infantil, persuadido pola arqueoloxía e a arte pola labor sensibilizadora da Sociedade Arqueolóxica. Bases que o empuxan a comezar estudios musicais e de debuxo, entre moitos outros da súa xeración , os que tiveron como profesor no instituto a Castelao, quen vendo a facilidade de Lixandre para síntese no trazo nas caricaturas, anímao a seguir e perfeccionar esta habilidade. Alexandre de la Sota vaise metendo así nun xeito de ritmo e ascese pitagórica que endexamais abandonará . Na década dos 30 vaise a Compostela a estudar Ciencias Exactas, requisito indispensable pra ingresar na Escola de Arquitectura de Madrid. Anos nos que estala a guerra e con ela a dura experiencias de ir forzado ás trincheiras, de ver a mestres e amigos paseados, exiliados, encunchados, a sementeira do medo e a longa noite…. La Sota perde a vista dun dos seus ollos. Anos nos que na Escola de Madrid ten como mestre e aval ao grandilocuente arquitecto porriñés Antonio Palacios, mesmo sucede a este como profesor, pese a ser ambos de filosofías diferentes, pero necesarias: a retórica simbólica de Palacios e a esencialidade, a nudez de la Sota.
Arquitectura pra servir, en busca dun ritmo musical coa paisaxe, sen molestar….

Entre o ambiente gris da posguerra, xunto con outros novos e innovadores arquitectos os que, pra sobrevivir, non teñen outra que entrar nos proxectos da ditadura: contratado polo Instituto Nacional de Colonización, creado no 1939, a fin de refacer vilas agrarias cun novo urbanismo. Farano mirando e asumindo os camiños das vangardas do Movemento Moderno, aínda que tamén sometidos ás limitacións, aos materiais e ás técnicas tradicionais dos lugares nos que actuar: Gimenell (Lerida), Esquivel (Sevilla), Entrerrios, Valuengo, La Bazana (Badaxoz)… Actuacións en vivendas unifamiliares en Euskadi, Andalucia, tamén en Galiza no Matadoso e Espiñeira da Terra Cha… Arquitecturas comandadas pola a razón, a lóxica, a síntese, a lixeireza, a ansia de expurgar o innecesario, en busca da autenticidade, da versatilidade e da funcionalidade. Teoría e praxe que presupón aforrar liñas, máis uso goma de borrar que do lapiceiros. Velaí desta primeira época e con visos “rexionalistas” e herdos de Palacios, a Escola de Capataces de Bastiagueiro, un proxecto para Samos, a Misión Biolóxica de Salcedo. Para irse metendo nunha ascese de depuración, na esencialidade, as mesmas que caracterizan ao Movemento Moderno, protagonizado por Le Corbusier, Wright, do seu admirado Mies van der Rohe… afonda nos presupostos do arquitecto e deseñaor industrial , nas formulas modulares e sinxelas de Marcel Lajos Breuer, cavilacións arredor da arquitectura en vidro, a transparencia… Presupostos dende os que tampouco deixou o deseño de mobiliario.

Entrou no discurso arredor dos novos materiais industriais e prefabricados, o cemento, os paneis, aluminio… presupostos que comparte co seu colega e amigo, o coruñés, Molezún…. e velaí os resultados, a vivenda para o doutor Angel Arvesú, en Madrid, como a depurada nave industrial para a empresa aeronáutica TABSA (Barajas)… Pra, na medida que avanzan as tecnoloxías e os novos materiais, na década dos 60, acada un momento significativo na súa obra, adquirindo un ritmo case musical entre vanos e paramentos en relación coa a paisaxe: o Goberno Civil de Tarragona, o Ximnasio Marabillas de Madrid. Sumando os traballos en colaboración cos seus amigos Molezún e Corrales como a residencia Miraflores de la Sierra, a fábrica CLESA, a sede do CENIM en Madrid. Autor tamén de proxectos para vivendas prefabricadas, como a de Varela en Navacerrada, outra pra una residencia rural da Caixa de aforros de Ourense, o Pavillón Deportivo de Pontevedra, este alterado por intervencións pouco sensibles coa orixinalidade de la Sota e ben viría que, hoxe, se abriran camiños para retornar a súa orixinalidade.

TEORÍA E OBRA TRAZADA CON RIGOR E SINXELEZA

La Sota filosofa sobre a nada, depura ao máximo o conceptualismo, e velaí en Madrid o Colexio Maior César Carlos, as aulas da Universidade de Sevilla, a casa Guzman de Madrid, a casa Dominguez de Pontevedra, outra casa en Alcudia, o edificio de Correos de León, vivendas para o concello de Madrid na rúa de San Francisco….e moitos proxectos, encargos que non chegarían a realizarse, caracterizados pola sutileza, a esencialidade de liñas.

Dende un mundo que xulga arrogante reflexiona sobre a arquitectura popular, sen arquitectos, feita de cal e barro , “Defendemos la pobreza en un mundo fatuo e ingreido..defendemos la cal y el barro y es que creemos que gozar de la cal y el barro es un final y un principio: final por que nos ha costado mucho alcanzalo, por que de este cero queremos empezar a vivir nuestra vida de arquitecto”.
Ante canto supón de responsabilidade a intervención do arquitecto na paisaxe, suplicaba La Sota, “ter valor pra mudar aquilo que se poida mudar, serenidade pra aceptar o que poida ser cambiado e sabedoría pra distinguir o un do outro”. Asume a función social da arquitectura, que non é materialización dun estado de ánimo , o autorretrato do arquitecto ou do cliente, aínda que poida asimilar algo disto , a súa finalidade é ser útil, evitar o impacto, servir a xeracións, os edificios e as ideas perduran algo maís…

O 14 de febreiro de 1996 Alexandre de la Sota fina en Madrid, as súas cinzas lévanse ao panteón familiar de Salcedo, unha obra tradicional de cantería funeraria. Quedan entre nós as súas pegadas, as súas obras tan pensadas, ás veces maltratadas tamén, enxalzado polos seus alumnos e seguidores, entre eles o arquitecto carballiñés afincado na Coruña, Manuel Gallego Jorreto.

Pode que che interese...