fbpx
Unha vista de Durham / foto kellyrublandCC0

Oroso quere recuperar o Camiño Inglés dende Durham

Tempo de lectura: 4 min.

Onde comeza o Camiño Inglés? É posible facelo por enteiro? É unha ruta que ante a masificación doutros camiños paga a pena facer? Obviamente cando falamos do comezo deste camiño non nos referimos ós portos da Coruña ou de Ferrol, que o son na práctica, senón que o Camiño Inglés, como non tan obviamente supoñemos, comeza no Reino Unido. Aínda que esquecido por máis de cincocentos anos, este roteiro estivo activo dende as orixes da peregrinación ata polo menos comezos do século XVI. Aínda que os portos de partida foron numerosos, incluídos os Irlandeses de Galway e Dublin, houbo un ou varios roteiros que atravesaron Inglaterra ata chegar ós portos de Winchelsea ou Bristol.

Unha das torres da catedral de Durham / JamesmcroyCC0

Dende alí se seguiría por mar ata as costas de Francia, ou na meirande parte dos casos ás propias costas de Galicia nas cidades de Ferrol, Coruña, ou calquera outro punto accesible do Magnus Sinus Artabrorum, ou en casos excepcionais lugares como Noia ou Viveiro. Esta travesía por mar está documentada entre os séculos XII ó XV, acadando neste último, segundo as fontes, o seu maior apoxeo. Ademais non era propiamente inglés senón que por mar se chegaba á Galicia dende puntos tan afastados coma Irlanda, Escocia, os Países Baixos, Alemaña, Dinamarca ou os Países Escandinavos, documentándose viaxes coma as dos reis noruegueses Sirgud Jorsalafar en 1108 e San Reginaldo III en 1151.

Aínda que por mar o roteiro obrigaba o aciñamento e a sucumbir ante os temporais, o roteiro, ademais de evitar as pillaxes no camiño, permitía pasar dos tres meses ou máis meses que podía levar cruzar Francia e o norte de España ás poucas semanas, ou en torno a un mes, que podía supor embarcar, cruzar o mar e camiñar ata Compostela e voltar. Ademais, máis alá do que puidera parecer o Camiño Inglés era bastante transitado, xa que na Idade Media a fama das Cruzadas levaba a moitos peregrinos das illas e da zona norte de Europa a visitar os principais santuarios da Europa continental. Mais xa coa chegada da Idade Moderna co desenrolo do poder das grandes monarquías e coas reformas protestantes, o camiño acabou por desaparecer. En concreto na Gran Bretaña o itinerario foi prohibido de feito a comezos do século XVI por orde de Enrique VIII.

Cidade da Coruña, aquí comeza unha das variantes do Camiño Inglés / SondebueuCC0

Mais o roteiro dentro do Reino Unido ten, desgraciadamente, un itinerario a día de hoxe non moi definido, polo que peregrinar dende o norte do país ata os portos do sur a día de hoxe non é unha tarefa doada. Tampouco existe ningún transporte que permita facer o roteiro por mar dende estas localidades ata as cidades da Coruña ou Ferrol. Si se sabe sen embargo o inicio do roteiro. E os arredor dos oito primeiros quilómetros do primixenio percorrido pódenserrealizar sen excesiva dificultade. Este nace no nordeste de Inglaterra, moi preto da fronteira con Escocia. En concreto a súa primeira etapa é na abadía histórica de Finchale e ata a localidade de Durham, ata a súa catedral.

Unha iniciativa para retomalo

Se hoxe sabemos deste pequeno trazado no nordeste de Inglaterra é grazas á iniciativa da Asociación de Concellos do Camiño Inglés, en Concreto do concello de Oroso, que leva anos empeñado en promocionar o roteiro dende A Coruña e Ferrol a Compostela. Encabezados polo seu alcalde Manuel Mirás, e o concelleiro Antonio Leira, o pasado sábado 17 de marzo, un grupo de 75 persoas fixo a pe este trazado entre Finchale e Durham co claro obxectivo de impulsar este roteiro histórico e relanzar a sona do itinerario dende os portos ártabros.

Ponte medieval de Sigüeiro / Íñigo M. Riobó

A iniciativa tivo unha moi boa acollida e entrou dentro das actividades que este Concello está a organizar para promocionar o camiño. De feito esta é xa a terceira viaxe que se organiza ata ese histórico traza, contándose, igual que nos anos anteriores con explicacións in situ dos das abadías e da vila histórica de Durham. Máis o Concello, o pasado mes de outubro xa organizara xunto coa asociación de concellos e o Xacobeo un Encontro Internacional sobre o Camiño Inglés. Neste encontro, ademais de analizar o trazado e mostrar as reticencias de algúns Concellos a delimitación do trazado desenvolvido pola Xunta, se demandou unha maior implicación das tres grandes cidades da provincia para a promoción da ruta. Na actualidade e dende o ano 2016 pódese conseguir a Compostela peregrinando dende Ferrol ou A Coruña.

Porto de Ferrol, inicio do Camiño Inglés / foto hwy62CC0

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...