fbpx
Representación de Frau Holle / Youtube

Frau Holle, a Vella galega que tamén está na mitoloxía xermánica

Tempo de lectura: 5 min.

Dada a similitude que vimos encontrando entre a nosa Vella, a do arco da vella, e outras mulleres anciás presentes no folclore e as tradicións doutras partes do mundo, parece interesante facer unha análise máis pormenorizada dalgunhas destas personaxes. Tal vez isto nos axude a encher os ocos que a figura da Vella deixou nas nosas lendas e mitos.

Unha das personaxes máis similares á Vella e das que máis información se dispón –entre outros, gracias ó traballo de recollida feito por Jacob Grimm (si, o dos contos)– é Frau Holle, tamén coñecida como Holda ou Perchta segundo a zona. Trátase dunha figura da mitoloxía xermánica principalmente relacionada coa creación do clima: fai caer a neve sacudindo as súas almofadas de plumas ou desplumando ós seus gansos, chove cando ela lava a roupa, as nubes son as súas prendas postas a secar ou as febras de fío que está a tecer, a brétema é o fume da súa fogueira, os tronos escóitanse cando enrola o fío na roca e os lóstregos iluminan o ceo cando golpea o liño na espadela.

Selo de Frau Holle

Tamén se ten por protectora do fogar e, en especial, das mulleres ás que aprende a fiar e tecer. Premia ás fiandeiras traballadoras rematando as súas tarefas polas noites e castigando ás folgazanas desfacéndollas. Pese, ou precisamente debido a, ser protectora do fiado, existía un grande tabú de non fiar o día en que era venerada, polo tempo do Nadal ou do Entroido, segundo as versións. Ás veces disfrázase de vella e vai polo mundo, quen a auxilia con comida e bebida é recompensado e quen a rexeita severamente castigado. Tamén é considerada como unha especie de Pai Natal, deixando un regalo polo Nadal ós nenos que foron bos e castigando ós malos, deixándoselle nesa noite leite e algo de comer para que entre nas casa e as bendiga coa súa presencia. Toda esta faceta de premiadora e castigadora quedou perfectamente reflectida no conto dos Irmáns Grimm Frau Holle (traducido ó castelán como Madre Nieve), que se pode ler no seguinte enlace.

frau-holle
Ilustración do conto na que Frau Holle premia con ouro á rapaza traballadora

A vella e o alen

Garda relación co alén, de feito, o inferno en alemán leva o seu nome: hölle. No norte do país contábase que ía a cabeza dunha procesión de almas en pena e no sur que levaba as almas dos nenos, especialmente daqueles que morreran sen bautizar, e que tiña unha poza sagrada pola cal os novos nacidos entraban no mundo. Seguindo esta liña, foi considerada patroa das bruxas na Alemaña católica. As lendas sitúan o seu fogar en montañas e covas, ou tamén nas pozas das que saca as almas dos nenos. No inverno, xunto co seu marido Wotan, forma parte da famosa Cacería Salvaxe. Nalgúns lugares é descrita como unha anciá farrapenta, noutras como unha muller branca e fermosa capaz de transformarse en vella cando quere. Sanda as mulleres que se acercan ás súas fontes e nalgúns lugares mesmo foi trocada pola Virxe María.

Dixéramos que nalgúns lugares esta mesma figura é coñecida como Perchta (literalmente, brillante), sendo Perchten o seu plural, que curiosamente é o nome dado ás mascaradas que desfilan polas rexións montañosas de Austria. Estas máscaras divídense en dúas: os Schönperchten (literalmente, os Perchten fermosos) que coinciden cos personaxes dos noso Entroido que chamaríamos “os de bonito”, e os Schiachperchten (Perchten feos) que visten de xeito zoomorfo e demoníaco. Os primeiros saen polo Nadal e crese que poden levar a sorte e a riqueza á xente, e os segundos aparecen xa a finais do outono e van casa por casa para expulsalos malos espíritos. Os austríacos pensan que o Demo é a personaxe máis fea da mascarada e líder dos Schiachperchten e Frau Pertcha a máis fermosa á cabeza dos Schönperchten.

Pertchen fermosos e feos

Frigg, na literatura nórdica

Para rematar, diremos que na mitoloxía nórdica atopamos a Frigg, antiga deusa fiandeira dos viquingos, casada con Odin co que lideraba a Cacería. Do mesmo xeito, na mitoloxía xermánica existen varias sagas e alusións a una voda entre Frau Holle e Wotan, polo que os investigadores pensan que o deus Odín e máis Wotan son a mesma personaxe, do mesmo xeito que Frigg e Frau Holle. Así, se sabemos que Frigg era unha Deusa da antiga relixión viquinga, Frau Holle tamén o sería da xermánica.

Recreación de Frau Holle

Frau Holle e a Vella galega

Con toda esta información na man, vexamos os puntos nos que Frau Holle se toca coa nosa Vella. Ambas son creadoras do tempo atmosférico –atribuíndose os fenómenos meteorolóxicos ás diversas actividades que realizan– e ambas están totalmente identificadas coa arte do fiado. Cando quere, Frau Holle tamén se amosa baixo a forma dunha anciá, especialmente para poñer a proba a hospitalidade dos humanos. O que, por certo, nos da unha pista doutra faceta da Vella que podería estar oculta baixo a Virxe: As nosas lendas de cidades asolagadas sempre comezan coa Sagrada Familia, Xesucristo ou a Virxe pedindo pousada ou alimento e, ó denegarlla tódolos habitantes do pobo, castígaos sepultándoos baixo as augas do lago, aínda que, curiosamente, sóese salvar sempre unha vella que si os axudou.

Este comportamento concorda por completo co que se nos di de Frau Holle e, como xa comprobamos que a Vella ten sido trocada pola Virxe, ben pode ser ela a protagonista ancestral deste tipo de lendas. Outro punto curioso é o de figura que reparte agasallos polo Nadal, sobre todo se reparamos na panxoliña de “Ya vienen los Reyes”, pois o cantar comeza na súa primeira estrofa dicindo: “Ya viene la vieja/ con el aguinaldo/ le parece mucho/ le viene quitando” Habemos dedicar unha entrada enteira a analizar esta posible faceta da Vella. Como tamén sería interesante facelo coa idea de que a Vella garde relación coa Santa Compaña ou Estadea, se temos en conta que Frau Holle vai á cabeza dela. De feito, nalgúns lugares de Galicia dise que vai presidida por unha muller ou mesmo que se trata dunha procesión de meigas. En canto á Caza salvaxe, da que moitos estudosos din que é equivalente á nosa Santa Compaña, coido que é parecida mais non igual, senón que nós tamén temos a nosa propia Cacería da que xa falaremos e da que a Vella é personaxe principal. E que dicir do Entroido, mais similitudes entre Frau Holle e a Vella imposible.

Se aceptamos, como todo parece indicar, que a Vella e Frau Holle foron nun tempo a mesma personaxe en diferentes contornos, atopamos unha confirmación máis de que a Vella foi Deusa precristián dos galegos, ó igual que Frigg para os viquingos. Coido que compre volver a ler todo o exposto con detemento para facernos unha idea máis profunda e informada de quen foi a Vella, á que seguiremos a comparar con outras personaxes similares na próxima entrada, descubrindo novos e apaixonantes aspectos desta Deusa.

Tirado de:

Escrito por

https://tralaspegadasdavella.wordpress.com

Pode que che interese...