fbpx
Casa Cornide, residencia da familia Franco na Coruña / foto panoramio.com

Nova batalla contra os Franco para recuperar a Casa de Cornide, antigo consistorio da Coruña

Tempo de lectura: 2 min.

A Casa Cornide, situada na Cidade Vella da Coruña, fronte á Colexiata de Santa María, forma parte do que distintas entidades coruñesas consideran un “espolio dos vencedores”. E o certo é que despois do levantamento militar e fascista do 18 de xullo de 1936 contra o goberno da II República, este inmoble acabaría en mans da familia Franco, tal e como aconteceu co pazo de Meirás.

A Casa Cornide é un pazo urbano do século XVIII (entre 1750 e 1760), que foi residencia de José Cornide, investigador, humanista, historiador e “patriota galego”, que morreu en 1803. No século XIX acollera a casa consistorial e dependencias municipais e foi mercado en 1957 polo Ministerio de Educación, que a cedeu ao concello mediante permuta por outros terreos.

“Carmen Polo, esposa de Franco, quería unha residencia no centro da Coruña para non ter que desprazarse a Meirás cando visitaba Galicia, así que organizaron todo para apropiarse da Casa Cornide”, aseguran desde a Comisión Aberta en Defensa do Común da Coruña. Por iso, foi ofrecida mediante poxa pública, celebrada o 2 de agosto de 1962 ao mellor ofertante, e nunha actuación amañada coa intervención do concello, ministerio de Educación, Facenda e significados franquistas e empresarios.

Pazo de Meirás / fonte Wikipedia loischantada

Regalada por Pedro Barrié de la Maza

Finalmente, foi adxudicada a Pedro Barrié de la Maza por 305.000 pesetas nun proceso no que tamén se presentou a “poxa-farsa” o falanxista José Luis Amor Fernández, subxefe do Movemento. Despois foi cedida a Carmen Polo, como figura na escritura.

O Pleno do concello da Coruña aprobou o pasado 8 de xaneiro unha moción do BNG, apoiada por Marea Atlántica e PSOE e abstención do PP, esixindo a recuperación da Casa Cornide para o patrimonio da Coruña, instando a Xunta e Goberno do Estado á eliminación dos dereitos hereditarios a efectos tributarios.

Sempre en defensa do patrimonio público, a Comisión Aberta en Defensa do Común vai realizar unha serie de actividades para conseguir a recuperación da Casa Cornide para uso público e patrimonio da Coruña”, apunta esta entidade que organizará este 13 de marzo un acto no que participarán Carlos Babío, autor do libro Meirás, un pazo, un caudillo, un espolio; Anxo Varela, da Asociación de Veciños da Cidade Vella; Antía Rocha, da CRMH; Felipe Senén, da Asociación de Amigos dos Museos de Galicia; Xosé Manuel Sande, concelleiro de Cultura. Presentará o acto: Rosa Quiroga, de Defensa do Común.

Pode que che interese...