fbpx
Imaxe de Semana Santa / javierb34CC0

Que tradición hai detrás das grandes Semanas Santas de Galicia?

Tempo de lectura: 4 min.

Un dos grandes motivo de festa en Galicia, pola nosa raíz cultural, son as festas relixiosas. Aínda que poida parecer que relixiosas son case todas as festas do país, o certo é que a maioría teñen importantes restos de paganismo, sendo unha mistura de tradicións de orixe precristián ou pagán sacralizadas trala romanización. Mais festividades coma o Corpus ou a Semana Santa son plenamente diferentes. A tradición procesional da Semana Santa en Galicia ven como en case calquera recuncho de Europa do propio medievo, nalgúns lugares de Galicia xa se documentan procesións penitenciais moi semellantes as actuais dende a época barroca. Porén foi nas décadas de entre 1940 e 1960 cando as Semanas Santas galegas foron conquerindo a solemnidade actual.

Galicia, aínda que non o pareza, ten por isto tamén importantes Semanas Santas, cheas de fervor e de sentimiento relixioso. Entre as Semanas Santas de Galicia destacan dúas distinguidas como Festa de Interese Turístico Internacional. Son a Semana Santa de Viveiro e a de Ferrol, as que ostentan esta distinción, declaradas en 2013 e 2014. Outras dúas teñen a distinción de Festas de Interese Turístico Galego, son a de Cangas, declarada en 2002 e a de Paradela, Meis, declarada no ano 2010. Tamén Galicia é sede de sete bispados nas que se celebran importantes ritos relixiosos, entre elas Santiago e Lugo, son tamén moi diganas de salientar.

As Semanas Santas de Ferrol e Viveiro

A Semana Santa de Ferrol é sen dúbida entre as de Galicia a de maior fervor relixioso. Procesións que rememoran a paixón, morte e resurrección de Xesucristo a través de pasos e confrarías herdeiras da tradición secular do barroco español. Son, iguais ás de outras latitudes peninsulares, vistosas e solemnes, destacando de entre elas a do Venres Santo, a do Santo Encontro na Praza de Armas, o Santo Enterro, Santa Urna, procesión dos Caladiños, Virxe das Dores e Canto da Salve. O Xoves Santo ten lugar a do Santo Cristo da Misericordia, a máis longa e numerosa, na que participan 1800 confrades, 7 pasos e 9 bandas, xunto coa Brillat.

Galicia está enchidad de mosteiros /  foto magicboiroCC0

Galicia está enchidad de mosteiros /  foto magicboiroCC0

En Viveiro confrarías e irmandades enchen a vila dun ambiente máis íntimo. Viacrucis e tamboradas son os seus sinais de identidade. Na procesión da Última Cea sácase un paso creado en 1808 por un artesán que retratou ós mariñeiros do porto de San Cibrao coma os 12 apóstolos. Tamén destaca a procesión do Prendemento, dirixida pola irmandade homónima, que leva rechamantes túnicas e capuchas. A do Encontro, o Desencravo o Enterro, ou a dos Caladiños, cóntanse entre as máis importantes. En algunhas delas os portadores van vestidos de negro cun gran capuchón, mentres os fieis os acompañan con velas acendidas.

Cangas, Paradela e Fisterra

Se as de Ferrol e Viveiro son as primeiras entre as galegas pola súa devoción e intensidade, Cangas e Paradela tampouco quedan moi lonxe. A Semana Santa de Cangas, declarada de Interese Turístico Galego, é sen dúbida a máis importante da provincia de Pontevedra. As procesións teñen lugar entre o venres de dores, festivo local  e o Sábado Santo. A Virxe das Dores, o Xesús no templo, a Soidade de María, a Santa Cea, a das Negacións de Pedro, o Encontro Nocturno, Descendemento, Santo Enterro a do Silencio e o Velorio de Xesús son as súas procesións máis importantes. Catro son as cofrarías que as levan a diante, a da Virxe das Dores e a Soidade, a do Santísimo Cristo do Consolo, a da Misericordia e a de San Pedro.

A Semana Santa de Paradela, nesta pequena parroquia do concello pontevedrés de Meis, no corazón do Salnés, posúe tamén unha das Semanas Santas máis singulares de Galicia. Dende o Domingo de Ramos ata o Domingo de Resurrección un total de sete singulares procesións percorren a parroquia. Estas son as da Entrada Triunfal de Cristo en Xerusalén, a Última Cea e Prendemento de Caifás, Xesús ante Pilato e Viacrucis, Descendemento, Santo Enterro, Resurrección, Asunción e Sagrado Corazón de Xesús. Esta Semana Santa está declarada tamén de Interese Turístico Galego.

En Fisterra a Semana Santa é coma moitas outras da Costa da Morte, recollida, non ostentosa pero chea de fervor e de introspectiva relixiosidade. Se ben neste caso a Semana Santa non é unh festa declarada por Turismo, si o é un dos seus principais días de culto, o domingo de Resurrección. Nel se celebra o seu famoso Santo Cristo de Fisterra. O Santo Cristo é en realidade unha talla medieval de estilo gótico procedente do ano 1340. Mais o último domingo da Semana Santa celébrase a romaría popular ó carón do santuario da Nosa Señora das Areas, na que todos os anos na súa honra se fai unha representación da Resurrección no campo contiguo da Igrexa.

Santiago e Lugo

Trece confrarías compostelás percorren a cidade histórica acompañadas polo son ferinte das cornetas e o ritmo grave dos tambores, cuxo eco replican as rúas de pedra. Os ollos álzanse cara aos caparuchos, as cruces procesionais e os pasos, que case chegan a rozar balcóns e gárgolas, mentres as procesións avanzan cortando a néboa na noite” ou así define a propia web do Concello a celebración da Semana Santa da histórica Compostela. Ademais a Semana Santa de Compostela destaca por un programa de concertos de música sacra nas principais igrexas da cidade así coma ciclos para gozar da tradicional gastronomía da Coresma. O Coengo catedralicio e máis os principais mosteiros fan da celebración desta localidade un dos epicentros espirituais do noso país. En Santiago vai recuperouse ademai o son da carraca da catedral.

Botafumeiro na catedral compostelá / acastro19850CC0

Botafumeiro na catedral compostelá / acastro19850CC0

A Semana Santa de Lugo é unha das máis antigas de Galicia, xa que se fai, coma case todas faise ininterropidamente dende a Idade Media, mais as fontes tamén revelan o documento máis antigo de Galicia sobre unha procesión penitencial polas rúas, do ano 1698. Na Semana Santa de Lugo goza do privilexio da exposición permanentemente do Santísimo Sacramento na súa Capela Maior, unha das excepcionalidades relixiosas da vila das murallas. Na tarde do Xoves Santo e o Domingo de Pascua, recóllese a Sagrada forma nun cáliz de 1461. A Sagrada Forma é sacada polas rúas de Lugo en procesión sobre una carroza que representa ós apóstolos e a Xesús sentados á mesa.

Pode que che interese...