Tempo de lectura: 3 min.O día 27 de febreiro de 2018, o investigador Brais Rodríguez Romero máis eu localizamos unha mámoa que, inexplicablemente, non está inventariada nin polo Concello de Friol nin pola Xunta de Galicia. Digo o de inexplicable porque este enorme túmulo, duns 25 metros de diámetro e case 3 de altura, foi documentado hai case trinta anos por Juan F. Núñez Jato e Laura Rodríguez Varela, e publicado posteriormente na revista Croa da Asociación de Amigos do Castro de Viladonga no ano 1996.
Atópase na parroquia de Anxeriz, nunha penichaira situada a algo máis de 500 metros de altitude. Bautizada polos seus descubridores como Medorra da Pola, ten un gran cráter de violación, producido hai uns sesenta ou setenta anos cando os veciños da aldea escavaron a mámoa para extraer as pedras da cámara megalítica e, a un tempo, buscar posibles “tesouros”. Contáronnos que unha das pedras que formaban o dolmen tiña pinturas de cor vermella. Nas inmediacións da mámoa aínda se ve un gran esteo partido que pertenceu á camara funeraria. Sobre o túmulo obsérvanse gran cantidade de pequenas pedras que o recubrían, o que se coñece como coiraza pétrea.

Mámoa atopoada en Aspai, Outeiro de Rei / Xabier Moure
No mes de outubro de 2017 saíu na prensa a descuberta dun enterramento do Neolítico na parroquia de Vilalvite, tamén en Friol, coa cámara megalítica case completa e que Patrimonio axiña se apresurou a visitar e catalogar. Brais máis eu tivemos que saír ao paso da noticia manifestando que xa fora descuberto e tamén publicado por Juan Núñez e Laura Rodríguez no ano 1992.
Lamentamos que o excelente traballo que realizaron estes investigadores entre finais dos anos oitenta e principios dos noventa quedara relegado ao esquecemento e non se lle recoñeza, tendo en conta que é unha ferramenta de consulta obrigada para o estudo da Cultura Megalítica que se desenvolveu en Galicia entre o 5000 e o 2000 a. C. nos concellos de Friol e de Outeiro de Rei. No concello de Friol coñécese a existencia de 270 mámoas distribuídas por 30 parroquias, se ben unhas 100 foron destruídas.
Mámoa Outeiro de Rei
O mesmo día 27, debido a unhas talas de piñeiros, descubrimos dúas novas mámoas no concello de Outeiro de Rei. A primeira foi na parroquia de Aspai. Ten unhas medidas de 14 metros de diámetro e 1,5 de altura. A simple vista semella que non foi violada, se ben resultou bastante alterada, como se observa na foto, pola maquinaria pesada ao realizar a corta das árbores. A segunda mámoa localizámola nos montes de Pascuais, parroquia de Parada. Ten unhas medidas de 16 metros de diámetro e 1,70 de altura. Esta última atópase non moi lonxe dun campo de mámoas e da coñecida como A Pena Serrada onde descubrimos uns petroglifos que o pasado ano xa foron declarados BIC (Ben de Interese Cultural) pola Xunta de Galicia.
No concello de Outeiro de Rei había unhas 180 mámoas, pero máis de 60 foron destruídas. Os achados xa llos comunicamos a Patrimonio para a súa catalogación.

Mámoa atopada en Parada, Outeiro de Rei / Xabier Moure