fbpx
Portada dos Barbanzóns, de Pepe Carreiro

Aprende a debuxar castrexas e romanos en banda deseñada cos grandes ilustradores de Galicia

Tempo de lectura: 2 min.

Gústache a historia?, e o cómic?… Gustariache aprender a debuxar castrexas e romanos aínda que non teñas noción algunha de como debuxalos?. Pois agora é posible facelo, de balde, e cos grandes ilustradores de Galicia.

Este sábado terá lugar o primeiro dos obradoiros organizado dentro do I Encontro de Banda Deseñada Histórica de Galicia que ten lugar en Lugo. Será para nenos entre oito e 16 anos. Os adultos terán a súa quenda o seguinte sábado, día 21. A cita será no Museo Interactivo da Historia de Lugo (MIHL) de 11.00 a 13.00 horas e contará como mestres de cerimonia aos ilustradores Víctor Boullón e Miguel Fernández. Os e as interesadas teñen que inscribirse no 010 se son de Lugo ou a través do teléfono 982297150 para os de fóra de Lugo.

Ademais, este venres continúa o encontro coa participación dun dos grandes autores de banda deseñada de Galicia, Pepe Carreiro, coñecido pola súa serie sobre Os bolechas. Carreiro, estará o venres no MIHL, a partir das 20.00 horas para falar sobre estas personaxes, pero sobre todo, do cómic e o mundo castrexo galego a través dos barbanzóns, outras personaxes creadas por el e ambientadas nesta época.

Esta charla é continuación a que o pasado venres realizou Manel Cráneo, sobre o Proceso técnico e creativo da banda deseñada histórica e completarase o vindeiro venres 20 de abril coa conferencia de José Barreiro que abordará o fenónmeno de Roma na banda deseñada.

Neste primeiro encontro da banda deseñada histórica galega participan os ilustradores Víctor Boullón, Tokio, Miguel Fernández, José Barreiro, Tomás Guerrero, Pepe Carreiro e Manel Cráneo, coordinador artístico do evento. Así, esta innovadora proposta, impulsada polo Concello de Lugo e na que colabora o portal www.historiadegalicia.gal Demo Editorial, toma forma por primeira vez en Galicia no Arde Lucus e estará dividida en dúas partes; unha máis didáctica e educativa e outra práctica.

 

Pode que che interese...