fbpx
Edificio Castromil en Construcción en 1925 / foto Consorcio de Santiago de C.

Así foi a triste historia do edificio Castromil

Tempo de lectura: 3 min.

Quenes estudaron ou viviron na cidade de Santiago de Compostela no século XX recordan á perfección á empresa Castromil. Unha das máis importantes empresas de transporte de Galicia que, entre 1917 e 2002, seguía algúns dos percorridos máis empregados do país, como son os de Santiago coa Coruña, Caldas, Pontevedra e Vigo. Por moito tempo a súa principal parada estivo na actual praza de Galicia, un dos sectores de modernidade máis destacados da cidade durante polo menos os dous primeiros terzos do século.

Non so foi o lugar onde se asentou a parada deste transporte, senón que foi tamén o primeiro lugar da cidade en contar cunha gasolineira, onde se localizou un dos primeiros hoteis de luxo de Galicia, o Hotel Compostela, onde se atopaban modernos teatros, restaurantes e cafés, e un lugar colmado de modernos edificios modernistas, eclécticos e rexionalistas. Fora tamén o lugar no que historicamente se asentara o cárcere da Inquisición demolido co cambio de século. Un destes edificios, o que se cadra máis destacou, foi o edificio Castromil, un excelente edificio ecléctico derrubado no ano 1975.

Antigo Edificio Castromil imaxe de 1933 / CCPD

O edificio Castromil e o seu derrube

Edificio Castromil en construción en 1925 / foto Consorcio de Santiago de C.

Este edificio que foi por moito tempo a sede da empresa, e máis a súa principal parada. Foi antes que isto o chamado Quiqui-Bar, unha luxosa cafetería cunha excelente iluminación natural. O edificio que foi deseñado en 1922 polo arquitecto coruñés Rafael González Villar e promovido polos empresarios Manuel Ramallo Gómez e Ángel Gontán Sánchez, foi unha das empresas de ocio e restauración máis ambiciosas da cidade. Tanto que tres anos despois da súa inauguración, en 1929, tiveron que vender o edificio a Evaristo Castromil, o propietario da xa importante empresa de transporte.

Este foi a súa sede ata a década de 1970, cando o concello mercou o edificio co obxectivo de facer un aparcadoiro subterráneo no lugar, así como unha praza. Entre setembro e outubro de 1975, e en medio de importante polémica veciñal, as máquinas derrubaron o antigo edificio deixando a cidade sen un dos seus históricos símbolos de modernidade. Era daquela alcalde Antonio Castro García, o último rexedor franquista da cidade, un compostelán nado en Ordes e próximo á cúpula do Movemento Nacional, posteriormente militante de Alianza Popular e máis tarde Director Xeral de Xustiza da Xunta de Galicia co PP.

Foi un feito recordado amplamente polas xentes de Santiago, e tido como un dos acontecementos máis desafortunados do urbanismo do último terzo do século. En fronte tivo a sectores sociais tan importantes como o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia e inicialmente da Dirección General de Bellas Artes. Mais ante as presións de El Correo Gallego a favor do derrube, así como dun informe da alcaldía, Bellas Artes da permiso ó Concello e finalmente no outono de 1975 as máquinas entraban na praza de Galicia.

Un novo libro contará a historia do monumental edificio

Portada do libro De Quiqui Bar… a Castromil / Consorcio de Santiago de Compostela

O Consorcio de Santiago e Edicións Positivas acaban de publicar o libro De Quiqui Bar… a Castromil, de Francisco Macías. Nel preténdese lanzar un pouco de luz sobre a triste desaparición deste extraordinario edificio histórico así como do seu medio século de vida, dende o seu proxecto en 1922 ata o seu derrube no ano 1975. Aínda que non é o único monográfico publicado sobre o tema, si é o primeiro en galego e a máis profunda retrospectiva da vida deste desaparecido monumento.

O libro, do director de Edicións, preséntase mañá xoves na Fundación Torrente Ballester, ás 19:30 horas. No acto estarán, ademais do autor e coeditor, o alcalde de Santiago e presidente do Consorcio da cidade, Martiño Noriega, a xerente do organismo interadministrativo, Belén Hernández, e o responsable de Publicacións do Consorcio, Juán Conde. No acto lembrarase o que para moitos foi a agresión máis desafortunada do patrimonio contemporáneo da cidade e a triste desaparición dun dos edificios máis destacados do gran arquitecto Rafael González Villar.

 

Pode que che interese...