Así se recuperou o Banquete de Conxo 163 anos despois, cos políticos servindo ós veciños
Un banquete, no interior dunha carballeira preto do mosteiro de Conxo, organizada por eruditos e estudantes dunha clase privilexiada. Mais á comida foron invitadas persoas de todos os estamentos de Santiago, patróns e obreiros d e autoridades culturais do momento Entre eles Luís Rodríguez Seoane, Aurelio Aguirre, Eduardo Pondal ou Rosalía de Castro. Todos eles foron sentados á mesma mesa e foron os estudantes, aquela clase privilexiada, quenes vestidos de etiqueta serviron a cea a operarios e patróns. Foi o 2 de marzo de 1856 no antigo concello de Conxo.
Tal e como informamos o pasado sábado, isto foi o que se conmemorou esta fin de semana no barrio compostelán, ó pé do mosteiro e no fondo da carballeira. Pois este pasado marzo fixéronse exactamente 163 anos daquel histórico acontecemento e dous da publicación do libro Os últimos carballos do Banquete de Conxo, da editora Alvarellos. Agora o Concello quixo chegar máis alá e revivir aquel feito histórico cunha serie de celebracións conmemorativas no barrio compostelán, aproveitando a inauguración dunha senda peonil polo Sar que atravesa o que resta daquela histórica carballeira.
Entre os actos, na praza de Aureliano Aguirre, diante do Mosteiro de Conxo, e máis no fondo da antiga carballeira houbo actuacións coma a de Noe Black & The Bang Band, Ukestra do Medio ou Fanfarria Tiquicardia, ou concertos da Banda Municipal de Música de Santiago, da Coral do Psiquiátrico de Conxo e da Coral de Solfa. Tamén se fixo un mercado do libro e de artesanía, e unha retrospectiva divulgativa do feito cunha mesa redonda dirixida por Marcos Lourenzo. Tamén actividades para nenos e dúas visitas guiadas ó bosque conducidas por Henrique Alvarellos, así como e unha festa da poesía conducida por María Lado.
Mais destacou, sobre todo, o desfile teatral dende o centro de Santiago ata Conxo, a recreación do Banquete, ambos representados por Os Quinquilláns, e un xantar e romaría popular seguido dunha foliada tradicional. Neste xantar produciuse un feito insólito que encheu de sentido e de simbolismo toda a conmemoración, xa que foron os políticos da corporación municipal de Santiago, entre eles o alcalde Martiño Noriega, de En Marea, quenes serviron ós veciños, invitando a café e a outros produtos polas mesas. Todo foi nun radiante día de primavera colmado de sol.