fbpx
Na praza de Mazarelos situouse por moito tempo o instituto histórico da cidade / foto juantiaguésCCby Wikimedia

Así foi o primeiro instituto de Santiago e a súa excepcional biblioteca

Tempo de lectura: 4 min.

A mediados do século XIX triunfaron por fin en España as ideas liberais e progresistas herdeiras da Ilustración. Naceu daquela a intención de crear un sistema de escolarización e de estudos públicos auspiciado e financiado polo Estado que, a diferencia de ata ese momento, non estivera impartida polas antigas ordes relixiosas. Pois foran congregacións coma os Xesuítas as encargadas historicamente da formación mentres a Universidade procedía igualmente dos cabidos catedralicios. Daquela creuse por primeira vez que a educación non era un privilexio social de determinadas clases ou estamentos ou un acto de caridade cristiá senón un dereito de todas as persoas dun país.

Isto trouxo cambios estruturais importantes no ámbito da educación en toda España, e foi baixo o plan promovido polo Ministro de Gobernación, Pedro José Pidal, polo que se materializou este importante cambio. O coñecido como Plan Pidal, concretado no Real Decreto de 17 de setembro de 1845, mudou de xeito radical todos os niveis educativos incluída a ensinanza secundaria e a universitaria, dous grandes privilexios naquel momento. As universidades, que ata aquela funcionaban como grandes señoríos dependentes de rendas, pasaron a depender do Estado e o baleiro deixado pola expulsión dos Xesuítas tempo atrás foi enchido polas delegacións provinciais.

Conlexio de San Xerome primeiro instituto da cidade / foto gblancoCC0

En Santiago este cambio influíu especialmente na Universidade, que a partires de aquel momento viviría un período de grandes convulsións e mudanzas. O feble financiamento do Estado, a perda da histórica liberdade de cátedra, a capacidade para outorgar o título de doutor, así como outros dereitos, desapareceran da Universidade de Compostela. Quedaron tan so dez universidades en España, entre elas a nosa. Tamén se mudou a Secundaria. Esta ensinanza pasou a mans públicas creándose en cada capital de provincia un Instituto de Segunda Ensinanza.

O Instituto histórico de Santiago

Mais ó abeiro do Real Decreto de 17 de setembro de 1845 creouse tamén na cidade de Compostela o primeiro instituto de ensinanza secundaria da cidade. Segundo o que acabamos de dicir, non lle correspondería á cidade impartir ensino secundario, mais a cidade por excelencia da educación de Galicia non podía quedar con tal agravio, xa que coa presencia da orde xesuíta e a propia Universidade, a cidade de Santiago tivera dende sempre ensinanzas en todos os seus niveis. O caso é que Santiago foi un dos poucos exemplos do Estado o que se lle conferiu a posibilidade de ter instituto público sen ser capital de provincia. Precisamente por isto o instituto público de Santiago estivo ligado á USC.

Pazo de Fonseca primeiro edificio da USC dende a última década do século XV / CarmenCarbonellCC0

Ós primeiros institutos das capitais provinciais e, neste caso de Santiago, se lles coñece como institutos históricos. No caso do compostelán, polo feito de estar ligado á Universidade, a súa primeira sede foi, por tanto, o pazo de San Xerome. Mais coa división da universidade en facultades este pasou a unha localización xa histórica na cidade, a praza de Mazarelos, onde estivera o antigo colexio xesuíta. Coa ditadura o edificio, que ata ese momento era mixto, dividiuse en masculino e feminino, para o que se empregou o antigo colexio de San Clemente de Pasantes, tamén da Universidade, ó que se lle chamou Rosalía de Castro.

Detalle da Biblioteca de Xelmírez / foto Consorcio de Santiago de C.

O instituto histórico de Santiago, chamado Arcebispo Xelmírez, mantívose na súa actual localización ata a década de 1960, cando unha vez máis por necesidade de ampliación das instalacións da USC, agora coa Facultade de Letras, trasladouse de novo a antiga Escola de Xordos e Cegos, o actual San Caetano. Mais tampouco foi a súa última localización, pois coa chegada da Autonomía e a necesidade de un edificio histórico para as instalacións administrativas da Xunta, o Xelmírez trasladarase de novo neste caso ó Campus Sur, ó lugar que ocupa na actualidade o Xelmírez I. E dicimos Xelmírez I porque nese mesmo momento, en 1985, desdobraríase noutro colexio, o Xelmírez II situado en Vite.

Rememorando unha excepcional biblioteca

O actual Arzebispo Xelmírez I, nun edificio da década de 1980, do Çampus Sur, entre o Hospital da Esperanza e antiga Sala Nasa, foi verdadeiro herdeiro do instituto histórico. Polo menos no tocante a instalacións, de tal importancia como o seu laboratorio histórico e a súa biblioteca. Ambos nacen no período no que estivo vinculado á Universidade polo que teñen unha riqueza excepcional. Na biblioteca poden verse, por exemplo, xoias bibliográficas únicas ou escasas en Galicia, coma varios libros do século XVII, un exemplar de En las orillas del Sar de Rosalía de Castro de 1884, dicionarios, gramáticas, manuais ou atlas antigos procedentes de diferentes países.

Porén, en medio da importancia arquivística e bibliográfica da capital de Galicia, esta rica biblioteca do Xelmírez é unha das grandes xoias descoñecidas da cidade. Non para o concello de Noriega, pois este mércores, 18 de abril, inaugurouse a exposición “A pegada do coñecemento” unha exposición que reúne os principais fondos da biblioteca histórica do IES Arcebispo Xelmírez e que foi restaurada durante os últimos dous anos co apoio do Consorcio e investindo 22.000€. A exposición abrirase ata o verán na Casa do Cabido.

Libros históricos da biblioteca Xelmírez / foto Consorcio de Santiago de Compostela

O acto estará presidido polo alcalde de Santiago e presidente do Consorcio da cidade, Martiño Noriega e asistirán ademais os membros da Comisión Executiva, entre eles Carmen Alcalá, ou secretario xeral técnico da Consellería de Cultura,  Xesús Oitavén. Así mesmo, estiveron tamén o director do instituto, Manuel Portas, os comisarios da mostra, o profesor xubilado do centro César García Camporro e a restauradora Barca Cereijo, a xerente do Consorcio, Belén Hernández, e o responsable de Exposicións do organismo interadministrativo, Juán Conde.

 

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...