fbpx
meiga / darksouls1CC0

Cando eran elas, en realidade, as que lle cantaban ó mar de Vigo na Idade Media

Tempo de lectura: 3 min.

Da lírica galaico-portuguesa é ben sabido que os nosos trobadores e xograres deixaron unha herdanza cultural incalculable para a Idade Media europea. Xunto co occitano e o francés-provenzal, o galego-portugués foi o gran idioma da lírica medieval de entre os séculos XII e XIV, sendo tal a súa influencia que tanto os reis portugueses como casteláns escribiron nesta linguaxe. En lingua galego-portuguesa se escribiron cantigas de amor e de escarnio, ó xeito provenzal, cantigas relixiosas, coma as de Alfonso X, e cantigas de amigo, un xénero propio no que a voz feminina era cantada por homes poetas cunha extraordinaria sensibilidade.

Pero en pleno século XXI, e se seguimos á investigadora Tania Vázquez García, debemos replantexar o papel da muller na nosa lírica medieval. Quen cantaba daquela, por exemplo, ó mar de Vigo? Pois ata o de agora os investigadores apuntaban a que estas cantigas cantadas por homes eran ademais compostas por homes, e que seguramente a voz feminina proceda da influencia de composicións coma as jarchas mozárabes. E nada disto deixa de ser certo. Pero a nosa lírica, e dun xeito moi semellante ó que ocorría noutros lugares da Europa medieval, non era so cousa de homes.

Unha muller na Idade Media / xusenruCC0

Tania Vázquez apunta así que, máis alá da figura dos trobadores, nunha sociedade misóxina, existían outras figuras que servían e acompañaban a estes, seguíndoos na representación con cantos, música e danza. Esta figura é a da soldadeira. As soldadeiras eran mulleres, que por unha soldada ou xornal enriquecían o espectáculo engadindo a súa voz e os seus bailes, e en ocasións a súa propia música, aínda que, segundo a investigadora, é moi difícil precisar cales eran exactamente as súas tarefas. Polo xeral as soldadeiras, iso si, cobrarían o seu xornal en especie, comida, panos ou roupa, ou se cadra literalmente nunha soldada.

As soldadeiras nas cantigas de escarnio

Mais tristemente tamén se fala das soldadeiras coma mulleres de vicios e costumes relaxados. “Semella que a moral misóxina do momento confundiu ás figuras que vendían a súa arte con aquelas que vendían o seu corpo, quizais pola condición de vida irregular que levaban en ambos os dous casos”, como afirma a investigadora. De feito sabemos de certo destas mulleres artistas da nosa lírica precisamente grazas ás cantigas de escarnio, nas que aparecen destacadas polas súas cualidades negativas. Alusións á luxuria, a insaciabilidade e a promiscuidade destas mulleres que acompañaban ós nosos trobadores, son constantes nas cantigas, estendendo a palabra na época a aquelas figuras vilipendiadas por estes vicios. Mais non debe entenderse esta coma unha realidade.

Detalle do pergamiño Vindel

A investigadora analizou o emprego dos vocábulos soldada e soldadeira en obras literarias medievais en lingua vernácula de diferentes idiomas coma o occitano, francés, italiano, catalán e galego-portugués. Tamén en doce das dezaseis miniaturas do Cancioneiro de Ajuda.  Segundo estudos previos, o número de cantigas do corpus lírico profano galego-portugués nas que se fai mención ás soldadeiras podería ascender de feito ata as 43. Máis “na nosa proposta coidamos máis rigoroso restrinxir o corpus exclusivamente a aquelas composicións nas que as protagonistas son denominadas explicitamente soldadeiras polos seus autores”, un total de dezaseis restrinxidas tan só as cantigas de escarnio.

Tanía Vázquez García é Graduada en Linguas e Literaturas Modernas, no itinerario de Filoloxía Románica, coa mención de Premio Extraordinario,no ano 2015. O seu TFG, titulado Os xéneros dialogados na literatura románica medieval, recibiu a máxima cualificación e o IX Premio á Calidade Lingüística do SNL da USC na área de Artes e Humanidades. Actualmente é membro do proxecto “Prosa Literaria Galega Medieval” do CRPIH e continúa a súa formación investigadora no ámbito da literatura medieval en linguas vernáculas. Esta investigación foi presentada nunha ponencia na mañá de este luns no I Congreso Internacional “O Camiño do Medievalista”, organizado pola USC e o Cabido da Catedral de Santiago, nunhas xornadas que se prolongarán ata o venres 6 de abril.

Así podería ser unha soldadeira / contact857CC0

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...