Cando Verín e Cabreiroá tiveron unha das primeiras liñas de tranvía de Galicia
A primeira viaxe en tranvía foi en 1807 en Gales, cando a Oystermouth Railway comezou a usar carruaxes tirados por cabalos por unha liña sobre carrís. Foi o inicio do camiño de ferro no mundo mais tamén do tranvía propiamente dito. O novo sistema de transporte que posibilitaba a revolución industrial tiña dúas melloras moi notables fronte ós tradicionais coches de cabalos sen raís, un coeficiente de rozamento máis baixo entre roda e pavimento, neste caso carril, o que facía posible de feito arrastralo con menos esforzo, e a superficie completamente lisa dos raís, sen adoquíns nin pedras permitindo un confort interior que ata o momento nunca fora visto.
O tranvía tardaría relativamente pouco en chegar a cidades como Nova York en 1832, París en 1854, ou México, La Habana, Santiago de Chile, Río ou Bos Aires, onde se foron instalando entre 1858 e 1864. Converteríase daquela nun dos grandes protagonistas da mobilidades das grandes cidades do mundo permitindo con pouco esforzo mover grandes cantidade de xente por cidades xa daquela inmensas. A España chegaría en 1871 a Madrid, tan so un ano despois a Barcelona e Bilbao e unha década máis tarde a cidades como Málaga ou Cádiz. Mais o tranvía electrificado non comezou a funcionar en España ata 1897. A Galicia comezou a chegar precisamente neste co cambio de século, cando se crearon compañías en cidades como Vigo ou na Coruña na que se inaugurou no ano 1903.
Mais os proxectos pioneiros do tranvía galego non estiveron so nas grandes cidades, senón que a comezos do século XX foi Verín, unha das cabeceiras de comarca da provincia de Ourense, illada aínda de todo sistema ferroviario, a que veu o inicio do tranvía na provincia. O inicio da explotación no ano 1904 do balneario de Cabreiroá, na época termal por excelencia de Galicia, foi o que propiciou a curiosa iniciativa, así como a ampliación do negocio co embotellado das Augas de Cabreiroá, fixeron que no ano 1908, se crease entre este núcleo termal e a vila de Verín un dos primeiros tranvías de Galicia, neste caso de tracción animal.
Percorría un itinerario de 2,4 km, dende as portas do Gran Hotel ata a rúa Laureano Pelaez da capital comarcal. Tiña instalacións de cocheira e cadras e unha única obra de fábrica que fora a ponte sobre o Ábedes. A duración do traxecto era de tan so dez minutos. A liña usaríase tanto para mercadorías da pranta de embotellado coma para os bañistas que se achegaban ás instalacións. Non se sabe a data exacta na que deixou de funcionar, mais, segundo os investigadores, podería ser cara 1930.
Rememorando a liña
E é que foron dos investigadores da Asociación Carrileiros de Ourense, Manuel Boluda e Manuel Hernández os que se ocuparon de recuperar a memoria daquel pioneiro tranvía. Mais a iniciativa foi recollida pola Sociedade Antropolóxica Galega e máis polo propio Concello de Verín, e o pasado día 11 de abril se daban a coñecer nunha rolda de prensa unha serie de actos divulgativos que conmemoran o 110 aniversario da inauguración desta liña. Será unha exposición “110 Anos do Tranvía de Verín: Exposición conmemorativa” e unha charla conferencia “Un tranvía que fixo historia”, ambas organizadas pola biblioteca do Concello.
A exposición, que abrirá as súas portas o 24 de abril,ás 19:30 horas, faise un intenso percorrido pola historia deste medio de transporte urbano a través de distintos paneis que recollerán parte das investigacións feitas por Boluda e Hernández. A exposición poderá visitarse ata o 18 de maio. A conferencia, pola súa banda, será impartida o 27 de abril, ás 19:30 horas por Paco Boluda no Auditorio de Verín. Nela se explicarán os segredos daquel singular medio de transporte coa proxección de fotografías e planos orixinais da época, nun momento no que Cabreiroá foi un pulmón industrial para a comarca e a vila
O acto de presentación, que foi este pasado mércores, estiveron presentes, o alcalde de Verín, Gerardo Seoane, o tenente de alcalde e voceiro do grupo de goberno, Diego Lourenzo e a concelleira de Cultura, Emilia Somoza. Tamén o secretario da Sociedade Antropolóxica Galega (SAGA), Miguel Losada, e Paco Boluda, que ademais de investigador é o presidente da Asociación Carrileiros de Ourense. Tal e como declaraba Diego Lourenzo, estes dous actos conmemorativos tratarán de “por en valor e evitar que non se esqueza esta parte tan relevante da nosa historia colectiva”, e máis que iso, como explicaba Miguel Losada, é preciso recuperar “aquel Verín que, dalgunha maneira, descarrilou dos tempos da historia e que pode volver a ser aquela vila pioneira, dinámica e moderna que era hai 110 anos”.