fbpx
Cumios do Courel nevados / Íñigo M. Riobó

Coñece a outra imaxe do Courel que non sae nos libros

Tempo de lectura: 5 min.

A Semana Santa é a época por excelencia para visitar o interior de Galicia, e o Courel é unha zona privilexiada a estas alturas do ano. Especialmente cando o inverno non quere acabar de se marchar e a primavera está ansiosa por dar comezo. A Serra e a comarca do Courel, o lugar de terra coa maior biodiversidade de Galicia, a súa natureza, a súa cultura e as súas xentes semellan renacer durante a Semana Santa e espirse para ós visitantes, mostrando os tesouros que esta comarca, allea ó revolucionado mundo urbano, mantén aínda no seu interior.

Montañas cargadas de neve, castelos e castros trepando polas serras. Ferrerías, muíños, sequeiros, devesas aínda espidas de folla e actividades que sacan o mellor dos seus artesáns ou dos seus poetas son algúns dos tesouros que viven aínda no interior da comarca. O Courel daquela mostra todos os matices do entretempo. E é que achegarse ó Courel ás portas da primavera xa é unha experiencia, pero cando os seus habitantes te abren as súas portas e as maquinarias do ferro, da castaña e da poesía se mostran a comarca loce especialmente.

San Pedro de Esperante / Íñigo M. Riobó

Xa a propia natureza é un regalo neste momento, pois nesta Semana Santa a comarca non so nos agasallou coa súa natureza espida e os seus bosques caducifóleos enchidos de soutos deseosos por renacer, senón que ademais este ano, a primeira lúa da primavera déixanos tamén os últimos coletazos do inverno e os cumios dos montes da comarca enchidos de neve. De feito se esta Semana Santa accedemos á comarca dende o norte o primeiro agasallo que a comarca nos dá é o espectáculo da neve entre o Cebreiro e Seoane do Courel, no seu acceso pola LU-651. Unha nevarada importante que nos nos abandona ata adentrarnos de xeito profundo no val.

Roteiros, soutos, castros, sequeiros e castelos

Así, coa neve nos cumios, os regatos enchidos e a vexetación agardando para rebrotar, este final de marzo é unha época do ano única para percorrer os seus roteiros de sendeirismo. Non son nin moito menos poucos e nos deixan sorpresas patrimoniais que sorprenden. Unha destas rutas é a dos sequeiros de Mostade e de San Pedro de Esperante. Este roteiro sobe dende Esperante ata Mostade por empinados camiños enchidos de carballeiras e soutos ata chegar a esta segunda aldea. No lugar se atopa un dos soutos máis extensos da comarca e un dos que ten unha maior concentración de sequeiros -construccións tradicionais para o secado e almaceamento das castañas- para baixar de novo á beira do río Lor.

Castelo do Carbedo no Courel / foto Íñigo M. Riobó

Neste roteiro, moi preto do Acampamento O Courel atopamos a igrexa de San Pedro de Esperante, unha das xoias da zona. Esta parroquial de entre os séculos s.XVI e XVIII mostra de xeito claro as formas sinxelas das igrexas do Courel, cruz latina, con muros de mampostería pizarrosa e tellados amplos e pouco empenados. Tamén unha espadana, un pórtico no lateral dereito apoiado en dúas columnas do século XVI e unha porta de madeira de entrada de probablemente mediados do XIX. No interior retablos barrocos e ricas tallas de San Pedro e da Virxe. Nesta parroquia no lugar de Carbedo foi atopada una tabula hospitalis de bronce cun texto en en latín da época da romanización.

Outra das rutas privilexiadas é a do castelo de Carbedo e do monte Cido, que comeza na aldea de Esperante e sube ata os altos da montaña do Courel. Unha vez máis soutos e sequeiros volven ser unha constante, pasando ademais por dous castros nunha das súas variantes, ata chegar ó alto dun primeiro outeiro poboado de aciñeiras. Neste alto atópase o castelo de Carbedo, as ruínas dunha antiga fortaleza do século século XII que se ergue solenme entre os montes da comarca. Esta fortaleza erguida na Idade Media para fortificar o paso entre Galicia e o Bierzo, conserva aínda parte dos seus muros e do seu torreón circular. O sur divísase o cumio do monte Cido.

Visitas guiadas á ferrería de Seoane e á casa museo de Uxío Novoneyra

Unha das grandes industrias do Courel dende a ocupación romana foi a do ferro. Ademais de en época romana aparece documentada dende o século XI, máis é entre os séculos XVI e XIX cando acada o seu maior desenrolo, nunha gran rede dende O Courel ata O Bierzo. Unha destas grandes ferrarías da zona e a Ferraría Nova ou Ferraría de Seoane, que toma o seu nome da familia que durante séculos traballou este complexo. Foi fundada en 1808 e transformada en 1920 en fábrica de luz, funcionando ata 1990. No ano 1999 foi restaurada parcialmente pola Xunta de Galicia. O domingo 1 de abril un dos descendentes da familia abriu o complexo facendo unha singular visita guiada as instalacións.

Ferrería de Locay en O Courel / foto Íñigo M. Riobó

Outra dos grandes agasallos que deixou o Courel durante a Semana Santa foi a posibilidade de visitar tamén a casa museo ou casa natal do gran poeta do Courel Uxío Novoneyra. O seu fillo Uxío, foi o anfitrión principal para quenes desexaron visitar, na aldea de Paderne, a casa deste destacado persoeiro das nosas letras. A casa, un auténtico museo vivo, que aínda sirve como residencia da familia Novoneyra, é unha auténtica homenaxe a partes iguais ó mundo da labranza e o mundo das letras, á do Courel e máis a ligazón única entre a tradición e v máis ancestra e a vangarda máis ilustrada. Unha unión esta que se deu en poucos lugares coma na nosa cultura e en concreto en torno á figura de Novoneira.

A casa museo contén tamén a memoria da herdanza republicana e máis da brutal represión que sufriu Galicia trala Guerra Civil. Xa que os seus fortificados muros non so foron refuxio de artistas e poetas amizados coa familia, senón que foi ademáis o escondite do alcalde republicano de Seoane do Courel e de varios concelleiros que tralo levantamento tiveron que agocharse na casa da familia Novoneyra. Alí tiveron que pasar unha década completa agochados no falsoteito do sobrado das cortes para evitar a tortura e o paseo. Tamén foi a morada de Uxío, un escritor que despois de pasar por Madrid e París, e ser unha das personalidades máis importantes das letras na capital do Estado, decidiu voltar á aldea e traballar a terra, e describir ó mundo dende este lugar único de Galicia.

Taza de barro con versos de Uxío Novoneyra / foto Íñigo M. Riobó

Escrito por

Historiador da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, Máster en Renovación Urbana y Rehabilitación e Diploma de Estudos Avanzados en Arte, Urbanismo e Patrimonio. Especialista en fotografía esférica. Especialista en arquitectura e territorio. Xestor de Contidos en Historia de Galicia. www.inigomouzoriobo.eu

Pode que che interese...